O Diario dun Mercado chega nunha nova edición para traer as novas actualizacións do que está a acontecer nas oficinas do noso fútbol. Hai renovacións, hai adeuses e tamén hai firmas de todo tipo, e o máis importante é que todos os equipos lucenses están facendo os deberes para agasallarnos unha tempada moi movida.
Renovacións de gran importancia no mercado
E as continuidades son importantes, porque nos bancos dase a de Iago Núñez, que permanecerá un ano máis no banco do Castroverde. Pese ao descenso á Terceira Futgal nesta campaña, os da Veiga do Olmo van manter a base do proxecto. Nese núcleo, unha parte importante é a que forman os capitáns Richard Huerta e Gelo, que van agrandar a súa traxectoria no club.
Tamén hai renovacións importantes no canto dos xogadores. O mercado certifica que viviremos unha tempada máis de Xusto Pardeiro no fútbol sénior. O de Cangas de Foz seguirá no Torre, equipo da Primeira Futgal coruñesa por terceira campaña consecutiva.
Xa dentro dos nosos marcos, Clemente continuará gardando a portería do Lourenzá, mentres que Fabio e Alonso farán o mesmo no Iberia. No Incio Terra Brava seguirán López, Kenny, Raúl e Antón para seguir na persecución do ascenso.

Movementos de gran importancia
O mercado tamén nos pon novidades coas que hai que poñer moita atención. A primeira chega en Viveiro, onde Alberto López non continuará no banco debido a que os mariñáns buscan un cambio de proxecto despois de acadar a permanencia na última tempada. Na Mariña tamén hai unha marcha importante como a de Dani Torrente, que non segue no Celta Barreiros despois de ter pouco protagonismo na súa segunda tempada sénior.

