#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Lemos convivirá con dúas fases de ascenso ata o final

O Lemos B é o único equipo lucense da Segunda que aspira ao ascenso a través da promoción. Resultados dispares nas semifinais provocan que non haxa final lucense. O Lemos B logrou igualar a eliminatoria co Pino e pasou nos penaltis. En cambio, o Guitiriz sucumbiu ante o Xuventude Dorneda. O cadro de Oleiros será precisamente o rival do filial lemista.

Ao non pasar o Guitiriz á final, o fútbol lucense nin se asegura un terceiro ascenso á Primeira. O Lemos B terá que pelexalo ante un rival da Segunda coruñesa. Esta situación supón, como xa vimos comentando dende 2024, que os equipos lucenses teñan menos posibilidades de escalar divisións

Dos seis equipos clasificados para xogar a final polo ascenso na zona norte, o Lemos B pertence a Lugo e o resto a provincia da Coruña: dous do grupo coruñés (Xuventude Dorneda e Atlético Castros), un do da Costa da Morte (Xallas), un do de Santiago (Agrón-Barcala) e outro do de Ferrol (San Sadurniño).

O Lemos B xoga tamén o domingo na Marola de Oleiros

O filial non poderá animar ao primeiro equipo na súa pelexa polo ascenso á Terceira RFEF. A presenza de ambos conxuntos en cadansúa fase de ascenso está dificultando as axendas dos integrantes do Club Lemos. Aínda que nos encontros de volta desta pasada fin de semana, si se puideron cadrar máis ou menos os horarios, a ida da final coincide practicamente á mesma hora.

O Lemos B xoga o domingo ás 18:00 h no campo da Marola, onde actúa como local o Xuventude Dorneda. O mesmo día, ás 19:00 h o primeiro equipo do Lemos recibe ao Portonovo, na ida da final por subir á Terceira.

Esta circunstancia tamén dificulta que o primeiro equipo poida botar man dos xogadores do filial. Aínda así, o defensa Dani Blanco, que xogou 20 partidos co filial e marcou 9 goles, está participando na promoción co cadro dirixido por Marcos Vázquez ‘Marquitos’.

Cartel do VI All Star Futbolinlugo

O Lemos B sorrí nos penaltis

Os penaltis ditaron sentenza na eliminatoria entre o Lemos B e o Pino (4-3). O cruce quedou igualado (2-2), logo de que o filial fore capaz de gañar o partido de volta pola mínima.

Foi un encontro moi diferente o do Reboredo. O plan dos locais saíu ben ao inicio. Xeraron ocasións sobre o céspede da Pinguela e, á media hora de xogo, puxéronse por diante por medio dun gol de Cereijo, outro dos grandes protagonistas da tempada.

A partir de aí, coa eliminatoria igualada, os pupilos preparados por Yesi trataron de marcar o segundo. O Pino buscou o gol a balón parado, pero non lograron xerar grandes ocasións.

Un Lemos B hábil nas segundas xogadas estivo cerca de anotar o segundo, pero non acertou. Na prórroga, os dous conxuntos acusaron os esforzos que esixe a Pinguela e faltoulles claridade para ir a pola eliminatoria.

Nos penaltis decidiuse o cruce. A pesar do fallo de David Díaz, autor do gol clave da ida, Lamús, Nico Ferreiro, Guti e Adrián atinaron nos catro restantes.

O Guitiriz cae con honra ante o Xuventude Dorneda

Non saíu ben o Guitiriz no Suso Cruz. A pesar do apoio da súa xente nun día de celebración en Guitiriz coa Festa da Torta de Millo, custoulle aos locais practicar o seu fútbol. Jesús xa realizou unha boa intervención ao comezo.

Logo, o certo é que non pasaron grandes cousas, pero os visitantes marcaron dous goles no primeiro tempo tras accións a balón parado. Javi Calvo anotou un gran gol para o Xuventude Dorneda. Xusto antes do tempo de lecer, chegou o segundo. O colexiado deullo a Carlos Gayoso, aínda que un lixeiro rebote nun xogador local foi o que propiciou o tanto.

No segundo acto, o Guitiriz foi máis recoñecible con respecto aos seus bos partidos da campaña. Xerou ocasións e incluso se produciu un gol fantasma nun remate de Roi. Avanzada a segunda metade, recurtou diferenzas por medio de Sergio Campello.

No tramo final, o partido rompeuse máis. Os locais buscaron o empate e os visitantes trataron de facer dano ao contragolpe. Pediu un penalti o Guitiriz, que o árbitro non concedeu. Nos últimos minutos, Simón sentenciou.