O Racing cae na Madalena catorce meses despois

Non foi unha boa xornada para os equipos lucenses da Terceira. Racing Vilalbés e Viveiro caeron ante Bergantiños e Somozas, os que posiblemente son os dous grandes candidatos a rematar no liderato do grupo A. O Polvorín non disputou o seu encontro por un positivo no seu rival, o As Pontes.

O Racing Vilalbés perde na Madalena ante o Bergantiños, o último conxunto que logrou gañar no feudo chairego.

24 de novembro de 2019. Foi o día da última derrota na Madalena dun Racing que aquel día caera diante do Bergantiños. Foron de novo os de Carballo quen acadaron o triunfo nun campo racinguista nesta xornada baleiro de público por mor das restriccións impostas polas autoridades sanitarias.

Cada conxunto foi mellor nun tempo. Os de Simón Lamas superaron ao seu rival no primeiro, pero os erros na definición privaronlles de adiantarse no marcador. A ocasión máis clara levou a sinatura de Jose Varela, que rematou un centro do hoxe titular Rares, pero atopouse coa gran intervención de Brais Pereiro. Cuadrado tamén puido anotar, pero un zagueiro visitante sacou o seu lanzamento cando se colaba na portería.

Na segunda metade o Bergantiños despertou e só tardou dez minutos e adiantarse no marcador. Un saque longo do gardameta superou a liña defensiva chairega e o balón recolleuno Yelco que superou a Javi Rumbo. Doce minutos máis tarde, unha recuperación de balón do conxunto de José Luis Lemos propiciou o segundo tanto, obra de Marcos Remseiro. O técnico do Racing Vilalbés moveu o banquiño coa entrada de Aitor e Santi Gegunde. Este último gozou dunha ocasión para anotar, pero o sau lanzamento saiu desviado.

Primeira derrota do ano para o Viveiro, que non tivo opción no campo do Somozas.

Chegou a primeira derrota do 2021 para o conxunto mariñán. Foi no campo do líder, un Somozas que non botou en falta a Pablo Rey, a gran estrela do cadro de ferrolterra, e saiu ao campo sen dar opción ao seu rival.  Aos vinte minutos chegou o primeiro tanto, obra de Luis Chacón que colocou o balón na escadra de Manu Cedrón. Tentouno o conxunto adestrado por Chusky, pero non chegou con claridade a portería rival, tan só Tichu con dos lategazos desde fóra da área obrigou a intervir ao garda eta local.

A segunda metade non comezou da forma soñada polos mariñáns. Unha forte entrada de Uriol a un rival foi sancionada con vermella directa e o Somozas soubo aproveitar a súa superioridade numérica. O ex do Racing Vilalbés Iago Blanco non tardou en poñer terra de por medio cun bo testarazo logo dun centro lateral. Co encontro xa sentenciado, Luis Nuño fixo o terceiro e definitivo desde o punto de penalti.

Debutou nunha convocatoria co cadro celeste o zagueiro Nico Madero, procedente do Paiosaco, que reforza a liña defensiva do Viveiro. Quen non voltará a vestir a zamarra dos mariñáns é o ariete Gerardo Carrera, a quen o clube rescindiu o contrato.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 409

Deja un comentario