#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Pol logra a primeira vitoria da historia na Preferente

O Trío de Ases O Cantón achéganos a un día histórico no Municipal de Pol. O cadro local logrou a primeira vitoria da súa historia na Preferente. Foi no derbi provincial diante dun Ribadeo que segue sen gañar. O Lemos igualou no campo do Val e o Escairón caeu na casa co Lalín.

Na Terceira RFEF, o Racing Vilalbés reencontrouse coa vitoria nun bo encontro diante do Vilalonga e o Polvorín igualou na Cheda co Valladares. Sarriana e Viveiro caeron como locais diante de Gran Peña e Somozas, respectivamente.

Mal encontro da Sarriana que cae na Ribela co Gran Peña (1-3)

Segunda derrota consecutiva como local da Sarriana. Os de Jaime Paz non tiveron o seu día e o Gran Peña non tardou en adiantarse cun tanto de Dani Rosas. Os sarriaos buscou facer o seu fútbol combinativo, pero non foi quen de xerar demasiadas ocasións de gol. Malia todo, nun bo centro de Azael, un defensor vigués introduciu o balón na súa propia portería.



Con empate no marcador, a Sarriana buscou con empeño o tanto da vitoria no segundo tempo, pero non estivo atinada. Cos locais volcados cara a portería rival, dúas contras finiquitaron o encontro. Dani Rosas e Mateo foron os autores dos goles.

Un Racing Vilalbés superior gaña na Madalena ao Vilalonga (2-0)

Volveu vencer o cadro chairego logo de dúas xornadas sen facelo. Foi nun encontro de dominio local, no que o Racing xerou un bo fútbol combinativo, asociándose moi ben no medio do campo e xerando perigo por ámbalas dúas bandas. Alberto Leira contou cunha boa ocasión para adiantar aos de Alberto López. O Racing errou unha pena máxima cometida sobre Martín, xusto antes de que o propio Martin fixera xustiza ao visto sobre o céspede da Madalena tras rematar á escadra un saque desde o curruncho.



No segundo tempo, o Racing Vilalbés seguiu xerando perigo con Borja Míguez e Asier moi participativos. Precisamente un tiro do dianteiro rexeitouno o gardameta Rodri, pero o focense moi atento rematou no segundo pao ao fondo da portería. O Vilalonga arriscou na procura dun gol que o metera no partido, pero as ocasións máis claras á contra tívoas o Racing, con Borja Míguez e Anthony como protagonistas.

O Viveiro colleita a segunda derrota consecutiva diante do Somozas en Cantarrana (0-2)

Non saiu ben o Viveiro nun encontro trampa fronte ao Somozas. Os ferrolterráns, con moito máis potencial que o que reflexa a clasificación, chegaban a Cantarrana cun só punto, e rápido amosaron o seu potencial. Os de Jandri Rego non atoparon o seu fútbol e á media hora de xogo Álex Ares transformou un claro penalti cometido por Teiko. A ocasión máis clara para o Viveiro chegou nun centro de Lucas Fanego que Adri Lombao rematou no segundo pao.

No segundo tempo, Iñaki Leonardo puxo terra de por medio cun bo disparo desde fóra da área. Os mariñáns non foron quen de apretar o marcador e o Somozas puido logar o terceiro nun lanzaemento que se estrelou no pao.

O Polvorín empate en inferioridade diante do Valladares (1-1)



Dominou o Polvorín na primeira metade. O filial albivermello chegou con claridade á área rival, pero faltoulle claridade no último pase para xerar ocasións claras. O gol lucense chegou pasada a media hora de xogo. Julito, cun lanzamento de falta maxistral adiantou ao Polvorín. O encontro estaba de cara para os de Dani Galán, pero xusto antes do intermedio Freire viu o cartón vermello ao interpretar o colexiado que o balón tocara na man dentro da área. Un penalti e expulsión que marcou o partido. Os visitantes, que non crearan perigo ata ese momento, igualaron desde os once metros.

No segundo tempo, o Polvorín tivo que xogar en inferioridade e interpretou moi ben o xogo ata o minuto vintecinco. Nese periodo contou con boas chegadas á área rival. No último tramo, o cansanzo fixo mella nos albivermellos, pero apenas xeraron ocasións, salvo nun lanzamento de falta desde a frontal.

O Lemos suma un punto que sabe a pouco no campo do Val (1-1)

Boa primeira metade dos monfortinos, que dominaron o encontro e xeraron varias ocasións de gol, con Diego Torres, Adri Salgado e Armesto como protagonistas. O gol dos de Juanlu Bernal chegou preto do intermedio. Un saque de falta lateral rematouno Diego Torres ao fondo da portería logo de que a zaga local non atinase a despexar.

No segundo tempo o Val foi a polo empate e xa chegou a área rival, a diferencia do periodo incial. Os achegamentos dos naroneses non supoñían gran perigo para a portería de Losada ata que a falta de quince minutos para o final Panizo viu dúas tarxetas amarelas e o Lemos quedou en inferioridade. No saque de falta, logo da expulsión, Manu González estableceu o empate. No tramo final, o Lemos defendeu o empate diante das acometidas dos de Joaquín Rico.

O Escairón cede no Municipal fronte ao potente Lalín (0-3)

Comezou mellor o Escairón, que foi superior ata o ecuador dun primeiro tempo no que os dous conxuntos optaron por un fútbol directo. Os de Óscar Moure puidéronse adiantar no marcador cun balón que se estrelou no longueiro e outra boa ocasión de Rubén Díaz. Pero foi o Lalín o que se adiantou nunha rápida contra que culminou Brais Pedreira.

No segundo tempo, o Lalín non tardou en poñer terra de por medio, obra de Vila. O tanto fíxolle dano ao Escairón que tivo uns momentos de desconexión. Aínda así contou con boas ocasións para achegarse no marcador, todas a balón parado. Non foi posible, e xa preto do final Diego Enjamio sentenciou o choque a favor do cadro lalinense.

O Pol acada un triunfo histórico no derbi fronte ao Ribadeo (1-0)

Primeiro triunfo da historia para os chairegos na Preferente. Un día para o recordo no seo do Pol, que venceu a un Ribadeo que segue sen sumar de tres neste temporada e ocupa o penúltimo posto da táboa clasificatoria.

O encontro resultou parello, con moito respeto entre ámbolos equipos que trataron de non cometer erros que os penalizaran. Foi o Pol quen propuxo máis ofensivamente e xerou algunha ocasión na que a falta de acerto lle impediu marcar. O Ribadeo tentou marcar a balón parado sen éxito.

No segundo tempo o encontro seguiu o mesmo guión que no primeiro ata que xa co tempo regulamentario cumprido, un defensor ribadense cometeu un claro penalti sobre David que transformou Mauro.

Foto de portada: Facebook Ribadeo FC.

O Pol logra a primeira vitoria da historia na Preferente

Dani Delgado (Escairón): «A vitoria foi un

O Pol logra a primeira vitoria da historia na Preferente

Pouca efectividade nos Máxicos da xornada 6

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *