#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Pouca efectividade nos Máxicos da xornada 6

Os Máxicos da Primeira Futgal seguen a facer das súas para outogarlles puntos aos seus equipos. Salvatierra Abogados patrocina un martes máis unha das nosas seccións predilectas.

O Guntín e o Racing Villalbés ‘B’ igualan sen goles (0-0). Partido con moito fútbol directo, duelos e segundas accións nas que o cadro local tivo un pouco máis de presencia. O Guntín viu como se lle anulaba dous goles por fóra de xogo, mentres que os Máxicos chairegos reclamaron un penalti na recta final. Ao final, resultado gafas xusto nun choque moi parello.

Empate que deixa insatisfeitos a Pastoricense e a Lourenzá (1-1). Foron mellores os Máxicos locais na primeira metade: Manupa fixo o 1-0 antes do descanso nunha acción individual e o Pastoricense puido ampliar a renda. No segundo tempo, un erro defensivo permitiu que o Lourenzá empatase a contenda e, desde o 1-1, ambos conxuntos buscaron o tanto que lles dese os ansiados tres puntos. Porén, a boa actuación de Clemente e a falta de efectividade visitante impediron que houbese máis goles no Acebreiro, 1-1.

Igualdade entre Outeiro e Residencia na matinal do sábado (0-0). Os capitalinos levaron o peso do choque nun primeiro tempo sen ocasións moi claras de gol, mentres que os locais agardaron repregados e trataban de saír ao contragolpe. Xa na segunda metade, o Outeiro de Rei gozou de tres oportunidades claras, a máis destacada un man a man que rexeitou Marcos, mentres que a Residencia puido anotar cun remate de Pereira. Ao final, as defensas impuxéronse e o marcador non se moveu, 0-0.



O San Lázaro cae diante dun Chantada Atlético en boa forma (0-3). Numerosas ocasións de gol a prol dos chantadinos, que dominaron o choque de principio a fin. O marcador ao descanso semellaba curto para o visto sobre o verde das Gándaras (0-1), e no segundo tempo a efectividade visitante fixo mella sobre un cadro local que aínda busca coller o pulso da categoría.

Un derbi cargado de tarxetas inclínase do lado do Burela (1-2). O máis negativo do choque foi a lesión de Aarón, o xogador do Foz, que mantivo o choque parado ao ter que agardar pola ambulancia e ao que desde aquí mandamos unha forte aperta. Unha acción fortuita saldouse cun desenlace tráxico para o futbolista local.

Os goles chegaron na segunda parte, aínda que xa houbera ocasións no primeiro tempo. Os Máxicos de Pelayo adiantáronse cun tanto de Róber, pero o Burela non baixou os brazos e empatou á saída dun córner. Despois chegarían a expulsión do local Jose, do visitante Jairo Campo e un desconto de 7′ no que os de Oke remontaron o choque cun gol de Jairo López nunha acción moi protestada polo banco local e que supuxo que os puntos marchasen cara Burela.



tres «0-0» nos Máxicos da sexta xornada

A SD Chantada supera a un correoso Santaballés (2-1). Os chairegos fixeron un bo exercicio defensivo ao longo dun primeiro tempo no que neutralizaron aos locais. Porén, a entrada de Xende no tempo de lecer traduciuse en dous goles que puxeron o choque de cara para a SD Chantada. Un autogol de Pedro achegou ao Santaballés no marcador, pero a solidez mostrada polos de Traste permitiu que os tres puntos quedasen no Sangoñedo.

Moito respecto e poucos goles no Monterroso-Oural (0-0). A primeira metade brillou pola igualdade, mentres que os Máxicos visitantes tiveron maior presencia en campo rival no segundo tempo. Aínda que os de Cerdeiriños apretaron nos intres iniciais da segunda metade, os sarriáns gozaron de numerosas ocasións que non foron quen de anotar e deixaron escapar dous puntos dun feudo vermello que viu un bo fútbol por parte de ambos conxuntos.

O Castro da a volta ao choque en Meira (1-2). A primeira parte foi gris por parte de ambos conxuntos, aínda que o Meira fixo o 1-0 cunha acción de fútbol directo e o Castro empatou nun saque de esquina. Tras a reanudación, os Máxicos de Dumi reaccionaron e fixeron o segundo gol. Os visitantes non baixaron o ritmo tras a remontada e gozaron de numerosas opcións para sentenciar, pero a falta de efectividade fixo que os locais mantivesen a esperanza ata o último intre dun choque que ao final caeu do lado vermello.

O Taboada afunde ao Xove no segundo tempo (5-2). Unha primeira parte de imprecisións fixo que o partido se puxera tolo e o resultado ao descanso fose de 2-2. Porén, os Máxicos de Martín Murado conseguiron levar o choque ao seu xogo no segundo tempo, facéndose co control das segundas accións e elaborando un fútbol máis vertical que se traduciu en goles e que deixou os tres puntos no «Canti».

A Milagrosa «Progresa» en Frigsa coa súa primeira victoria (3-1). Pese a que o Progresista enviou un balón ao poste nos primeiros minutos de xogo, os locais tomaron o mando do choque e completaron unha primeira parte inmellorable que lles permitiu chegar ao descanso cunha renda de 3-0. Na segunda metade, os Máxicos de Madriles controlaron os ataques rivais e mantiveron a calma para tan só encaixar un gol e deixar os tres puntos no Gorgoso.



máxicos

Pouca efectividade nos Máxicos da xornada 6

O Pol logra a primeira vitoria da

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *