O partido da xornada . . . Viveiro – Polvorín: A Veiga acolle un derbi marcado pola incerteza

A Terceira chega á súa décimocuarta xornada e faino cun bo número de partidos adiados por positivos en Covid-19 e coa incerteza dun futuro marcado por unha pandemia que non da tregua. Afortunadamente, os tres equipos lucenses poderán, a data de hoxe, disputar os seus encontros. O Racing Vilalbés visita aos veciños do As Pontes o domingo ás 16:30 horas. Será o debut no Poboado de Manuel Losada “Chollas” no banquiño local que se atopan nunha situación delicada na táboa con tan só nove puntos. Os de Simón Lamas tentarán voltar á senda da vitoria logo da derrota da Cheda.

Na matinal do domingo, ás 12 horas en no campo da Veiga de San Cibrao, por mor da mala situación epidemiolóxica,  o Viveiro enfróntase no derbi provincial ao Polvorín. Seis puntos separan a ámbolos conxuntos na clasificación, pero dadas as circunstancias desta temporada, esta diferencia obriga a ámbolos conxuntos a pelexar por obxectivos distintos.

O conxunto mariñán non puido disputar o seu encontro da pasada xornada ao detectarse un positivo no Fisterra, e retorna á competición con necesidade de acadar tres puntos para tentar escapar dos postos de promoción de descenso aos que caeu logo dos triunfos no último encontro de Silva e Arzúa. Boa parte das opcións do Viveiro pasarán por acadar a tan desexada seguridade defensiva. Aínda que foi quen de manter a súa porta a cero en dúas das tres vitorias acadadas en Cantarrana (diante de Estudiantil e Racing Vilalbés), catro derrotas das cinco colleitadas polos mariñáns foron por tres ou máis goles, unha delas ante o seu rival nesta xornada A nivel ofensivo, o conxunto de Chusky é o máis goleador dos seis conxuntos que nestes momentos pelexarían por salvar a categoría.

Pola súa parte, o Polvorín disputará en Viveiro o seu terceiro derbi provincial consecutivo. Ao igual que o seu rival nesta xornada, non o filial albivermello non disputou o seu encontro da duodécima xornada diante do Fisterra, e enfrontouse ao Racing Vilalbés dúas veces en once días. Logo da contundente derrota da Madalena, que cortou unha gran xeira de xogo e resultado dos lucenses, os de Álex Ortiz souberon repoñerse e derrotaron aos chairegos a pasada xornada na Cheda con dous tantos de Christian, que con nove goles é o segundo máximo realizador da Terceira, tan só por detrás de Pablo Rey. Un triunfo do Polvorín no feudo viveirense situaría ao filial do C.D. Lugo na pelexa polo liderato da categoría.

Sen enfrontamentos previos en Cantarrana entre Viveiro e Polvorín na Terceira, o último encontro entre ámbolos conxuntos tivo lugar o 18 de febreiro de 2018 en Preferente e rematou con triunfo visitante 1-3. Adiantáranse os mariñáns cun tanto de Julio Camba, pero o filial remontou cun tanto de Morais e un dobrete de Coqui. Os hoxe viveiristas Pablo Rey, Javi Rey e Facu disputaran o encontro coa camisola do Polvorín.

Falamos do encontro con Javi Rey (Viveiro) e Marcos (Polvorín).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

JAVI REY (VIVEIRO C.F.)

Javi Rey, coa camisola do Polvorín, o día do ascenso deste a Terceira.

 – O Polvorín. “Agardo un partido complexo. Eles veñen de gañar o derbi e eso sempre é un plus para afrontar o seguinte encontro. Un filial sempre é un equipo que mantén un ritmo alto durante todo o partido, debido á calidade dos seu xogadores, así como aos horarios e días de adestramento que realizan durante a semana”.

 – A Veiga. “O equipo atopábase moi cómodo en Cantarrana e estábamos competindo moi ben. Non é doado ter que mudarse a outro campo para ter que mudarse para xogar como local, xa que, como tódolos equipos aos puntos da casa dámoslle moita importancia e son claves para conseguir obxectivos.  Pero estamos preparados para competir na Veiga. O céspede artificial está case novo e pódese practicar un bo fútbol. Agardemos que non nos afecte e saquemos o encontro adiante”.

– A mellorar respeto da primeira volta. “Debemos ser máis intensos para gañar os duelos no un contra un que se dan nun partido e cometer o mínimo de erros individuais. Contra un equipo que xenera tanto como o Polvorín, este tipo de erros poden penalizarnos moito”.

– As opcións do Viveiro na segunda volta. “Debemos reducir o número de goles encaixados. Iso daranos moita confianza. Afrontamos os encontros que nos faltan con moita ilusión e indo ao máximo en cada un deles. Coa pandemia que estamos a vivir debemos disfrutar de cada partido que imos xogar”.

MARCOS (POLVORÍN)

Marcos no encontro desta temporada diante do Somozas. Foto: Endie DoaRúa

 – O derbi. “Creo que será un encontro semellante ao da primeira volta. Naquel encontro o xogo e as ocasións foron moi parellas, non houbo grandes diferencias, pero rematamos goleando grazas ao acerto ante a porta contraria, sobre todo de Christian que marcara os catro goles.

– O rival. “O Viveiro entendo que nos tentará sacar o balón. Nós sen posesión pasámolo peor, aínda que este ano teñamos un pouco máis fortes en defensa. Dadas as características dos seus xogadores creo que por aí pasarán as súas opcións. Creo que o encontro perderá atractivo ao non disputarse nun campo como Cantarrana e sen público”.

 – A incerteza do futuro. “Afrontamos este encontro e cada un dos que veñan como se fose o último. A situación actual da pandemia pode que nos obrigue a parar, polo que non se pode gardar nada para o seguinte encontro, porque é posible que non o haxa. Nunha temporada normal contemporizas, priorizas enontros ou tentas que non che saquen tarxeta para non perder o seguinte. Neste contexto imos con todo”.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 405

Deja un comentario