O partido da xornada . . . S.D. Santaballés – S.D. Residencia: os de Meilán visitan ao conxunto revelación

Un dos clásicos da Primeira Autonómica está a dala campanada neste comezo de competición: o Santaballés. E este domingo ás 16:30, recibe no campo da Liga a un dos grandes favoritos ao ascenso: a Residencia.

O cadro chairego, adestrado esta campaña por Simón Lamas, que ademáis está a facer unha gran labor na base do Racing Vilalbés, atópase logo de sete xornadas na segunda posición, cedendo tan só unha derrota na Pinguela ante o líder e un empate no seu feudo ante o Friol. O conxunto de Santaballa foi quen superar a equipos que previsiblemente rondarán a zona alta da clasificación como Riotorto ou Taboada, e na última xornada gañou no campo da Mina ante un correoso Sporting Pontenova. Nove puntos nos tres últimos encontros, que serven pra recibir a un dos favoritos ao ascenso coa moral alta e con marxe de puntos suficiente.

A Liga, polo momento, só viu como o seu equipo só cedeu un punto ante o Friol

Pola contra, a S.D. Residencia non comezou a competición da mellor forma. É certo que o conxunto capitalino tivo que lamentar baixas de xogadores importantes, que deixaron a disciplina do clube o pasado verán, pero de tódolos xeitos a Resi, por historia debe ser un equipo punteiro en primeira. Nestas sete xornadas ligueiras suma oito puntos, a falta de xogar o encontro adiado a primeira xornada ante o Chantada Atlético. Malia que os resultados non son os agardados, os lucenses foron quen de golear ao Friol na Reigosa e como locales ao Burela e lograron arañarlle un punto ao Lemos.

O último enfrontamento entre os dous equipos no campo da Liga foi na temporada 2016/2017 e rematou con empate a dous tantos, sendo autores de un tanto cada un os nosos protagonistas: Álex Novás e Dani Galán.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Álex Novás (S.D. Santaballés)

Álex Novás é o segundo máximo goleador da categoría

Prudencia e traballo. “Aínda é moi cedo para etiquetarnos como equipo revelación, pero creo que o bo comezo do equipo se debe sobre todo ao traballo entre semana, estamos adestrando moi ben e hai compromiso e unión no grupo. Estamos tendo moitas lesións pero non se están a notar debido ao alto nivel de toda a plantilla. Unha das claves é que concedemos poucas ocasións e ademáis amosamos unha gran efectividade en ataque”.

Ilusión. “Afrontamos o encontro diante da Residencia como calquer outro, pero con moita ilusión de seguir facendo as cousas ben e sumar de tres en tres, e máis se cabe diante da nosa afección”.

O rival. “Son un equipo moi disciplinado e organizado, con unha plantilla que mezcla xogadores experimentados na categoría con outros moi xoves, pero creo que se seguimos na nosa liña, podemos sacalo encontro adiante”.

Dani Galán (S.D. Residencia)

O último triunfo. “Era importante sumar tres puntos ante o Burela, sobre todo ao vir dunha derrota e que agora temos dous encontros a domicilio. Tendo en conta que houbo moitos cambios na plantilla e que o equipo aínda se está acoplando, é básico poder sumar nestes partidos”.

Dani Galán, calidade e experiencia ao servizo da Residencia

O encontro na Liga. “Tódalas temporadas é un dos desprazamentos  máis complicados. Polo nivel do rival, o gran ambiente e tamén porque é un campo que por superficie e dimensións dista moito do que temos na casa. Ademáis o Santaballés está a amosarse moi forte nesta fase de competición”.

A nova Resi. “A plantilla sufriu moitas novidades con respecto á temporada pasada, por iso agora o importante é acoplarse como equipo e ir sumando puntos para situarse nunha zona cómoda da clasificación. A partir do comezo da segunda volta veremos ata onde podemos chegar”.

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

– Polvorín – C.D. Arenteiro (Domingo ás 12 horas na Cheda): coa obriga de gañar para abandoalo último posto da táboa, o filial do C.D. Lugo recibe, na xa remozada Cheda, a un rival complicado. Os do Carballiño son séptimos a só tres puntos dos postos de play off.

Preferente Norte

– Viveiro C.F. – S.D. Sofán (Domingo ás 17 horas en Cantarrana): logo do bo encontro realizado no campo do Montañeros, os de Chusky buscarán facer bo o punto colleitado a domicilio, ante un sempre complicado Sofán. Os bergantiñáns están a só dous puntos do Viveiro.

Iván causará baixa no Viveiro logo da ser expulsado ante o Montañeros

– S.D. Sarriana – Xallas F.C. (Domingo ás 18 horas na Ribela): invictos, e tan só a dous puntos do líder, os de Alberto López tentarán prolongala racha de xogo e resultados que os manteña na zona de privilexio. Os de Santa Comba non coñecen a derrota logo do troco de adestrador.

Primeira Autonómica

– Taboada C.F.  – C.D. San Ciprián (Domingo ás 16:30 horas na Medela): os de Martín Murado, que suman catro encontros sen coñecela derrota, e son terceiros na táboa reciben a un San Ciprián, que logo da incorporación de Borja Mella resurxiu e xa é oitavo.

O gol no San Ciprián volta a levar a sinatura de Borja Mella

C.F. Riotorto – S.D. Pol (Domingo ás 17:30 horas na Veiga): encontro entre conxuntos con rachas contrapostas. Os de Labrada, que veñen de gañar no campo do Escairón, levan cinco encontros invictos, mentras que o Pol viu freada a súa boa clasificación logo de caer derrotado nos seus dous últimos enfrontamentos.

Segunda Autonómica

– Mondoñedo F.C. – Guitiriz S.D. (Sábado ás 16:30 horas no Viñas da Veiga): o líder, invicto e imbatido, mídese cos pupilos de Israel Cruz, que con tres goles a favor e tan só dous en contra foron quen de sumar oito puntos.

– E.D. Lourenzá – Iberia C.F. (Domingo ás 16:30 horas en Santa Cruz): logo dun comezo dubitativo, os de Diego Rego suman dúas victorias consecutivas. Reciben ao conxunto de San Miguel, que non gaña desde a primeira xornada de liga.

Rivalidade e compañeirismo no Lourenzá – Iberia da pasada temporada

– C.F. Portomarín – C.D. Guntín (Sábado ás 16:30 horas no Chao da Poza): tras empatar no campo do San Lázaro, Sergio Arias e compañía tentarán superar ao líder, que chega a este encontro logo de infrinxirlle ao Ferreira a primeira derrota do curso.

 Terceira Autonómica

 – S.C.D. Milagrosa – C.D. Alfoz (Domingo ás 19 horas no Luis Gorgoso): os capitalinos, que sumaron a primeira derrota da temporada no Pichón reciben a un Alfoz que suma dúas victorias consecutivas.

O Alfoz, coa chegada de Casal ao banco, sumou os seis últimos puntos en xogo

C.D. Río Sil – Quiroga F.C. (Domingo ás 17 horas na Carqueixa): os soberinos reciben ao líder da categoría, que non cedeu un só punto a domicilio.

 Segunda División Feminina

 – P.M. Friol C.D. Lugo – Sárdoma C.F. (Domingo ás 17 horas na Reigosa): as lucenses buscarán continuar a súa gran racha de resultados ante as vigueses do Sárdoma.

Primeira División Galega

 – S.C.D. Milagrosa – Victoria C.F. “B” (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): coa moral da primeira victoria da temporada, as branquivermellas buscarán darlle continuidade ante un dos cunxuntos máis potentes da categoría.

Segunda División Galega

 – S.G. Comercial – Vioño C.F. (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): logo das dúas últimas derrotas, as lucenses necesitan recuperala senda do triunfo ante un conxunto coruñés que aínda non coñece a derrota.

Carballedo C.F. – P.M. Friol Lugo “B” (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): derbi a priori desigual, pero ben seguro que o conxunto local tentará poñer en problemas ao filial do CD Lugo.

 

 

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario