#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O partido da xornada . . . Residencia, Ribadeo e Foz: tres equipos, un mesmo obxectivo

Residencia vs Ribadeo, 2021

A competición na Preferente deixounos reservadas fortes emocións para a xornada final. Con todo o peixe vendido no grupo de ascenso, o interés céntrase na pelexa pola permanencia. O descenso do Arousa, que empurrou ao Noia desde a Terceira, unido á xa sabida perda de categoría do Sofán, fixo que saltara á palestra a terrible palabra: arrastre. Nen máis nen menos que oito conxuntos de Preferente perderán a categoría esta temporada. Ademáis dos dous últimos de cada un dos tres grupos de permanencia, os dous peores terceiros tamén xogarán a vindeira temporada en Primeira Autonómica. Ademáis, o formato de competición, xunto coa norma un tanto interpretable da Federación Galega, deu lugar nos últimos días a diferentes visións das posibilidades reais de cada conxunto, o que sumou se cabe, máis tensión á que xa de por sí é unha semana difícil para calquer escadra que loite polo obxectivo da salvación. A propia Federación aclarou a situación, tal e como publicou Futbolinlugo.

Dous equipos lucenses, Santaballés e Escairón, xa consumaron o descenso nas últimas xornadas e outros tres pelexarán nesta derradeira xornada por evitalo. Será en horario unificado o domingo ás 18 horas.

A Residencia é o conxunto lucense mellor situado para evitar o descenso. Segundo clasificado do grupo D1 con dous puntos máis que o Puebla (que descansa nesta xornada e xa non sumará máis) e que o Ribadeo. Os de Dani Galán reciben na Cheda ao pechacancelas do grupo, o Estudiantil. Un triunfo dos lucenses, diante dun conxunto que a duras penas está rematando a temporada, outorgaríalle automáticamente a permanencia. Un empate non lles serviría no caso dun triunfo do Ribadeo. A terceira praza condearíaos se As Pontes é terceiro no grupo D3. A pouco probable derrota da Residencia condearía aos capitalinos salvo que o Xallas non sexa quen de gañar o seu encontro fronte ao Santaballés.

O segundo conxunto lucense en liza é o Ribadeo. Os mariñáns, que tiveron opcións de clasificarse para o grupo de ascenso ata a derradeira xornada da primeira fase, parecían salvados a falta de tres xornadas, pero dúas derrotas consecutivas, despois de dezaseis sen perder, complicaron sobremaneira a situación. Os de Dani Moirón reciben no Pepe Barrera a O Pino, líder do subgrupo e xa cos deberes feitos, coa obriga de vencer para non depender doutros resultados. Un triunfo garántelle a continuidade en Preferente. Un empate só supón a permanencia en caso dun triunfo do As Pontes no campo do Boiro. Un empate dos de Rafa Casanova unido ao empate ribadense remataría cos celestes en Primeira ao ter peor coeficiente que os ponteses. Unha derrota do Ribadeo non serviría en ningún caso para manter a categoría.



O Foz, que parecía descendido non fai moitas datas, chegou á derradeira xornada con vida. As contas dos focenses son máis sinxelas que as dos outros dous conxuntos lucenses, pero non máis doadas de acadar. Nunca lle serviría o terceiro posto, polo que o único resultado válido é un triunfo diante do Victoria, conxunto que tamén se xoga a vida no Martínez Otero. Ademáis, os pupilos de Gayol precisan que o Laracha non sume os tres puntos diante do Boimorto. Con esas dúas premisas, os mariñáns seguirían a vindeira temporada en Preferente.

Falamos cos tres adestadores antes da vital cita do domingo.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

DANI GALÁN (RESIDENCIA)



  • Máxima ilusión. «Dependemos de nós xogando na casa e coa nosa xente. Por iso estamos ilusionados en acadar o gran obxectivo de manter a categoría, sobre todo despois do comezo desta segunda fase con encontros que tiñamos de cara contra Ribadeo e Puebla que rematamos perdendo, ao igual que contra O Pino. Viamos que eramos superiores ao rival e calquer erro puntual condenábamos. Transmitinlle a miña confianza ao grupo e fíxenlles saber que podiamos vencer en tódolos encontros que restaban. Polo momento así foi. Quédanos un, así que agardamos completar a fazaña».
  • A traxectoria. «Durante o ano propuxemos unha idea de fútbol clara, sendo protagonistas con balón, pero penalizábanos a pouca efectividade ou erros defensivos. Mantivemos a idea na segunda fase, pero coa diferencia de que a sorte nos acompañou. Tivemos moitas lesións, que nos lastraron moito como as de Lucas, Veloso ou Javi Raposo, pero por sorte os xuvenís aportáronnos moito. Nun club de canteira como o noso é unha gran nova».
  • A permanencia. «A nosa aposta pola xente da casa é clara e manternos en Preferente supón unha gran saída para tódolos chavales que rematan en xuvenís. Para eles é un aliciente e para nós tamén. Somos o único equipo da cidade que está nesta categoría e iso reforza máis o traballo que se está facendo desde a base».

DANI MOIRÓN (RIBADEO)

  • Traballo anímico. «O encontro non chega no noso mellor momento, sobre todo despois do revés sufrido contra o Puebla. Esta semana estivemos traballando o aspecto anímico fundamentalmente e vexo ao equipo preparado e concienciado».
  • Unha boa temporada. «Fixemos unha primeira fase moi boa, na que a piques estivemos de meternos na pelexa polo ascenso. Encadeamos dezaseis encontros sen perder e o que sería habitual nunha temporada normal, que son dúas derrotas consecutivas, penalizáronnos moito neste sistema de competición. Debemos ver que só son dúas derrotas. Contra a Residencia o marcador puido caer para calquer lado e diante do Puebla ata os vinte minutos últimos o encontro foi igualado. O cansanzo mental de xogar finais cada semana pasounos factura, pero estamos mentalizados para acadar o obxectivo diante da nosa xente».
  • Non depender doutros campos. «Comezou a semana algo convulsa coas diferentes interpretacións da norma, pero a Federación deixouno claro. Se gañamos salvámonos, sen mirar para outros encontros, e iso é moi importante».
  • A clave do encontro. «Creo que fundamental manter o equilibrio entre a calma e a intensidade. En noventa minutos pasan moitas cousas e temos que facer un bo partido desde o minuto un, maduralo e intentar manter a portería a cero como xa fixemos en bastantes ocasións, e a partir de aí buscar o gol que nos de a permanencia».

JESÚS GAYOL (FOZ)

Foto: El Progreso
  • Moral polas nubes. «Chegamos nun gran momento a este encontro e convencidos de que podemos seguir un ano máis en Preferente. Despois de darnos por mortos durante boa parte do ano vemos que estamos moi vivos. Estamos animados e con confianza para conseguir o obxectivo».
  • Xogando en dous campos. «Non dependemos de nós mesmos, pero o Boimorto foi quen de gañar por oito goles na ida a un Laracha que chega con cinco baixas importantes. Nós temos que gañar imperiosamente e agardar que o Laracha perda algún punto».
  • Ampla melloría. «Ao final da primeira fase xa fumos moito máis competitivos, e só erros individuais nos privaron de lograr mellores resultados. Nesta fase de permanencia fomos superiores aos rivais na maior parte de encontros. Competimos mellor e sentímonos máis seguros, froito tamén dos bos resultados».
  • O significado da permanencia. «É moi importante para o club manterse na Preferente e ademáis dalle ao pobo un status. Historicamente xogamos moitas temporadas nesta categoría e aquí queremos seguir. Ogallá se de a oportunidade e podamos artellar un equipo máis equilibrado para o vindeiro ano».
  • O Victoria. «É un moi bo equipo, que tamén se xoga a salvación aquí. Tiveron moitas baixas durante a liga que lles impediron estar máis arriba. Preocúpame sobre todo a velocidade á espalda da defensa con xogadores hábiles e moi rápidos. Será un encontro dificilísimo, con moita incertidume, onde xogas todo a cara ou cruz. O que soporte mellor a presión será o que leve o gato á auga».

A AXENDA

PRIMEIRA GALEGA FEMININA – FASE DE PERMANENCIA

  • Antas – Victoria B (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): última xornada na que as locales se xogan a permanencia. Un triunfo outorgaríalle a salvación. Se non é quen de gañar dependería do resultado do Chispa.

PREFERENTE – FASE DE ASCENSO

  • Sarriana – Paiosaco (Domingo ás 18 horas na Ribela): despedida da segunda temporada consecutiva na que os sarriaos bicaron o ascenso. Os de Edu Rodríguez tentarán despedirse cun triunfo diante da súa afección. O Paiosaco buscará manter o liderato.
  • Lemos – Sigüeiro (Domingo ás 19:30 horas na Pinguela): logo de tres xornadas sen gañar, os monfortinas quererán agasallar á súa afección cun triunfo nun encontro que unicamente pode servir para escalar algún posto na táboa.

PREFERENTE – FASE DE PERMANENCIA D3



  • Xallas – Santaballés (Domingo ás 18 horas na Fontenla): os chairegos, xa sen opcións de permanencia, xogan diante dun rival directo dos lucenses. Unha derrota dos de Santa Comba facilitaría a salvación de Residencia ou Ribadeo.

PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA D1

  • Sporting Pontenova – San Roque (Domingo ás 18 horas na Mina): enfrontamento directo pola salvación. O cadro local ten moitas posibilidades de manter a categoría se acada os tres puntos, pero tería que agardar o resto de resultados, sobre todo de Preferente. Os de Manolo García terán que gañar e agardar a que os resultados dos rivais os favorezan.
  • Folgueiro – Monterroso (Domingo ás 18 horas en Boa Vista): logo dunha temporada moi complicada os de Anxo Fernández teñen a permanencia de cara, aínda que un mal coeficiente en caso de empate a puntos. Os tres puntos son vitais diante dun Monterroso xa salvado, pero os vicedenses terán que agardar outros resultados, sobre todo da Preferente.
  • San Lázaro – Pastoricense (Domingo ás 18 horas no Rodríguez Lago 1): co conxunto local xa descendido de xeito matemático, son os de Vitín os que teñen en xogo continuar outro ano máis en Primeira. Dependen do que pase en Preferente e tamén doutros campos de Primeira, pero fundamentalmente deben sacar adiante o seu encontro.

PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA D2

  • Xove Lago – Alfoz (Domingo ás 18 horas no Municipal): o cadro local está obrigado a conseguir os tres puntos para poder manter a categoría. Terá que agardar polos demáis resultados, pero o seu bo coeficiente pode axudarlle. Os visitantes xa saben que xogarán en Segunda o vindeiro ano.
  • Lourenzá – Guntín (Domingo ás 18 horas en Santa Cruz): cos de Roberto Ramallal xa cos deberes feitos, o Guntín depende de si mesmo para ser terceiro, posto que conseguirá cun triunfo. Despois terá que agardar o número de descensos de Preferente.

COPA DEPUTACIÓN – PREFERENTE E PRIMEIRA AUTONÓMICA

  • Riotorto – Escairón (Domingo ás 18 horas na Veiga): logo do descenso de categoría, os do Saviñao ven na Copa unha oportunidade para rematar a temporada con bo sabor de boca. O cadro local, que foi quen de competir ben na fase de ascenso a Preferente, non llo porá doado.

COPA DEPUTACIÓN – SEGUNDA E TERCEIRA AUTONÓMICA

  • Antas – Milagrosa (Domingo ás 19 horas no Castro Seoane): dous conxuntos que pelexaron ata a derradeira xoradada de liga polo ascenso, que caeu do lado local. Atractivo encontro copeiro.
  • Friol B – Candelaria (Domingo ás 18:30 horas na Reigosa): o filial do Friol atópase nun bo momento e tentará aproveitalo na Copa. Os de Rúa, un dos favoritos para o título buscará avanzar na competición.

O partido da xornada . . . Residencia, Ribadeo e Foz: tres equipos, un mesmo obxectivo

Ata o 40 de maio, non te

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *