O partido da xornada . . . dúas finais para baixar o pano desta temporada

Este domingo porase o broche a esta temporada 2018/2019 no fútbol lucense. O esceario é o idóneo: A Madalena, onde se viviron moitos dos momentos máis apaixoantes desta campaña, e onde o Racing fixo historia disputando dúas eliminatorias de playoff. Pero desta vez, non xogarán os de Gilsanz, senón que se disputarán dúas finais, a da Copa Feminina ás 17 horas, e a da Copa de Preferente e Primeira Autonómica ás 19 horas.

PELUQUERÍA MIXTA FRIOL – ANTAS S.D. (FINAL DA COPA FEMININA)

Abrirán fogo ás 17 horas as rapazas nun encontro de altos voos. O Friol, que milita en Segunda División Nacional, e que a vindeira temporada será equipo vinculado ao C.D. Lugo, enfróntase ao Antas, recén ascendido a Primeira Galega, logo dunha temporada pra enmarcar das rapazas de Melendo.

O Friol deixou na cuneta en semifinais á Milagrosa, logo de deixar sentenciada a eliminatoria na ida na Reigosa, amosando o por qué da categoría na que militan, e tentarán poñer o broche a unha gran temporada levantando o trofeo provincial.

O Antas S.D. buscará dar a campanada na Copa

Pola súa banda, o Antas tamén tivo unha eliminatoria plácida ante o Ribadeo, gañando a domicilio na ida, e goleando no Castro Seoane. Tras realizar unha campaña ligueira prácticamente perfecta, as da Ulloa queren pechala ao grande. “Chegamos a esta final con moitas ganas e moita ilusión de conseguir algo importante, e moi concienciadas de que pode ser o ano que se poña contra as cordas ao poderoso Peluquería Mixta Friol”, apunta Melendo, técnico do Antas. As xogadoras, logo do ascenso de categoría gañaron en confianza e según Melendo, “sabemos que o que era imposible, como gañar a copa, este ano podemos logralo. Sabemos que será difícil e que imos sufrir, pero é a única opción. Se xogamos como temos preparado ben seguro que teremos posibilidades”.

S.D. PÁRAMO – S.D. OUTEIRO DE REI (FINAL DA COPA DE PREFERENTE E PRIMEIRA AUTONÓMICA)

Nada máis rematala final feminina, ás 19 horas, xogarase a final da Copa de Preferente e Primeira Autonómica, entre dous equipos que chegaron a esta competición nun gran momento de forma, clave a estas alturas de temporada: Páramo e Outeiro de Rei.

O Páramo, en racha, tentará a súa primeira Copa Deputación

O conxunto de Fontal, que logrou a permanencia en Primeira na derradeira xornada goleando a domicilio ao Bóveda, afronta a súa primeira final. O camiño para chegar a ela non foi doado. Na primeira rolda eliminou á Sarriana na quenda de penaltis. En oitavos goleaou ao Xermade, mentras que en cuartos voltou a triunfar nos penaltis na Pinguela ante o Lemos. Na semifinal, nun gran encontro do meta Lisboa, o Páramo desfíxose do Viveiro e plantouse na final, que afrontan con gran ilusión. Corbelle, goleador do Páramo en semifinais apunta que “é unha gran oportunidade para o clube e para nós. Estamos ilusionados e mentalizados, e temos que facer un bo papel na final“.  Para Corbelle é clave manter o nivel dos últimos encontros, “confío en facer un bo encontro. Somos un grupo unido que tiramos todos para o mesmo lado. Os últimos resultados déronse grazas a que formamos unha familia, máis que un equipo“. O xogador do Páramo cédelle a presión ao seu rival “son os favoritos. O Outeiro ten grandes xogadores que veñen de xogar nunha categoría superior, unha mezcla de xóvenes e veteranos que sincronizan moi ben entre eles, pero daremos guerra“.

Acadar a Copa endulzaría a temporada do Outeiro, a pesar do descenso a Primeira

O Outeiro de Rei, malia a competir na Copa co mal sabor de boca de non poder manter a categoría en Preferente, chegan á final dun xeito moi meritorio. Logo de quedar exente na primeira rolda, eliminou a domicilio ao Ribadeo en oitavos, ao Monterroso en Cerdeiriños en cuartos, e goleou ao Taboada na Medela en semifinais. “Unha final non se xoga tódolos anos. Hai ilusión e iso sempre axuda a estas alturas de temporada“, recoñece Pereira, dianteiro do Outeiro de Rei. Pese ao descenso de categoría, remataron a liga amosando un gran nivel de xogo e conseguindo os mellores resultados do ano. Según Pereiratardaron en saírnos as cousas e nunha competición tan dura como a Preferente págase moi caro. Na Copa estivemos competindo a un gran nivel, defensivo e ofensivo e agardamos poder mantelo na final“. Non dubida en afirmar que vai ser un encontro moi difícil ante o Páramo, “sempre foron un equipo moi intenso e que disputa os partidos ao cento dez por cen. Estou seguro que vai ser un gran partido“.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario