A Segunda Rexional non parou no Entroido e permitiulle ao Paradela ser o gran triunfador da semana. Gañou dous partidos en tres días ao xogar o encontro pendente co Becerreá. Colócase a un punto da fase de ascenso no sur.
Logo da 21ª xornada, o Guntín agora é máis líder ao perder o Ferreira co Carballedo. Os tres últimos equipos da clasificación puntuaron a pasada finde. No norte, o Meira xa lle quita seis puntos ao segundo.
Quedan 27 puntos en xogo nunha liga que só descansará na Semana Santa (segunda finde de abril). A competición regular rematará a última fin de semana do mes das ‘augas mil’. Contámolo en #ONoso11AChaira.
Na zona norte, case podemos dicir que na parte alta todo pasou polo Concello de Barreiros. O Meira beneficiouse do resultado do duelo directo entre o Iberia e o Folgueiro. Mentres que os de Labrada derrotaron no Cascabeiro a un Celta Barreiros condicionado tamén polas baixas do Entroido de Foz.


Os locais presentáronse cunha convocatoria de doce futbolistas. Deron a cara na primeira metade pero coa efectividade do Meira viñéronse abaixo. Os visitantes marcaron tres goles, anuláronlles dous e tiveron ocasións para que o resultado fose máis amplo.
Salientou o gol de Iván Pérez ‘Panchito’. O centrocampista de Pol pegoulle ao balón case dende o medio do campo para pechar a conta anotadora dos seus.
O Meira ten seis puntos máis ca o 2º, acumula 15 vitorias e este domingo xoga co Cospeito (3º e a 9 puntos de distancia). Non poderá contar co central Triunfante que cumpre partido de sanción por acumulación de cartóns amarelos.

Sen dúbida, o gran partido da zona alta xogouse nas Valgas. O Iberia e o Folgueiro chegaban como terceiro e segundo na táboa, respectivamente.
Con todo, non houbo goles e o empate provoca que entre eles siga habendo cinco puntos de diferenza. Mesmo resultado ca na primeira volta, polo que o gol average tamén está igualado.
Foi un encontro equilibrado no que ambos equipos coinciden que foi un empate xusto. Sen excesivas ocasións, as máis claras case chegaron ao final. Ninguén estivo atinado na definición.

O Cospeito volve á 3ª praza e o guitiriz ‘exíliase’ no noreña basanta
Con este empate, o Cospeito regresa á 3ª praza. Reencontrouse coa vitoria antes de visitar ao líder. Derrotou ao Goiriz e queda a tres puntos do Folgueiro e dous por riba do Iberia.
Os pupilos preparados por Luis Romay foron superiores na Fonte. Non obstante, erraron bastantes ocasións e o partido estivo vivo por mor do resultado. Finalmente remataron 2-0.

En postos de promoción de ascenso mantense o Guitiriz, aínda que empatou co Alfoz. O cadro guitiricense actuou como local pero non xogou na casa. O encontro celebrouse no Noreña Basanta de Parga, por mor dos traballos de conservación que se están realizando no Suso Cruz.
Evidentemente un campo novo sempre pode condicionar o partido. A dureza do terreo de xogo levou a un choque moi trabado. Os locais adiantáronse no primeiro tempo por medio dun penalti.
No segunda parte, o Alfoz tivo o empate a través dunha falta lateral cuxo balón peinou Ayoub e petou no longueiro. Máis tarde, si conseguirían a igualada por medio de Aderito. O marcador xa non se movería.
Muimenta e Candelaria ás portas do play off pero sen gañar
O Guitiriz marca a zona de play off cun punto de marxe sobre o Muimenta e catro con respecto á Candelaria.
O Muimenta caeu na súa visita ao Xermade pola mínima. Non fixo un mal encontro, pero o desacerto e gran actuación do gardamallas Ángel Prieto impediulle sacar algo positivo.
Os locais puxéronse por diante nunha acción a balón parado no primeiro tempo. Pouco despois puideron ampliar vantaxe por medio dun penalti. Cancio detivo o lanzamento.
Na segunda parte, seguírono intentando os visitantes pero non foron quen de facer gol. O Xermade defendeuse e sacou tres puntos moi valiosos para sumar a segunda vitoria seguida e coller algo de diferenza coa parte baixa.
A Candelaria mantense a catro puntos da promoción, aínda que leva tres partidos sen gañar. Empatou na casa ante un Cabreiros que se está afacendo a sumar puntos ante os rivais da zona alta (Meira, Cospeito e Candelaria no que vai de 2ª volta).
Os visitantes foron quen se puxeron por diante no marcador no primeiro tempo. Case se pode dicir que houbo unha parte para cada equipo, aínda que os locais empataron antes do descanso. No segundo acto tiveron ocasións para levar o partido.

O Xermade lidera a outra liga
Xa levamos unha semanas comentando a fenda que se produciu no grupo norte. Polo momento a diferenza mantense. Aínda así, as dúas últimas vitorias do Xermade sitúano a nove puntos da zona de play off.
Neste caso, de momento do que máis debe estar pendente é do antepenúltimo posto que ocupa o Roupar con 23 puntos. Cinco de diferenza entre dous equipos do Concello de Xermade que se veran as caras esta finde. No club verde non poderá ser da partida Sito que cumpre sanción.
Outro que escalou postos na táboa foi a Comercial. Tres triunfos nos últimos catro encontros. Venceu pola mínima a un rival directo como o Castro B. Non estivo ben o filial ante un equipo que fixo un bo traballo coral aínda que sen brillar en exceso.
O cadro dirixido por Andrés Rodríguez desequilibrou a balanza co gol de Jony. O peor para a Comercial foi a lesión de Javi Saavedra. O centrocampista está pendente de saber o alcance da doenza no seu xeonllo dereito.
Despois do Xermade e da Comercial, na clasificación segue o Alfoz con 25 puntos e un trío con 24 puntos: Castro B, Fonsagrada e Cabreiros. O Cabreiros e o Castro B xogan este domingo noutro duelo directo.
Precisamente, o Fonsagrada venceu pola mínima ao Roupar que queda con 23 puntos na zona de máis perigo ante os posibles arrastres.
O porteiro Jorge foi un dos protagonistas do triunfo do cadro fonsagradino. Púxose por diante con dous goles no primeiro tempo. Acabou sufrindo de máis no segundo acto logo de que Esteban marcara para o Roupar.

O Guntín máis líder CA NUNCA Á ESPERA DO PARTIDO CO FERREIRA
Na zona sur, o Guntín ten agora catro puntos de vantaxe sobre o segundo clasficado. Aproveitouse da derrota do Ferreira e alcanza os 49 puntos ao sumar o 15º triunfo da campaña.
O líder venceu pola mínima no Ladairo ao Lemos B. Foi un encontro igualado onde incluso ambos porteiros tiveron protagonismo. Resultou decisivo o gol de Álvaro Buján xa no segundo tempo.
Este domingo ás 16:30h no Baliño o segundo e o primeiro clasificado veranse as caras nun encontro que pode marcar o devir da parta alta da táboa. Na primeira volta o conxunto de Pantón gañara 0-2 no Ladairo. O Ferreira perde ao defensa Luigi que cumpre sanción por ciclo de cartóns.
O Ferreira perde despois de once encontros
Once partidos sen perder e cinco vitorias consecutivas eran as que levaba o Ferreira. Todo comezou como estaba sendo habitual no Baliño. Os locais adiantáronse nos primeiros minutos de xogo cun gol olímpico de Julito.
Os grupo preparado por Jesse tivo máis ocasións no primeiro tempo, pero non estivo acertado. A falta de máis goles acabárona pagando na segunda metade cando o Carballedo remontou o resultado.
Monchito marcou os dous goles dos visitantes. Un deles nos últimos intres do duelo. O triundo dálle ás a un Carballedo a quen o seu bo facer nos partidos non se estaba traducindo en puntos. Segunda vitoria da temporada, só gañara ante o Brollón en decembro.
Na terceira praza segue o Friol ao vencer a un San Roque que se presentou con baixas na Reigosa. O equipo presidido por Rafa Casanova queda a sete puntos do liderado e ten cinco de marxe con respecto ao seu inmediato perseguidor.
O Friol marchou ao descanso gañando 2-0 marcando nas ocasións que tivo. No inicio do segundo tempo, os locais anotaron o terceiro. Con todo, os visitantes non renunciaron ao encontro.
Caillou marcou para os seus, unha vez máis, a balón parado. O Friol respondeu rapidamente co cuarto. Na recta final do encontro, o partido entrou nun ida e volta que acabou co segundo tanto do San Roque; un gran gol de Edgar.
A Milagrosa volveu gañar tras dúas xornadas sen facelo. É cuarta na clasificación con dous puntos de marxe sobre a sexta praza. Venceu pola mínima no derbi capitalino ante un San Lázaro que queda a seis do play off.
Os de Diego Rey foron mellores nun primeiro tempo no que se puxeron por diante. Nada máis volver dos vestiarios, Anxo, cun gran gol que entrou pola escadra dende fóra da área, marcou o empate para a Mila.
Outro bo gol foi o de Faus. O dianteiro lucense consumou a remontada cunha xogada individual dentro da área. Tentouno o San Lázaro ata o final e a Mila probou sorte á contra, pero o marcador xa non se moveu.

O Paradela: o sábado a seis puntos do play off e o martes a un
Na quinta e na sexta praza están o Becerreá e o Paradela cun punto de diferenza. Ambos equipos xogaron dous partidos polo Entroido (o Becerreá dous en 48 horas).
Primeiramente desputaron cadanseu duelo correspondente a 21ª xornada. O Martes de Entroido xogaron entre ambos o encontro que tiñan pendente dende xaneiro.
Aínda que o Becerreá segue en postos de play off, o máis beneficiado foi o Paradela. O conxunto preparado por Antón Méndez e Javi Gómez perdeu na fin de semana co Brollón.
O conxunto da Pobra púxose por diante na primeira metade cun gol de Pablo Tourón. Foi superior a un Becerreá que mellorou ao inicio do segundo acto. Á hora de partido, nunha contra, Maza puxo o 2-0 no marcador.
A pesar da vitoria, o cadro local amosouse moi descontento coa actuación arbitral. Na recta final do partido, o Brollón quedou con nove xogadores sobre o campo pola expulsión de Rivera e de Jorge Tourón. Anteriormente fora expulsado o segundo adestrador Ibán Pires. Jorge Tourón foi castigado con seis partido de sanción.
Pola súa parte, o Paradela venceu ao Oural, equipo do que estaba a seis puntos o sábado pola mañá e terminou empatando a 35 puntos con el o Martes pola tarde.
Non estivo acertado o cadro de Sarria e o Paradela soubo levar ben o peso do encontro. Esteban foi un dos xogadores máis destacados marcando un gol e dando o pase doutro.
O encontro do Martes de Entroido estivo igualado e vistoso de ver. Se ben, só houbo un gol, o que marcou o Paradela na segunda metade logo dunha acción a balón parado. O Becerreá non estivo acertado nas súas oportunidades.
A novena praza é ocupada agora mesmo polo Sporting Lucense. Atópase nunha zona intermedia a oito puntos da promoción e nove puntos por riba do 13º posto (unha posición orientativa que pode marcar a zona de salvación en función dos arrastres). O seu próximo encontro co Paradela pode marcar cara onde mirará o equipo nos dous últimos meses de competición.
O club preparado por Lolo empatou na súa visita ao Corgo. Os de Abel Rochela sumaron por segunda vez seguida na casa. Houbo poucas ocasións no primeiro tempo. O Sporting Lucense conseguiu adiantarse pero rapidamente empataron os locais.
No segundo acto, o Corgo seguiu penalizado pola súa falta de gol e os visitantes xeraron perigo a balón parado. O domingo o Corgo visitará ao Carballedo, nun partido por escapar da última praza e sumar puntos para achegarse a outros rivais.
Ambos equipos terán baixas para a cita. O Corgo non poderá contar con Raúl Díaz, o futbolista que chegou durante a temporada procedente do Portomarín cumpre sanción por ciclo de cartóns. No Carballedo non poderá xogar Javier Rodríguez ‘Riquillas’, expulsado nos últimos intres do partido co Ferreira.

Triunfo vital do Río Sil
Os tres últimos clasificados sumaron puntos nesta xornada. Un dos mellores resultados conseguiuno o Río Sil. O equipo soberino está en terceira posición comezando por abaixo. Derrotou ao seu antecesor, o Chantada B. Pasa de estar a seis puntos, a estar a tres. Pola contra, o filial mantén o gol average.
Un grupo de xogadores do Río Sil coa axuda de Smaily Rosanes tratan de dirixir o equipo, logo da xa comentada saída de Cabanelas. Smaily xogou en equipos do sur da provincia como o Incio, Ferreira, Bóveda ou Lemos. É probable que faga tamén ficha xomo xogador.
O Chantada B ten tres puntos máis ca o Río Sil, e oito máis ca o Carballedo e o Corgo. Estes dous están empatados nas últimas prazas, sendo a 16ª posición de descenso directo e a 15ª tamén moi probable por mor dos arrastres.
