#Sin categoría #Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Oural xa é campión de inverno con 34 puntos

Mario Puerta chegou esta tempada 23/24 ao Oural e remata o ano con 17 goles

O Oural vai rematar a primeira volta como líder da zona sur da Segunda Rexional. Falta unha xornada para completar o primeiro tramo de competición. Pero o Oural ten a vantaxe suficiente para ser xa o ‘campión de inverno’. Con todo, non se trata de ningún título, tan só dunha referencia. O final de temporada dictará sentenza. A liga volve a segunda finde de xaneiro (13 e 14). Antes, xogarase a primeira fase da Copa Deputación 2024

Os datos das catorce primeiras xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’: 

  • Equipos que menos perderon: Racing Villalbés B, Pastoricense e Xermade (un partido)
  • Todos os equipos conseguiron, polo menos, unha vitoria no que vai de liga
  • Equipos que máis puntuaron: Pastoricense (32 pts)
  • Equipo que máis goles marcou: Oural (39 goles)
  • Equipo que menos goles encaixou: Iberia, Pastoricense e Palas (11 goles)
  • Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (17 goles)
  • Tendo en conta as últimas tres xornadas…
    Equipos na mellor xeira: Pastoricense (oito vitorias consecutivas), Paradela (cinco triunfos seguidos), Racing Villalbés B e San Lázaro (tres partidos gañados de xeito consecutivo).

O Pastoricense rexistra a mellor xeira na liga en toda a temporada

O Pastoricense continúa por terceira xornada de liga no liderado. Acumula oito vitorias seguidas. É a mellor xeira de resultados dun equipo de Segunda este curso. Supera os sete triundos consecutivos logrados polo Oural na zona sur. 

O club da Pastoriza ten 35 puntos e suma 11 vitorias. Conta con dous de diferenza sobre o Racing B. Na última xornda da 1ª volta, o Pastoricense recibirá ao Cospeito e o filial racinguista visitará ao Mondoñedo. 

Os pupilos preparados por Basi superaron a domicilio a unha Comercial que se afasta da zona de promoción. É décima clasificada a oito puntos do 5º e sete por riba do penúltimo. O Pastoricense dominou o choque no Rodríguez Lago. Iaguito púxo por diante o marcador a favor dos seus ao redor do minuto 10. 



Con todo, os locais deron a cara e trataron de manexar o balón. Evidentemente acusaron as baixas. Aínda que na portería Joshua tivo un bo substituto. O gardamallas xuvenil Antón xogou o seu primeiro partido co sénior e respondeu ben baixo paus. No segundo tempo, Manu Penedo marcou o segundo de vaselina. 

O Racing B volve engancharse á boa xeira

O filial racinguista sumou o seu terceiro triunfo seguido. Queda a dous puntos do líder; dez puntos de diferenza con respecto ao 6º posto. 

O equipo adestrador por Iván Lamas gañoulle ao Sporting Pontenova na Fonte. O filial está xogando como local no terreo de xogo do concello de Cospeito. O club pontenovés queda a catro puntos da zona de promoción.



Un erro visitante favoreceu que o Racing se puxera por diante. Gabri Blanco adiantou aos seus. Tras xerar varias ocasións, antes do descanso, Gabri anotou o segundo.

Tentouno o Sporting Pontenova no segundo acto máis compacto no terreo de xogo. Con todo, tan só foron capaces de marcar un gol a balón parado e non chegaron a igualar. O filial tivo cara o final opcións á contra para sentenciar. 

O San Ciprián pode achegarse a terceira praza

O Iberia segue terceiro a pesar de perder a pasada finde. Queda a seis puntos do líder e seis por riba da 6ª praza. O cadro de San Miguel de Reinante perdeu ante o Xermade; segunda vitoria seguida e a un punto do play off. 

O partido estivo marcado pola néboa, como todos os que se xogaron na Terra Chá e boa parte da zona centro de Lugo. Igualado nunha primeira parte na que non houbo goles. 

No segundo tempo, o Xermade despregou todo o seu potencial ofensivo. Vila, Andy e Hossu ‘Juan’ marcaron os tantos. O Iberia só puido recortar ao final cun tanto de penalti. 



O San Ciprián non pasou do empate ante o Alfoz, pero terá a oportunidade de consolidar a súa praza de play off. Este sábado ás 12:45 xoga o derbi ante a Candelaria. Un encontro aprazado na primeira fin de semana de novembro polo temporal no concello de Cervo. 

O equipo preparado por Jaime Méndez é 4º con 25 puntos; a dez do líder e dous máis que o 6º. Na pasada xornada igualou cun Alfoz que é 9º. Continúa na zona media da táboa. 

Na primeira parte os locais non chegaron a controlar o partido ao 100%. Tiveron o dominio de balón pero sen xerar grandes ocasións. Ao comezo do segundo tempo Joao marcou. A partir de aí, o Alfoz non se rendeu. Creou ocasións a balón parado e logrou a igualada. 

O Folgueiro marcha de Nadal na 5ª posición

O Cospeito desaproveitou a oportunidade de achegarse a zona de promoción. Perdeu na casa ante o Folgueiro que marca os postos nobres. O Folgueiro ten un punto máis que o Xermade e supera en cinco ao Cospeito. 

Foi un encontro competido. O que errou terminouno pagando caro. Neste caso foi o Cospeito, cuxos erros defensivos lle costaron goles en contra. 

Os seis últimos clasificados xogaron entre eles: a Candelaria vitoriosa

O descenso da zona norte viviu unha intensa xornada con duelos directos. Dous empates que só benefician ao Abadín e unha vitoria da Candelaria

O Abadín é 11º con seis puntos sobre o descenso directo. Empatou no ‘Derbi do Fiouco’ ante un Mondoñedo que queda tres puntos por riba da queima. Cun fútbol directo, o Mondoñedo conseguiu adiantarse no Municipal. 

No segundo acto, o cadro mindoniense púxose con dous goles de vantaxe. Con todo, os locais volcáronse arriba e intentárono de diversos xeitos. Xa no tramo final do partido acabarían empatando. 

A Candelaria queda con cinco puntos de marxe sobre o descenso directo. Ou o que é o mesmo cinco de diferenza con respecto ao Muimenta, o seu rival a pasada finde. O encontro disputouse na Grande e Álex Vázquez viviu o seu debut como adestrador do conxunto celeste. 

Os locais só puideron contar para o partido con doce xogadores. As lesións e as sancións condicionaron o once inicial. Con todo, lograron poñerse 3-0 de xeito rápido. Rocky marcou un dobrete e Rafa nun lanzamento de falta preto da área. 

O conxunto visitante foi de menos a máis. Tras pagar caro os erros defensivos e a dinámica na que está o equipo, recurtou diferenzas a balón parado antes do descanso. No segundo acto, lograron o segundo gol e fixeron sufrir a Candelaria.

Tamén se xogou o derbi xermadés entre o Roupar e o Cabreiros. Rematou sen goles. Cun dominio do cadro verde en canto ao xogo. Con todo, non xerou demasiadas ocasións de perigo. O Cabreiros tratou de saír a contra pero sen éxito.

O Cabreiros é 13º con doce puntos. O Mondoñedo ocupa a antepenúltima posición tamén con doce puntos. En descenso directo están o Muimenta (9 pts.) e o Roupar (5 pts.).

O Oural é campión de inverno

O Oural repúxose á última derrota e volveu ao camiño da vitoria. Remata o ano con 34 puntos e once triunfos. A falta dunha xornada para rematar a primeira volta é o campión de inverno. Conta con cinco puntos de vantaxe sobre o Friol e sete sobre o Becerreá que ten un partido menos. Rematará a primeira volta a segunda fin de semana de xaneiro xogando co Ferreira. 

O Oural venceu no San Martiño ao Quiroga. O cadro visitante púxose por diante nos primeiros minutos por medio de Diego. Logo os locais controlaron o partido e contiveron ao líder. Con todo, antes do descanso, o Oural anotou o segundo gol a través de Cayuela.

Non se rendiu o Quiroga no segundo acto. Chegou a empatar o partido. Liderados por un gran Iván Coba no medio do campo, que marcou un gol, lograron igualar nun penalti anotado por Sergio ‘Pollo’. 

O Oural quedou cun menos sobre o campo pola expulsión de Cayuela. Pero foi capaz de marcar o terceiro de penalti. Mario dende banda dereita provocou o penalti e marcouno. Tentárono os locais pero non conseguiron polo menos un punto que tiñan na súa man. 

O Friol remata o 2023 na segunda posición, á espera de que xoguen o Becerreá e o Brollón. O equipo friolés igualou na casa doutro dos conxuntos da parte alta, o Ferreira. O cadro de Pantón queda a dous puntos da fase de ascenso; á espera tamén de que xogue o seu partido o Brollón que podería entrar entre os cinco primeiros. 

O Ferreira dominou no Baliño a primeira metade. Tivo boas ocasións. Incluso errou un penalti. No segundo acto, igualáronse máis as forzas e apenas houbo oportunidades. 

O Becerreá é terceiro á espera de xogar o encontro co Brollón

O Becerreá empatou co Lemos B e queda a sete puntos da cabeza. Este sábado ás 16:15h nos Medos xoga o partido aprazado co Brollón polo estado do terreo de xogo a primeira finde de novembro. Se gaña o Becerreá, ascenderá a segunda praza (está a dous puntos do Friol). Do contrario, apertarase máis a zona de promoción e os seus perseguidores.

O cadro dirixido polo tándem Antón Méndez e Javi Gómez tivo en fronte a un filial lemista que deixou unha boa imaxe no Municipal a pesar de acudir con baixas. Boa defensa e boas transicións. Puxéronse por diante na primeira parte. Con todo os locais, deron remontado antes do descanso. No tempo extra do segundo tempo, empatou o Lemos B.

O Antas é 4º ao volver ao camiño da vitoria. Derrotou pola mínima a un gran Sporting Lucense. O conxunto do Castro Seoane entrou ben ao partido. Logrou dous goles de vantaxe antes do tempo de lecer. Con todo, no segundo tempo, o Lucense logrou empatar. Os locais levaron o triunfo nos intres finais nunha xogada illada.

O San Lázaro completa momentaneamente a zona de play off, á espera do que faga o Brollón no partido deste sábado. O cadro preparado por Nico sumou a terceira vitoria seguida no derbi ante o San Roque.

Con todo, o San Roque caeu coa cabeza moi alta. Entrou mellor ao partido o San Lázaro que se adiantou por medio dun penalti. Ao pouco, nunha acción a balón parado os locais marcaron o segundo. A partir de aí, os pupilos de Fernando Corredoira e Piru foron a máis a pesar de ir a remolque no resultado.

No segundo tempo, os visitantes recortaron diferenzas tamén a través dun penalti. Tivo varias ocasións para poder empatar, pero o gol non chegou. O San Roque remataría o encontro con nove xogadores por dúas expulsións.

O Brollón gáñalle a carreira ao Palas por engancharse ao play off

O Brollón e o Palas chegaban só cun punto de diferenza ao seu duelo nos Chacotes. O conxunto da Pobra conseguiu gañar pola mínima e achégase aos postos altos. Entraría na promoción se gaña o encontro deste sábado. O Palas queda a seis puntos do 5º.

Os locais puideron adiantarse na primeira parte xa que tiveron as mellores ocasións. Con todo, nunha contra o Brollón forzou un penalti. Marcouno Miguel Casanova e sería definitivo no marcador. No segundo acto, apenas houbo ocasións e o Brollón xestionou esa mínima vantaxe.

O Paradela segue cara arriba

O Paradela sumou a quinta vitoria seguida. Tras un mal inicio de tempada e con varias xornadas en postos de descenso, remata o ano nun gran estado de forma. Queda na 9ª posición (empatado co Palas), a seis da promoción.

Superou a domicilio a un gran Chantada B. De feito, a boa dinámica do Paradela puido ser o factor chave. Ambos equipos tiveron opcións para gañar. O filial pagou caro os erros defensivos pero estivo no partido ata o final. Aí foi cando nunha contra, Diego completou o seu dobrete cun gran gol.

O Carballedo triunfa na zona baixa

O Carballedo foi o único equipo que venceu na zona baixa. Trátase de tres puntos moi importantes ao tratarse dun rival directo como o Incio. Agora supérao na clasificación en dous pùntos.

En vinte minutos o Carballedo xa ía gañando 3-0. Xestionou a diferenza ata o descanso. No segundo tempo, o Incio foi mellor, tivo ocasións e chegou a marcar dous goles. Urdi fallou un penalti antes de que metera un Weimar. Faltaron minutos para poder rascar algo positivo.

O Carballedo é 13º con trece puntos. O Incio ocupa a antepenúltima posición con once puntos. En descenso directo están o Chantada B (9 pts.) e o Sporting Lucense (7 pts.)

Ante a ausencia de porteiros destacados nesta xornada, continuamos facéndonos eco da portería do Palas. Aumentou os goles recibidios nas últimas xornadas, pero segue sendo a que menos encaixa do grupo.

O Oural xa é campión de inverno con 34 puntos

O Páramo colle o temón no grupo

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *