#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Meira e o Guntín nos 52

A 22ª xornada da Segunda Rexional permitiulle ao Meira e ao Guntín afianzar o seu liderado. Ambos equipos acadaron os 52 puntos en cadanseu grupo. Aumentaron a súa vantaxe xogando contra rivais directos

Quedan 24 puntos en xogo e os equipos apuran para cumprir os seus obxectivos. O Meira, o Iberia, o Xermade e o Cabreiros afrontan marzo nun gran momento de resultados no norte.

Pola súa banda, no sur o Guntín, o Friol, o Paradela, o Brollón e o Carballedo chegan ben ao terceiro mes do ano. Contámolo nunha nova entrega de #ONoso11AChaira.

O partidazo da xornada no grupo norte xogouse na Lomba. O Meira recibiu a un Cospeito que se distancia definitivamente da praza de ascenso directo. Queda a doce puntos dun Meira que xa foi capaz de sobrepasar os 50 no que vai de liga. Sumou a 16ª vitoria da campaña



Ambos equipos tiveron ocasións na primeira metade pero ao descanso chegouse sen goles. No segundo tempo os locais puxéronse 2-0 (o vixésimo de Seixosmil incluído). O Cospeito non se rendeu e volveuse meter no partido co tanto de Xoán

Na recta final do encontro, o Meira marcou o terceiro e o Cospeito volveu recurtar distancias por medio dun penalti. Pero xa non quedou tempo para máis e os tres puntos quedaron na casa. 

O Meira segue con seis puntos de vantaxe con respecto ao Folgueiro (2º). O Cospeito pasa a ocupar a 4ª praza, a un punto do Iberia e a seis do Folgueiro. 



O conxunto do Vicedo non fallou ante o Fonsagrada en Boa Vista. Cumpriu de xeito contundente o sábado para meterlles presión ao Meira e ao Cospeito. 

Erni, tres dos cinco goles do Folgueiro

Os pupilos preparados por Manuel Vicente precisaban o triunfo logo dunha traxectoria irregular nos últimos encontros. Amosaron, unha vez máis, a súa gran pegada ante un Fonsagrada que se presentou con numerosas baixas

Erni colleu os galóns goleadores do lesionado Aurelio e tivo a súa gran tarde dende que viste a camisola do Folgueiro. O dianteiro viveirense marcou tres dos cinco goles dos seus. 

O Fonsagrada queda na cuarta posición comezando por abaixo. Segue nese grupo de equipos que están moi próximos na clasificación que pelexan por non pasar apuros. Este domingo recibe no Gómez Besteiro precisamente a un deses rivais directos, a Comercial. Gabi non poderá ser da partida nos locais. 

Once do Iberia no encontro coa Comercial da xornada 22. Foto: Roberto Carreira

Iberia, único que non perde na segunda volta

O Iberia mantén a súa boa liña neste segundo período de competición. Leva nove xornadas sen perder e na segunda volta suma cinco vitorias en sete partidos



Derrotou á Comercial no Rodríguez Lago. O partido estivo igualado aínda que foi o Iberia o que logrou poñerse por diante. Barrera finalizou unha boa xogada colectiva. 

No segundo tempo os locais tiveron opcións para empatar, incluído un remate que petou no longueiro. O partido rompeuse ao redor do minuto 80 cun dobrete de Dani Prieto en cadansúa contra. 

O porteiro Samuel (en idade cadete) debutou nos últimos minutos co club da súa parroquia. Tivo que actuar cunha parada para evitar o gol da Comercial. 

O Guitiriz mantense na quinta praza logo do seu triunfo pola mínima no Cascabeiro co Celta Barreiros. Está a puntos iguais coa cuarta praza e a un do terceiro posto. Conta con catro de vantaxe sobre os seus inmediatos perseguidores

Precisamente este domingo xoga ante o Muimenta. Un encontro importante no que o club guitiricense non poderá contar por sanción con Iván Ansede ‘Jaba’. 

O cadro guitiricense xa chegou con baixas ao partido da pasada finde e con varios dos seus xogadores titulares con molestias. Quen primeiro puido marcar foi o Celta Barreiros nun man a man que provocan a parada de Jesús. 

Pouco a pouco, o Guitiriz foi xerando ocasións e marcou o gol por medio dun bo disparo de Jose. Antes do tempo de lecer, Antón enviou un balón ao pau. 

A maiores o partido estivo marcado tamén pola xestión arbitral, algo que se viu acrecentado no segundo tempo. Houbo pouco fútbol nos segundos corenta e cinco minutos e ningún gol máis. 

A problemática xa viña dende a primeira parte pola expulsión de Álvaro Alonso e máis adiante pola de Pitero. O colexiado expulsou a dous membros máis dos locais e amosou catro cartóns amarelos en total. 

No conxunto celeste remataron frustrados coa actuación arbitral e enviaron un escrito a Federación amosando a súa indignación. Tamén presentaron alegacións as expulsións de David Álvarez e Iago Rivas ‘Pitero’. O Comité de Competición desestimounas por non achegar alegacións con “valor probatorio”. 

A Candelaria remontou o partido con 10

O cadro da Rúa volveu reencontrarse co triunfo ante o Goiriz logo de tres partidos sen gañar. Mantén a distancia de catro puntos con respecto aos postos de promoción de ascenso. 

Ao equipo preparado dende hai unhas semanas por Jaime Matouse púxoselle o encontro costa arriba no primeiro tempo. Nese período os locais puxéronse por diante e Pablo Delgado foi expulsado por protestar logo de reclamar un penalti “claro”, ao seu modo de ver. 

Non obstante, no segundo tempo o equipo refíxose. Foi quen de darlle a volta ao marcador. Este domingo recibe na Granda ao líder

O Muimenta queda empatado a puntos coa Candelaria na 7ª posición (tamén a catro puntos do play off). Perdeu na casa ante un Alfoz que ten cinco puntos de diferenza con respecto a antepenúltima posición. 

Non se viu moito fútbol no Pichón. Nunha primeira metade bastante igualada puxéronse por diante os visitantes aproveitándose dun erro defensivo. No segundo tempo, tentouno o Muimenta pero non estivo nada acertado de cara o gol. O Alfoz sentenciou nos últimos intres do xogo

Alfonso foi un dos xogadores destacados no derbi co Roupar pero non poderá xogar o seguinte partido por cumprir ciclo de amonestacións

Terceira vitoria seguida do Xermade

O Xermade segue liderando o segundo grupo da clasificación que se rompeu como comentamos hai unhas semanas. Non obstante, a boa xeira do conxunto xermadino amaga con volvela unir, polo menos no seu caso. O sábado ten unha boa proba ante o Folgueiro, aínda que Alfonso e Iván Carballeira serán baixa por sanción. 

Terceira vitoria seguida do Xermade e co ingrediente engadido de que foi no derbi ante o Roupar. Queda a nove puntos da promoción de ascenso. A súa diferenza coa antepenúltima posición é de oito puntos

O equipo dirixido polos irmáns Pena adiantouse moi cedo no marcador. Soubo xestionar a vantaxe porque a sentencia non chegou ata o final. Tivo ocasións o Roupar para empatar no segundo tempo pero non logrou o gol. 

O Roupar suma seis derrotas consecutivas e segue na antepenúltima posición. Está moi lonxe do descenso directo pero ocupa unha posición que podería ser de descenso por mor dos posibles arrastres. O seus dous antecesores teñen un punto máis. Este sábado ten un duelo directo na súa visita ao Alfoz. 

O Cabreiros superou ao Castro B  nun duelo directo por fuxir das posicións de posibles arrastres. Os locais marcaron tres goles antes do tempo de lecer

Primeiro en dúas accións a balón parado. Despois nun contragolpe que conduciu Sergio Cazás para marcar o seu vixésimo gol no que vai de campaña. 

Con todo, o filial non se rendeu e con algún cambio, refíxose na segunda metade. Iván Navia marcou o primeiro e xa contra o final, nunha falta lateral, o balón cólase directamente na portería. Non deu tempo a máis e a vitoria quedou do lado local. 

No Cabreiros, primeira titularidade de David Otero, o futbolista pontés que chegou a Cabreiros procedente do As Pontes. Xa ten pasado na provincia como xogador do Santaballés

Nunha xornada sen grandes porteiros destacados, Javi Prieto mantense como porteiro menos batido do grupo

O Guntín máis líder

Na zona sur o partidazo estaba no Baliño. O Ferreira, segundo, recibía ao Guntín, primeiro. Levaban estas últimas semanas de segunda volta pegados na clasificación. Ata a última xornada na que a derrota do Ferreira co Carballedo, permitiralle ao Guntín afrontar sen tanta presión o encontro en Pantón. 

Os de Hugo Vázquez conseguiron gañar e chegar así aos 52 puntos, sumando a 16ª vitoria do curso. Quítanlle agora sete puntos ao Friol e tamén ao seu rival da finde.

A emoción estivo presente durante todo o encontro. O Guntín púxose dúas veces por diante e os locais lograron empatar. O resultado decidiuse nos últimos intres co terceiro gol visitante. 

O Ferreira sumou a segunda derrota consecutiva despois de levar once partidos sen perder. Volve á 3ª posición, queda a sete puntos do liderado e ten sete puntos de marxe sobre o 4º. O que si, queda co gol average ao seu favor con respecto ao Guntín xa que no Ladairo o Ferreira levara a vitoria 0-2. 

Pola súa banda, o Friol está empatado co Ferreira pero volve á segunda praza. Terceiro triunfo seguido para os pupilos adestrados por Javi Pájaro logo dunha xeira irregular. A última vitoria conseguírona na súa visita ao Río Sil. 

O Friol entrou ben no campo e soubo xogar as súas cartas. É certo que os locais chegaron a empatar o primeiro tanto rival. Non obstante, xa antes do tempo de lecer o conxunto friolés encarrilou o partido. 

O Río Sil segue na antepenúltima posición. Ve como se lle acerca por detrás un Carballedo que se atopa nunha boa xeira de resultados. 

Romy do Paradela é o máximo goleador do grupo sur con 18 goles

O Paradela regresa con forza ao play off

Agora o cuarto na clasificación é o Paradela. Queda cun punto máis ca Mila e dous máis ca o Becerreá (cun partido menos). Derrotou ao Sporting Lucense nun castigo excesivo para o cadro de Lolo.

Logo do proveitoso que lle resultou o Entroido aos de Rubén Bergantiños, manteñen a boa xeira de resultados, aínda que desta volta tiveron a Eros como un dos grandes protagonistas.

Os locais dominaron máis o xogo e tiveron ocasións, pero atopáronse con Eros, os paus e a pegada  do Paradela. Antes de chegar ao tempo de lecer, Romy marcou un dobrete. Logo da lesión o dianteiro de Paradela recupera o seu olfacto para marcar. É o máximo goleador do grupo con 18 tantos

Seguiron tendo opcións os locais no segundo tempo e chegaron a marcar o 1-2. Unha vez máis o acerto visitante foi crucial para marcar o terceiro e privarlle ao Sporting Lucense de alimentar as súas esperanzas de achegarse aos postos de promoción de ascenso. 

Este sábado o Paradela recibe no Gandarón ao Carballedo. Ambos conxuntos están nunha boa dinámica de resultados, aínda que os seus obxectivos actuais son moi dispares. 

A Milagrosa segue en postos de promoción de ascenso a pesar da súa derrota co Brollón. Iso si, ten un punto máis ca o Becerreá que ten un encontro pendente. 

O Brollón plantouse ben defensivamente no Luis Gorgoso e non lle deixou á Mila facer o seu fútbol. Os locais non acertaron e o Brollón marchou ao descanso vencendo 0-1 cun gol de Maza

Tentouno de varias maneiras o cadro preparado por Manolo Couso no segundo tempo pero non estiveron acertados nos últimos metros. Os visitantes lograron o segundo tanto nunha contra xa preto do final. 

Cos tres puntos, o Brollón mantén seis de marxe con respecto ao 13º clasificado (a zona que se pode marcar, a priori, como segura para evitar os posibles arrastres). 

o Becerreá – Lemos B aínda sen data

O encontro entre o Becerreá e o Lemos B foi suspendido por causas climatolóxicas. A neve impediu que se xogara no Municipal. Polo momento non hai data asignada para disputar o choque. 

É a segunda vez na temporada que ao Becerreá lle queda un encontro pendente. Daquela fora como visitante no campo do Paradela. 

A non disputa do partido produciuse nun momento no que ambos conxuntos querían volver a boa senda de resultados. O Becerreá viña de dúas derrotas seguidas no Entroido e o Lemos B acumulaba tamén tres xornadas sen gañar.

O Oural perdeu unha nova oportunidade de volver aos postos de promoción de ascenso. Perdeu ante o Chantada B na casa e queda a dous puntos dos postos de privilexio. Só gañou un partido dos últimos oito, só un triunfo en 2023. 

Case todo pasou na primeira metade porque aí foi onde se marcaron os goles. O filial tivo pegada e o Oural viuse afectado pola dinámica actual no segundo tempo, onde non foi capaz de tratar de remediar o resultado. 

O conxunto chantadino segue nesa 13ª posición que podería marcar o descenso. Conta con seis puntos de marxe sobre o 14º e está empatado a puntos co Lemos B. 

O Oural terá a oportunidade de recortar puntos coa parte alta ante o Friol. Xogan este sábado na Reigosa. 

Na metade da táboa houbo derbi capitalino entre o San Roque e o San Lázaro. Dous recén descendidos que apuran as súas últimas opcións de chegar á parte alta. O San Lázaro queda a seis puntos do 5º. O San Roque a dez, o que fai que teña que estar máis pendente da zona baixa (cinco puntos de distancia sobre o 13º). 

Bo traballo de ambos equipos e ningún gol. No primeiro tempo non houbo moitas ocasións. O San Lázaro buscou o xogo en longo cara Zas e Yelko. Este último tivo dous man a man con Roi. 

O San Roque creou perigo como mellor sabe, a balón parado. Antes do tempo de lecer, Emilio e Edgar tiveron unha dobre oportunidade. Alejandro realizou unha gran parada. 

No segundo acto, puido ser o San Lázaro o que gozara dalgunha opción máis. Mariano lanzou unha falta dende a frontal moi perigosa. Nos últimos intres volveu aparecer Alejandro para deter o lanzamento de Diego do San Roque. 

O Carballedo aumenta as súas esperanzas de salvación

Na zona baixa, o Carballedo e o Corgo viviron o duelo da agonía para tratar de fuxir do descenso directo. Gañou o Carballedo que deixa ao Corgo nesa posición con tres puntos menos. O gol average queda empatado porque na primeira volta o Corgo gañara 3-2. 

Os locais puxéronse por diante grazas a un penalti na primeira parte. No segundo acto, o Corgo gozou de boas oportunidades pero foi o Carballedo o que conseguiu o segundo nunha acción a balón parado. Os de Abel Rochela marcaron rápido o seu gol pero non lles daría tempo a nada máis.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *