#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O Relámpago Taboada suma os primeiros puntos da temporada

Nunca é tarde. Tiveron que pasar dezaoito xornadas pero o Relámpago Taboada sacou o cero do seu casilleiro de puntos logo de derrotar ao Bóveda. O Palas mantén o liderado malia non poder xogar diante do Incio pola intensa nevada que caeu sobre o Carboeiro. No grupo norte, o Racing Vilalbés B desaproveitou a súa primeira posibilidade de acadar o ascenso matemático ao empatar co Rioaveso, terceiro clasificado. Nesta vindeira xornada o filial chairego afronta a xornada de descanso, pero sen xogar podería ascender. Daríase este feito se Mondoñedo ou Rioaveso non sacan os tres puntos fronte ao Nuevo Nausti e Cazás respectivamente. No grupo sur, o Palas, que xoga dous encontros en menos de vintecatro horas para poñer ao día o calendario, tamén podería ascender. Tería que gañar os seus dous enfrontamentos ante Incio e Relámpago Taboada e ao mesmo tempo o Incio, que tamén disputa dous encontros, tería que perder co Monterroso B e o Rubián facer o propio co Bóveda.

grupo norte

Un derbi intenso remata en empate e o Racing Vilalbés B apraza o ascenso matemático (1-1). A igualada privoulle aos de Iván Lamas de festexar o ascenso na primeira tentativa. O cadro local adiantouse moi cedo nunha xogada marcada pola polémica. Os xogadores do Rioaveso reclamaron falta previa que o colexiado non sinalou e a xogada rematou con gol de Samu. A superioridade no marcador non se traduciu no xogo, que foi o típico dun Roca que enlamou a vestimenta dos xogadores co paso duns minutos que foron tensos no céspede e na grada. Antes do tempo de lecer, o Rioaveso empatou cun tanto de Alexo, que rematou unha gran xogada de Esteban Gil, o mellor do conxunto visitante. O segundo tempo foi vibrante no terreo de xogo e máis tranquilo por parte das afeccións. Mario, Álex Veiga e Alexo tiveron ocasións para o Rioaveso, mentres que Samu contou con dúas contras para poñer por diante ao filial. Nos saques desde o curruncho, Freire levaba moito perigo. Nun deles a piques estivo de lograr un gol olímpico. A ocasión máis clara tívoa Gabri, cun testarazo que se estrelou no pao. Rozou o gol e o ascenso, pero este terá que agardar.

O Mondoñedo vence ao Celeiro e consolida a segunda praza (3-0). Encontro bastante igualado ata moi preto do descanso, momento no que Chachi abriu a lata para o cadro local. Os de Martín Rodríguez criticaron con dureza a actuación arbitral ao considerar que existiu penalti na área mindoniense por man dun defensor, e na segunda metade reclamaron outras dúas penas máximas que Lobato Ramudo non considerou punibles. O Mondoñedo ampliou diferencias por medio de Jacobo nada máis comezar o segundo acto e Romay pechou o marcador cun cuarto de hora gastado.

O empate na Reigosa impídelle ao Catro Roldas achegarse aos postos de ascenso directo (1-1). A primeira metade tivo dominio visitante. O Catro Roldas chegou con perigo a área rival e non tardou en adiantarse nun remate de cabeza de Moha. Samu Orosa tamén tivo opcións de marcar. O Friol B tamén contou con ocasións para igualar, aínda que sen éxito. Na segunda metade o cadro local foi superior e contou con varias ocasións moi claras, pero a defensa e o porteiro chairegos estiveron inspirados. O Friol B contou coa mellor ocasión nun lanzamento de penalti que detivo providencial Víctor. A xogada foi moi protestada polo Catro Roldas ao considerar que o derribo tivo lugar fóra da área. Nun longo desconto, o cadro local acadou o empate nun centro pasado que rematou Samu.



O Nuevo Nausti gaña en Abadín con Manu Jr e Cristian como protagonistas (0-1). O cadro chairego deu un paso máis para entrar na promoción de ascenso ao gañar no difícil campo do Abadín. A primera metada resultou igualada con ocasións para ámbolos conxuntos. Na segunda o Nausti foi superior, pero tivo que sufrir. Manu Jr resultou decisivo ao deter un lanzamento de penalti e Cristian cun bo lanzamento de falta anotou o tanto que lle deu os tres puntos ao cadro visitante. O Abadín tentou acadar a igualada ata o final, pero a pólvora estaba mollada.

Jesús pasou o cerroxo e o Cazás non foi quen de gañar á Comercial B (1-1). Aidantouse a Comercial B antes de cumprirse o primeiro cuarto de hora cun tanto de Joel desde o medio campo. Un gol que sorprendeu a todos no Catro Ventos. O Cazás tivo o control do balón e o seu rival buscou xerar perigo á contra. Na segunda metade o cadro local marcou nada máis comezar. O gol de Yago espoleou aos seus que foron moi superiores ao seu rival e contaron con numerosas ocasións de gol. Todas elas tiveron o mesmo protagonista: o gardameta visitante Jesús, que desbaratou unha tras outra.

grupo sur

O Incio-Palas foi suspendido pola intensa nevada que caeu sobre o Carboeiro. O encontro entre o terceiro e o líder viuse adiado por mor das inclemencias meteorolóxicas e obrigará a un fin de semana inteso aos dous contendentes. O encontro fixouse para este domingo día 5 de marzo ás 16:30 horas. O Incio xogará o sábado ás 19 horas no campo do Monterroso B no encontro correspondente á xornada en curso, mentres que o Palas recibe nos Chacotes ao Relámpago Taboada ás 16:30.



Quiroga e Monterroso B igualan nun choque trepidante e non exento de polémica (3-3). O filial monterrosino comezou con concesións en defensa que a piques estiveron de costarlle caro, con dúas claras ocasións do cadro local. Sen embargo, unha boa xogada de Yoni rematou con gol de Antón. Co marcador a favor, o Monterroso B continuou dando facilidades en defensa e o Quiroga. No minuto 20, nunha boa contra dos monterrosinos Isma volveu a adiantar aos de Javichu. O colexiado anulou un gol a Yoni por falta ao defensor. Na segunda metade o Quiroga saiu lanzado a polo empate, aínda que sen contar con ocasións demasiado claras. Os visitantes reclamaron un penalti a Yoni que o colexiado non sinalou e pouco despois protestaron un gol anulado a Isma. Pouco máis tarde o atacante monterrosino ampliou diferencias no marcador. Con só dez minutos o encontro complicouselle ao Monterroso B ao ver Isma o segundo cartón amarelo, noutra xogada que indignou aos visitantes. A falta de dous minutos para o final, un tanto de cabeza de Luis servioulle ao Quiroga para recurtar diferencias. No desconto, Sergio Pollo, desde o punto de penalti fixo o empate e rescatou un valioso punto para o conxunto local.

O Rubián foi de menos a máis para gañar ao Taboada B (3-1). Os de Senén López saíron dormidos e o Taboada B foi dominador claro nos primeiros compases, nos que logrou adiantarse cun gol de Pita. Os visitantes reclamaron unha pena máxima que o colexiado non sinalou e ao final do primeiro tempo o Rubián estableceu a igualada, noutra xogada moi protestada polo filial ao considerar que o atacante do Rubián estaba en fóra de xogo. Na segunda metade o Rubián púxose por diante cun tanto de Manu e mellorou o seu fútbol co paso dos minutos. Malia todo a sentencia non chegou ata o tempo de desconto.

Santa Comba e Sober igualan sen goles nun choque entre candidatos a entrar na fase de ascenso (0-0). O cadro local levou a iniciativa fronte a un Sober moi defensivo que tentou xerar perigo á contra. Só o conseguiu nun par de ocasións en todo o partido fronte a un Santa Comba moi ben posicionado sobre o céspede de Tras do Novo. Os de Ángel Merino buscaron o xogo por bandas, pero notaron sobre maneira a ausencia do pichichi Jorge. Debutaron no Santa Comba as últimas incorporacións: Raúl, Tito e Álex.

O Páramo vence ao Castroverde nunha semana convulsa nas Rapadas (3-2). A ledicia polos tres puntos durou pouco no Páramo. O club denunciou o roubo nas Rapadas de trofeos, calzado deportivo, roupa, obxectos dos xogadores, diñeiro e toda, a cafetera e toda a mercancía da cantina. A directiva xa puxo o feito en coñecemento da Garda Civil. Lamentamos o sucedido e desexamos que estes feitos non se repitan en ningún lugar, e moito menos nos campos de conxuntos tan modestos.

Deportivamente, o Castroverde comezou mellor, aínda que sen xerar moito perigo. Co paso dos minutos o encontro igualouse e o Páramo foi quen de marcar por medio de Juan, que rematou de cabeza un bo servicio de Bolo. Na segunda metade o Castroverde saiu mellor e acadou o empate cun autogol de Bolo. A entrada de Jose deulle outro aire ao Páramo e nunha boa xogada súa chegou o segundo tanto, obra de Antón. O propio Antón sentenciou o encontro co seu segundo tanto, pero os de Fran Veiga non se rendiron e recurtaron diferencias no desconto.



O Relámpago Taboada suma os seus primeiros puntos da temporada (3-2). Os de Diego Saborido perseguiron o triunfo e este chegou logo de dezaoito partidos. Certo é que o Bóveda se presentou no Anexo á Medela con dez xogadores. Os visitantes, malia súa evidente inferioridade numérica, venderon cara a súa pel. O Relámpago adiantouse moi rápido, pero o Bóveda respostou de contado. Á media hora de encontro apareceu o mellor xogador do partido, Moure, para desnivelar a contenda. Na segunda metade, o Bóveda foi quen de igualar desde o punto de penalti, pero noutra pena máxima Moure anotou o tanto da vitoria.

O Relámpago Taboada suma os primeiros puntos da temporada

O Meira e o Guntín nos 52

O Relámpago Taboada suma os primeiros puntos da temporada

A Porra de Futbolinlugo, 24

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *