A Real Federación Galega de Fútbol e as súas Delegacións preparan unha reestruturación das competicións para a vindeira 24/25, unha remodelación que comezará a coller forma ao remate deste curso. Polo tanto, a temporada 23/24 será a última co fútbol afeccionado tal e como o coñecemos.
A primeira novidade chega na Preferente: desde a Federación apuntan que na campaña 24/25 non haberá limitacións provinciais Norte-Sur, senón que se conformarán dous grupos por proximidade xeográfica. O mesmo ocorrerá na Primeira Galicia: establecerán seis grupos (un máis que na actualidade) delimitados por cercanía entre rivais. O obxectivo é que todos os grupos sexan de 16 equipos, como máximo, en todas as categorías.

Esta novidade chega para paliar o efecto arrastre que se vén dando nos últimos anos. Coa creación dun grupo máis, os descensos desde categorías superiores poden permitir a creación dun novo grupo no canto de xerar numerosos arrastres -polo menos, o primeiro ano-. A Segunda Galicia terá dous descensos directos de novo, mentres que na Terceira, polo momento, non existen grandes novidades.
O que sí cambia será o fútbol base. A Federación creará unha nova categoría, a «Inter-Provincial», que terá catro grupos de 16 equipos, tanto en infantís, como cadetes e xuvenís. Esta nova creación estará entre a Primeira Provincial e a Liga Galega, e suporá numerosos ascensos desde a Primeira Provincial este ano para poder conformar os novos grupos na próxima campaña. Porén, tamén haberá un ascenso directo de Primeira a Liga Galega nesta 23/24. Esta nova categoría, a bon seguro, permitirá aos conxuntos lucenses dar un salto competitivo e mellorar a formación dos seus xogadores.



Ao mesmo tempo, a RFGF introducirá partidos de catro cuartos no fútbol prebenxamín. O vencedor de cada cuarto levará un punto, ao estilo do tenis, sendo o resultado máximo de 4-0 nesta categoría.