Comezamos un novo Diario dun mercado falando sobre un encontro de verán típico da provincia. O Deportivo da Coruña non xogará este ano o seu tradicional partido na Madalena. Ese amigable estaba fixado para o martes 8 de agosto. O club deportivista declinou a cita e xogará o mesmo día co Coruxo.
Pola súa banda, o Racing tamén reformula a súa pretemporada. Xogará o mércores 9 co Viveiro e a fin de semana seguinte co Fabril.
Na Terceira, o Viveiro non poderá contar cun dos seus xogadores capitais na defensa. O central Nico Madero non continuará no equipo celeste.
Na mesma categoría xogará o monfortino Iago López. O central regresa ao Bergantiños despois dunha temporada na que xogou no Barco e no Lemos.


Na Preferente, o Castro mantén no seu proxecto a Jou e a Mangel. Os dous futbolistas de banda, un da dereita e outro da esquerda, seguen no conxunto dirixido por Rafa Casanova.
Na Primeira, os irmáns David e Rubén García cambian o Lucense polo Portomarín.
Na Segunda Rexional, Luis Romay continúa como adestrador do Cospeito. O conxunto chairego foi o club que máis finais xogou na temporada. A maioría do conxunto continúa.

O Brollón confirma a continuidade do míster Chura e do polivalente Samu.
Na Terceira, o porteiro Marcos, Rubén Carreira e Nico Santomé continúan no Goiriz. Mentres, Javier Díaz ‘Teso’ non sigue no Celeiro.