O 2023 comezou na Segunda Rexional poñéndolle fin á primeira volta. Logo de quince partidos xogados, o grupo sur queda vestido de laranxa. O Guntín é o campión de inverno e encabeza a clasificación.
A xornada estivo marcada polo estado dos campos, varios deles enchoupados polas últimas choivas. Coñecemos os detalles nunha nova entrega de #ONoso11AChaira.
Na zona norte, o Meira quixo rapidamente deixar en anécdota a última derrota do ano. Comezou o 2023 gañando con autoridade na súa visita ao Roupar.
O equipo preparado por Labrada dominou o encontro de principio a fin. Adiantouse moi cedo no marcador e todo lle saíu de cara. Seixosmil e Farra marcaron cadanseu dobrete.


Esta semana cumpríronse as palabras de Ramón Labrada cando agardaba o debut dalgún dos xuvenís que este ano agrupo o Meira. O central Iago Pin e o extremo Sergio Huertas fixérono a pasada finde.
Seguindo a estela do Meira mantense o Folgueiro. Gañou ante o Goiriz e ten catro puntos de distancia co líder. A próxima finde, a segunda volta comezará ao grande. O Meira visita ao Folgueiro nun partido que pode ser moi importante para o que queda de liga.
O conxunto do Vicedo controlou o choque ante un combativo Goiriz. Os locais estiveron acertados nas ocasións que tiveron.

Na terceira praza colócase o Muimenta. Chegará ao derbi desta finde dous puntos por diante do Cospeito. Os celestes levaron un duelo apertado co Celta Barreiros.
Os erros defensivos condenaron o conxunto mariñao que foi quen de poñerse por diante tres veces no Pichón. O contragolpe foi o mellor compañeiro do Celta Barreiros.
Os locais foron sempre a remolque, aínda que o que necesitaron o principio foi unha cisterna para achicar auga do campo. Conseguiron empatar da primeira vez cun gol de Jorge que segue dando leccións aos seus 45 anos.
Ao descanso gañaban os visitantes por 1-2. Volveu empatar o Muimenta e de novo nunha contra o 2-3. Seijas resarciuse no segundo tempo do penalti errado no primeiro. Marcou os dous goles cos que o Muimenta logrou a remontada e a vitoria.
Na cuarta posición está o Cospeito logo do seu empate na casa do Alfoz. O choque púxose a favor dos locais logo dun erro nun saque de banda a favor do Cospeito. Acabou en penalti e non fallaron os de verde e branco.

Os cadro vermello equilibrou o marcador antes do tempo de lecer. No segundo acto, Ayoub luciuse cun golazo dende lonxe. No tempo extra, o Cospeito empatou cun bo tanto de Martín de cabeza.
Na actual loita polo quinto posto, enfrontáronse na pasada xornada o Iberia e o Guitiriz. Seguen empatados na clasificación porque tamén igualaron no partido.
Nestes momentos, ambos conxuntos contan con 24 puntos. A doce do Meira e dous por riba da Candelaria. De manterse a igualdade ao longo da segunda volta, o Guitiriz e o Iberia poderían vivir unha última xornada de liga trepidante no Suso Cruz.
O Guitiriz adiantouse moi cedo. Pero o Iberia non se foi do encontro e empatou por medio dun penalti. «Dubidoso» para os visitantes e «dos que se poden pitar» para os locais.
O cadro preparado por José Manuel controlou máis o xogo ata o descanso. No segundo tempo púxose por diante por medio doutro penalti que Barrera transformou por segunda vez.
A balón parado o Guitiriz volveu amosar as súas fortalezas e empatou preto do final. Jaba rematou unha falta lateral e permitiu que os seus trouxeran un punto para a casa.

A dous puntos da zona de privilexio sitúase a Candelaria. Venceu con claridade no fogar dun dos seus rivais directos, o Xermade.
O cadro da Rúa foi mellor en canto a intensidade e ganas e estivo acertado de cara a gol.
Na zona media da táboa, o Fonsagrada encabeza un trío de equipos empatado a 20 puntos. É dicir, a catro do play off. Ao conxunto fonsagradino séguenlle o Alfoz e o Roupar.
O Fonsagrada empatou sen goles no Gómez Besteiro (ollo que o nome do campo pode revalorizarse nas vindeiras datas) ante o filial do CD Castro.
Sen ter nada que ver co nome do terreo de xogo, o certo é que ninguén apareceu con claridade para tomar o control do partido. As condicións meteorolóxicas adversas dificultaron o xogo e o marcador non se moveu.
No filial do Castro estreouse José Ángel Castro como novo adestrador. Logo da non continuidade de Isaac Rouco, o ex técnico do Guntín ou do Pol (entre outros) dirixe o equipo neste 2023.
Na zona baixa, xogaron entre si a Comercial e o Cabreiros noutro duelo que pode ser crucial na última xornada de competición.
De momento, na primeira volta, o encontro acabou en empate a un gol. A Comercial foi superior na primeira metade na que se puxo por diante antes do primeiro cuarto de hora.
No segundo tempo, Cazás empatou por medio dun penalti. Tiveron os locais a oportunidade de gañar. Pero Nesi detivo o lanzamento dende os once metros de Juan.
Na zona sur, o Guntín impúxose no partidazo da xornada ao Friol. Foi un partido moi desputado na Reigosa que se decidiu polo maior acerto dos visitantes.
O cadro laranxa finaliza a primeira volta na primeira posición. Agora cun punto de marxe sobre o seu rival. Prevese unha loita titánica ata o final, como predeciu Javi Pájaro hai uns días.
O Guntín entrou ben no partido. Adiantouse relativamente cedo logo dunha xogada a balón parado por medio de Samuel.
Despois do gol, o ida e volta foi constante cun cadro local tentando buscar ao seu home referencia arriba, Lucky.
Na segunda volta, o Friol tivo a máis clara nas botas do propio Lucky. No man a man triunfou o gardamllas Neira.
O gardameta guntinés deixou a súa portería a cero por oitava vez no que vai de campaña. Desta volta, fíxoo ante o ataque máis perigoso da liga. O Friol marcou 46 goles no que vai de competición.
A tres puntos do líderado están o Ferreira e o Oural. Ambos teñen 30 puntos e empataron na pasada xornada. O Ferreira igualou na súa visita ao Municipal de Becerreá.
Os locais adiantáronse no marcador, pero antes do descanso o cadro de Pantón logrou empatar por medio dun lanzamento dende os once metros. No segundo acto apenas houbo ocasións claras.
O Becerreá remata a primeira volta a dous puntos dos postos de play off. Só con tres derrotas no que vai de liga.
Pola súa parte, o Oural empatou no campo do Río Sil. Os locais foron gañando boa parte do partido. Chegaron ao tramo final con 2-0 ao seu favor.
Pero nos últimos minutos, o Oural foi quen de empatar e salvar un punto que o mantén en postos de cabeza. Diego e Iván Barrio conseguiron os goles.
A 5ª praza é ocupada polo equipo máis en forma da categoría se temos en conta os resultados das últimas cinco xornadas. Cinco son as vitorias que enlaza a Milagrosa. A última ante o Carballedo.
A Mila púxose por diante no primeiro tempo nun penalti que marcou Anxo. Puideron empatar os pupilos preparados por Rodrigo Amarante antes do descanso. O tiro de Monchito petou no pau.
Na segunda metade, o gol nada máis comezar de Pajón puxo distancia de por medio. Non obstante, a sentencia non chegaría ata case o final cun gol en propia meta.

Logo do Becerreá (6º), o Paradela sitúase na sétima praza. Empatou ante o Brollón e acumula tres partidos sen gañar. Aínda así, está a tres puntos da fase de ascenso.
É que tamén nos Medos non gaña calquera. Na primeira volta só foron quen de facelo o Guntín e o Ferreira.
Pero si hai espazo para os golazos. Como o que marcou Albertito para adiantar ao Paradela. Enganchou unha gran volea dende fóra da área. Os locais igualaron por medio dun penalti antes do descanso.
No segundo tempo, volveu ser o Paradela o que se puxo por diante. E de novo, a través dun lanzamento dende os once metros empatou o Brollón. Nos visitantes debutou o ex xogador da Sarriana, Iago Fernández.
Na metade da táboa, o San Lázaro quere estar máis preto dos postos altos. Gañou pola mínima ao Chantada B e queda a cinco puntos do quinto posto.
O gol da vitoria fíxose esperar e non chegou ata o tramo final. Yelko definiu ante o gardamallas rival.
No banco do filial chantadino estreouse a dupla formada por Xende Fernández e Perry. Álex Cambeiro non continúa como adestrador.
Non quere saber nada da zona baixa o Sporting Lucense. Levaba catro partidos sen gañar e sumou os tres puntos no derbi capitalino ante o San Roque.
O partido estivo igualado. Non foi o mellor día dos pupilos preparados por Diego Díaz, pero aínda así estiveron sempre con posibilidades no encontro.
O cadro dirxido por Lolo ten cinco equipos por baixo na clasificación. Con catro puntos de marxe sobre o Lemos B.
Precisamente o filial lemista está a alza. Sumou a súa terceira vitoria nos últimos cinco partidos. Derrotou a un rival directo como o Corgo, ao que deixa a sete puntos.
Nico foi o gran protagonista dos noventa minutos. O dianteiro marcou tres dos catro goles que subiron a conta dos seus.