#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O derbi xermadino é para o Cazás e o de Taboada para o B

O Tres en Raia En Boas Mans desta xornada de Terceira Futgal tráenos, no grupo norte, o triunfo do Cazás no derbi do concello de Xermade fronte ao Roupar. Os do Catro Ventos xa son segundos e recurtan diferencias co líder. O Goiriz deixou os primeiros puntos da temporada tras empatar co Matela.

No grupo sur tamén houbo derbi, neste caso no concello de Taboada. O Taboada B non tivo piedade e goleou ao Relámpago. Na parte alta da clasificación, o Sporting Lucense venceu con apuros ao Bóveda e recuperou a primeira praza, aproveitando a xornada de descanso do Monterroso B. Corgo e Sober igualaron nun encontro de aspirantes ao título.

grupo norte

O Goiriz cede o primeiro empate do curso no Ventiño fronte ao Matela (3-3). O encontro comezou de cara para os vistantes cun gol de Pedro Domínguez aos catro minutos de falta directa, acción na que o porteiro local quedou mancado. O Matela foi mellor na primeira media hora e contou con boas ocasións para ampliar diferencias no marcador. Pero o líder foi quen de igualar tras aproveitar Xoel un erro do gardameta visitante. Ramos, tras un saque de córner volveu poñer ao Matela en vantaxe antes do descanso. No segundo tempo, o Goiriz saiu mellor, aínda que non estivo ao nivel doutros encontros, e logrou o empate por medio de Muñiz cun remate de cabeza. O Matela volveu a adiantarse, por terceira vez, por medio de Pedro Domínguez, o máis listo da clase. Cando os de Cuchi vían o encontro case que no peto, apareceu de novo Muñiz para salvar un punto para o líder.

O Cazás achégase ao líder tras vencer ao Roupar no derbi (2-0). Encontro de guante branco nun Catro Ventos que rexistrou unha boa entrada para presenciar o derbi. Quinto partido no que o Cazás mantén a portería a cero e segue sen encaixar no seu feudo. O primeiro tempo foi de dominio local. Seo puxo por diante ao Cazás cun bo testarazo e Anxo desbaratou varias ocasións claras e logrou manter ao Roupar no partido. No segundo tempo, os de Ángel Pena estiráronse e Adil puxo a proba a Fernando cun bo disparo. Anxo seguiu co seu show baixo paos e mantivo a emoción no encontro ata o minuto 88, cando Lois fixo o segundo tras un barullo na área.



Un Rioaveso superior golea ao Friol B (1-4). Encontro sen moita historia na Reigosa. O cadro local competiu ben no primeiro tempo. Álex Veiga puxo por diante ao Rioaveso e Samu igualou o choque. Antes do descanso Álex Anido marcou para os chairegos, que puideron incrementar as diferencias no marcador. O segundo tempo resultou de claro dominio do Rioaveso. Álex Anido e Gesto, que volvía aos campos tras unha longa lesións, completaron a goleada.

O Castroverde suma a terceira vitoria consecutiva diante do Abadín (3-0). Os de Iago Núñez dobregaron a un Abadín que perdeu os dous últimos encontros. O Castroverde realizou o mellor encontro da campaña e foi superior ao rival nun primeiro tempo no que o marcador puido ser máis abultado. David puxo por diante aos locais tras unha gran xogada individual na que se desfixo de dous defensores. No segundo tempo o encontro foi máis parello e ámbolos dous equipos tiveron varias ocasións. No último tramo de partido, o Castroverde sentenciou con dous goles, obra de Gelo e Pablito. O Abadín contou con ocasións por medio de Izan e Ferre, sen acerto.

O Celeiro reencóntrase coa vitoria en Trasvías diante da Comercial (3-2). Na primeira xogada do partido, unha acción desafortunado do gardameta visitante rematou no primeiro gol do Celeiro. Os locais dominaron con claridade o primeiro tempo e Mora fixo o segundo á media hora. Os de Carlos Yen contaron con boas ocasións de Silva, Martín e Mora para deixar o encontro visto pra sentencia antes do intermedio. Na segunda metade, Mora fixo o terceiro tanto para o Celeiro, pero a Comercial, que xa dera un paso adiante tras o paso por vestiarios, non lle perdeu a cara ao encontro e logrou apretar o marcador con dous goles de Raúl.



grupo sur

O Sporting Lucense recupera o liderado tras vencer a un batallador Bóveda (2-3). Os locais venderon cara a súa pel diante dun dos grandes candidatos ao ascenso. O Sporting Lucense comezou mellor e adiantouse por medio de Aaron. O Bóveda mellorou co paso dos minutos e logrou darlle a volta ao marcador antes do intermedio. No segundo tempo, os visitantes estiveron máis atinados e lograron dous tantos case que consecutivos. A expulsión de Álvaro condicionou a reacción do Bóveda e a boa actuación do gardameta xuvenil Hugo impediu que se viran máis goles.

Sober e Corgo igualan nun gran encontro en Centeás (2-2). Tensión, polémica, remontada . . . partido de categoría superior no que o conxunto local comezou máis atinado. Un bo pase de Isaac aproveitouno Martín para poñer por diante aos de Iban Lagoa. O empate non tardou en chegar e Sebas logrou o empate tras un penalti por un man dudosa. O cadro visitante púxose por diante cun golazo de Mejuto desde longa distancia. No segundo tempo, o Corgo acusou as numerosas baixas e o Sober xogou en campo contrario. As numerosas interrupcións condicionaron a fluidez do xogo e no último tramo o Sober logrou igualar cun gol de Nico, no que o Corgo pediu fóra de xogo do atacante soberino. No tempo de desconto, o colexiado anulou un gol do conxunto local por outro fóra de xogo tamén moi protestado.

A Sarriana B vence ao Río Sil e aséntase en zona de play off (4-2). Foi superior o cadro local, pero o Río Sil adiantouse tras un penalti forzado por Laye que transformou Diego. Os locais contaron con ocasións que non foron quen de concretar e víronse obrigados a remontar no segundo tempo. O Río Sil, que recuperou xogadores para este encontro, baixou físicamente e o filial sarriao púxose por diante cun gol de falta directa de Dani e outro ao minuto seguinte de Fabio. Non tardaron os visitantes en igualar tras un roubo de balón que finalizou Jorge. Os de Raúl non se conformaron co empate e chegaron con moito perigo á portería do Río Sil. Dous goles de Brais fixeron que os tres puntos quedaran na casa.

O Taboada B golea ao Relámpago no derbi (5-1). Encontro que comezou revolucionado. En tres minutos dous goles. Rubén adiantou ao Taboada B e Moure empatou para o Relámpago. O filial aproveitou os erros defensivos do rival e marchou ao descanso con tres goles máis. Varela, Adán e Pita puxeron en clara vantaxe aos de Jacobo Vázquez. No segundo tempo, o Relámpago deu un paso adiante e buscou recurtar diferencias, aínda que sen éxito. Sergio completou a goleada para os locais.

O Chantada Atlético B vence a un Carballedo co que iguala na clasificación (3-1). Primeiro tempo no que os locais tiveron o dominio do xogo, pero non do marcador. Moncho puxo por diante aos de Adrián Pateiro, que souberon defender o marcador malia ao empuxe do filial chantadino. No segundo tempo, o dominio do xogo tradúxose en goles. Miguel, en dúas ocasións, e Joselu marcaron para os de Ivi Gayoso. No tramo final do encontro o xogador visitante Moncho fixo que saltaran as alarmas tras unha mala caída e tivo que ser asistido pola ambulancia. Por sorte, todo quedou nun susto.



O derbi xermadino é para o Cazás e o de Taboada para o B

Muimenta e Quiroga, polo San Martiño os

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *