O Ferreira é un dos cadros máis consolidados do Grupo Sur da Segunda Futgal. Os de Pantón parten cada verán como un dos conxuntos chamados a acadar o salto de categoría e as visitas ao Baliño adoitan ser unha dor de cabeza para todos os rivais.
Este curso, os de Manu Rodríguez ocupan o primeiro posto da táboa cun balance de 20 puntos en 9 xornadas e tan só unha derrota en todo o que vai de temporada. Hoxe, falamos co técnico dos brancos para coñecer as súas expectativas.

Futbolinlugo: É casualidade a situación clasificatoria do equipo?
Manu Rodríguez: Creo que aínda é cedo, pero desde o inicio pretendimos loitar polos postos máis altos. Porén, creo que é unha posición anecdótica, está todo moi apretado e queda moito por diante. O obxectivo marcado a comezo da temporada foi o de competir, tratar de engancharnos nos postos de cabeza e aproveitar as oportunidades. Que non suceda como o curso pasado, que perdimos partidos cando podiamos engancharnos na promoción.


Fil: Que fútbol ven os seareiros que se achegan ao Baliño?
MR: Estamos en construcción, pero a min gústame o rock and roll. Gústame propoñer e levar o peso do partido, intentar sacar o balón desde atrás, pero ser vertical. Superar presión e progresar rápido. Gústanme os partidos abertos, con transicións rápidas, que saiba actuar nas perdas de balón, que sexa intenso… Aínda que teñamos calma na saída de balón, que saibamos acelerar o xogo cando superamos a presión.
Fil: Unha das materias pendentes do Ferreira semella a fase defensiva.

MR: Temos que encaixar menos e mellorar bastante a nivel colectivo, non ten que ver exclusivamente cos defensores: temos que traballar as transicións defensivas e o balón parado. É certo que o equipo está renovado e hai que seguir insistindo.
«O Ferreira acolleume cos brazos abertos «
Fil: De cara á porta rival, porén, os números son moi bos.
MR: A nivel ofensivo creo que o equipo está ben. Sempre marcamos e xeramos ocasións. Temos que aprender tamén a matar os partidos, porque por exemplo no Polvorín puidemos sentenciar e deixamos o choque aberto ata que nos empataron, en Friol pasou o mesmo…
Fil: Tan só unha derrota, contra o invicto Brollón, que promete dar moita guerra na loita polo ascenso.
MR: Si, é un equipo da zona, co que hai rivalidade… e nós non aparecimos. Fixemos o peor partido desde que estou eu no club. Eles manteñen a súa base, perdeu a Damián pero trouxo a Mario e a Maceda… están máis que traballados, levan moitos anos co mesmo adestrador… van estar arriba seguro.

Fil: En que cambiou o Ferreira desde o curso pasado?
MR: Houbo baixas como as de Alex e Guti, a lesión de Marcos… pero incorporamos xente de calidade e comprometida. A idea do Ferreira é clara: conseguir xente nova, rexuvenecer ao equipo con xente nova, xuntar xente da comarca… trouxemos rapaces que saíron de xuvenís en Monforte… O obxectivo é sentar unhas bases sen présas, aínda que a idea sexa ascender, fai falta consolidar o proxecto e o equipo.
Mudou tamén o ambiente: hai moi bo rollo, vémolo adestrando. Este ano xuntamos 16-17 xogadores todos os martes, os venres 22… eso non vai dar puntos como tal, pero sí é un indicativo de que estamos creando unha boa base para o futuro.
Fil: Ten ganas Manu Rodríguez de voltar á Primeira Futgal?
MR: É unha categoría que me gusta moito. Non implica o esforzo dunha Preferente, pero a nivel futbolístico na provincia paréceme ideal. Se pode ser nun club como o Ferreira, que me acolleu cos brazos abertos, ideal. Síntome valorado, apreciado… sería un éxito.
