O Muimenta e o Quiroga modificaron a pasada fin de semana o refraneiro popular. Especialmente o club quirogués cuxo campo de fútbol onde xoga se chama San Martiño. Muimenta e Quiroga gañaron o seu primeiro partido no que vai de temporada. Ambos ante rivais da zona alta, San Ciprián e Paradela.
Na zona norte, o Iberia mantense na cabeza, aínda que perdeu dous puntos de vantaxe. Empatou en San Miguel de Reinante coa Candelaria (1-1). Queda con 23 puntos, dous máis que o Folgueiro e cinco máis que o Sanci. Segue invicto, sen perder nas nove xornadas que van. Pola súa parte, a Candelaria segue puntuando, acumula 14 e aséntase na zona media (8ª).
Aínda que puido marcar ao comezo, non saíu de todo ben o Iberia. Foi a Candelaria quen se puxo por diante por medio de Bruno. No segundo tempo, melloraron os locais, tiveron ocasións, pero non marcaron ata o tramo final por medio de Jordane.
O Folgueiro é segundo e o equipo máis en forma en canto a resultados do grupo. Venceu 0-3 ao Cospeito e enlazou o seu quinto triunfo seguido. Quedan a dous puntos do líder.


Mentres tanto, o Cospeito continúa de pechacancelas. Suma un punto e queda a sete de saír dos postos de descenso directo.
O cadro do Vicedo dominou maiormente o choque e estivo acertado de cara a porta. Tentouno o Cospeito querendo xogar ao fútbol dende atrás, pero non foi capaz de xerar grandes ocasións de gol.
O Sanci queda 3º, logo de perder co Muimenta (0-3), nunha das grandes sorpresas da xornada. O cadro local, que foi líder nas primeiras xornadas, encaixou a segunda derrota seguida. Pola súa banda, o conxunto celeste gañou por primeira vez na campaña. Dous partidos de Basi: un empate e un triundo.

O Sanci tratou de facer o seu fútbol xogando dende atrás e chegando á área rival polas bandas e polo centro. O Muimenta termou ben, cunha gran actuación de Noche e de todo o bloque. Marcaron antes de marchar ao descanso por medio Fer tras pase de Jairo.
Ao pouco de comezar o segundo tempo, Míchel patea unha falta que se acabou convertindo no segundo gol logo dunha indecisión defensiva. A partir de aí, non souberon facerlle fronte ao resultado aos locais. O Muimenta mantívose organizo e anotou o terceiro por medio de Nacho, que chegou a pasada semana ao equipo despois dun tempo parado.
O Muimenta incorporou esta semana un novo xogador. Chega Adri Lorigados procedente do Pastoricense. O xoven da Pastoriza pode moverse en calquera posición da defensa.
O Xermade mantén a 4ª posición, a pesar de perder en Mondoñedo (2-1). O cadro xermadés sitúase a cinco puntos do posto de promoción. O cadro mindoniense logrou o segundo triunfo do curso.
Resultou decisivo o gran gol de falta de Óscar Paz. Co 1-1 no marcador o xogador mindoniense pateou unha falta nos últimos intres, que lle deu os tres puntos aos seus.


O Riotorto é 5º logo de sumar o quinto triunfo da campaña. Superou ao Guitiriz por 2-0. O cadro guitiricense queda de 13º con nove puntos, catro de marxe sobre o descenso directo.
Empatado a puntos co Riotorto, atópase o Sporting Pontenova. Sumou o segundo empate consecutivo na súa visita ao Cascabeiro (1-1). O Celta Barreiros queda na metade da táboa con 13 puntos, dous menos que o seu rival.
Na sétima posición sitúase o Casás que vén de empatar co Cabreiros (2-2). O conxunto capitalino acumula catro encontros sen gañar, pero polo momento só caeu derrotado unha vez no que vai de temporada.
Tamén igualou o Alfoz coa Piringalla (2-2). Partido entre dous equipos da zona media que queren escapar da parte baixa. O Alfoz queda 10º con dous puntos máis que a Piringalla que é 11ª.
Mandou o fútbol directo no Municipal. Por dúas veces se adiantou o cadro alfocense e noutras dúas ocasións igualou o conxunto visitante. Os últimos intres foron do Alfoz que non deron co gol do triunfo.

Na zona sur, o Ferreira mantense no liderado, pero con menos vantaxe. Igualou (1-1) no campo do San Roque. Segundo empate seguido do líder que suma 20 puntos e seis partidos sen perder. Queda cun punto por riba do Brollón e dous do Becerreá e do Paradela.
Non obstante, a zona alta está moi apertada. O San Roque é 6º, a tres puntos do Ferreira. Tamén leva dous empates de xeito consecutivo e sete encontros seguidos sen coñecer a derrota.
Encontro igualado con maior dominio local no primeiro tempo. Sen moverse o marcador, Adri García fixo algunha intervención de mérito. O Ferreira adiantouse no marcador e puido anotar o segundo, que lle anularon tal e como amosaron nas redes sociais. Os locais empataron nos últimos intres.
O Brollón é 2º ao lograr o quinto triunfo do curso. Superou ao Chantada B (2-0) nos Medos. Segue invicto, sen perder nas nove xornadas que van. Mentres tanto, o filial chantadés baixa a última posición con catro puntos, a un de saír do descenso directo e a dous da 13ª posición.
Antes do descanso, o cadro local adiantouse no marcador por medio de Castañer ante un rival que se presentou con baixas. Mellorou o Chantada B no segundo tempo, sen que o Brollón tratase de buscar o segundo. Os visitantes non marcaron, e Castañer aproveitou un erro defensivo para marcar o segundo e asinar un dobrete.
O Becerreá é 3º ao reencontrarse coa vitoria ante O Páramo (2-5). O cadro preparado por Javi Gómez acumula 18 puntos (igualado co Paradela) e queda a dous do liderado.
En cambio, O Páramo é 11º con seis puntos de marxe sobre o descenso directo. Ten dez puntos, pero non se atopa nunha boa dinámica de resultados. Encaixou a quinta derrota seguida.
O Becerreá adiantouse no primeiro minuto e enlazaron un primeiro tramo de encontro bo, no que se colocaron 0-3. Os locais metéronse no encontro antes do tempo de lecer.
Á volta dos vestiarios foron capaces de marcar o segundo e xeraron algunha oportunidade para igualar. Con todo, o Becerreá recompúxose e sentenciou con dous tantos máis.
O Paradela queda con 18 puntos, logo de perder por primeira vez na temporada. Curiosamente o seu verdugo foi o Quiroga, que non gañara no que vai de liga. O conxunto quirogués saíu do descenso directo e sitúase na antepenúltima posición con cinco puntos.
O balón parado decantou o marcador a favor do conxunto do San Martiño, na finde na que se honrou ao santo que lle dá nome ao campo do Quiroga. Iso si, quen primeiro se adiantou foi o Paradela cun gran gol de Andrés cun disparo dende fóra da área.
Tras un primeiro tempo igualado, no segundo acto os locais trataron de buscar o empate. O central Cebolas rematou un centro no segundo pau para igualar. O lanzamento de falta de Jato petou nun rival e acabou entrando na portería. Os visitantes buscaron o gol nos últimos intres, pero non o atoparon.
A meta do Quiroga volveu estar defendida por Fran, que xa se confirma como alternativa baixo paus ante a escaseza de porteiros.
Ademais do San Roque, tamén está a tres puntos do líder o Santa Comba (5º). O club da parroquia lucense do mesmo nome encadena seis partidos seguidos sen perder. Vén de gañar 2-0 ao Incio (13º con dous de marxe sobre o descenso directo).
Comezou mellor o Santa Comba, dominando e xerando as primeiras opcións de gol. O Incio foi mellorando co paso dos minutos e tamén puido adiantarse nunha dbre ocasión de Darwin e Roi ou tamén noutra de Darwin co porteiro xa vencido.
No segundo acto, unha das accións defensivas foi a expulsión de Pombo, que deixou aos visitantes cun menos. Os locais volveron dominar e marcaron dous goles.
Cuarta vitoria para o Palas (7º, a catro puntos do 1º), tras impoñerse ao Lemos B (0-2). O filial lemista baixou a penúltima posición, quedando a un punto de saír do descenso directo.
Os 90 minutos tiveron un guión semellante. Os locais trataron de levar a iniciativa tendo a posesión co balón. O Palas mantívose ordenado e xerando perigo ao contragolpe.
Así se adiantaron no primeiro tempo. Na segunda metade, o Lemos B puido empatar cun balón que petou no pau. No tramo final, os visitantes sentenciaron co segundo.
Na zona media da táboa, o Friol goleou ao Antas (4-0). Aínda así, os do Castro Seoane teñen tres puntos máis que o cadro friolés. Os pupilos preparados por Martín volveron gañar tras tres encontros.
O xogo combinativo foi do Friol e a balón parado xeraba perigo o cadro visitante. Os locais adiantáronse no primeiro tempo. No segundo acto, pouco a pouco, os goles do Friol foron facendo mella e amosáronse moi superiores con espazos.
Entre o Antas e o Friol, atópase o Portomarín. Venceu ao Rubián (3-1) e queda de 9º con 13 puntos, cinco máis que o seu rival desta finde.
Os locais adiantáronse no Chao da Poza no primeiro tempo. Anuláronlle un gol aos visitantes e, ao pouco, o Portomarín marcou o segundo. Na segunda metade, si subiu ao marcador o tanto do Rubián. Con todo, chegou o terceiro do Portomarín que xa lles deu a tranquilidade definitiva.
