A sexta xornada de Terceira Galicia déixanos a sexta vitoria do Celta Barreiros, desta volta fronte a Comercial B. Os do Cascabeiro camiñan con paso firme no liderado do grupo norte e xa contan con cinco puntos de vantaxe sobre un Casás que foi quen de gañar no Ventiño ao Goiriz. O Castroverde curtou a súa boa xeira ao perder diante do Celeiro. No grupo sur o Rubián venceu ao Sober nun choque entre conxuntos da zona alta e mantén o primeiro posto. O Páramo goleou ao Bóveda e segue a estela do líder.
grupo norte
O Celta Barreiros consolida a primeira praza tras golear á Comercial B (1-4). Comezaron mellor os visitantes cun inspirado Hugo. Antes de cumprir a media hora de xogo, o focense marcou dous tantos e puxo en clara vantaxe aos de Rubén Acebedo. O Celta Barreiros baixou o ritmo e a Comercial B estivo mellor ata o descanso, pero non foi quen de recurtar diferencias. O filial lucense saiu máis entonado de vestiarios e Borja apretou o marcador cun tanto aos cinco minutos da reanudación. O gol reactivou aos barreirenses que lograron dous tantos moi rápidos. Nico, de penalti, e Casanova deixaron o encontro visto pra sentencia. Tan só un minuto despois de marcar, Casanova foi expulsado e a Comercial B buscou recurtar diferencias e viron como lle anulaban un gol por fóra de xogo.
O Casás deu un golpe enriba da mesa ao gañar no Ventiño (1-2). O encontro comezou da mellor maneira para os visitantes. Aos dous minutos de xogo, Cristian marcou de falta. O Goiriz non tardou en reaccionar pero o balón non quixo entrar logo de bater nos dous paos. O Casás dominou máis o xogo que o cadro local e tivo varias ocasións para ampliar diferencias por medio de Maira e Juan, mentres que o Goiriz rematou o primeiro tempo máis entonado. O segundo comezou moi parello, pero nunha perda no medio do campo Juan fixo o segundo para o Casás. O Goiriz, con media hora por diante, foi superior e contou con varias ocasións para marcar. Este chegou a falta de cinco minutos para o final por medio de Héctor.
O Celeiro venceu ao Castroverde nun encontro de ‘fútbol na lama (1-0). A choiva afectou ao estado de Trasvías e ámbolos conxuntos optaron por un fútbol directo. O Celeiro adaptouse mellor ao estilo de xogo e ás condicións climatolóxicas e xa na primeira metade contou con dúas boas ocasións para marcar. O Castroverde non foi quen de desenrolar o seu fútbol e só chegou unha vez con certo perigo á área rival. Na segunda metade o Celeiro logrou adiantarse cun bo remate de Brais Maseda a centro de Karchi. Os de Fran Veiga contaron cunha boa ocasións para lograr o empate ao sinalar o colexiado penalti a cinco minutos do final. O lanzamento detívoo o gardameta Joni.


A Piringalla tivo que conformarse co empate diante do Cazás (1-1). A primeira metade foi de claro dominio do Piringalla. Juanjo non tardou en adiantar ao cadro local cun disparo lonxano que contou coa colaboración do porteiro rival. Os de Marcos Moscoso tiveron varias oportunidades para que a renda ao descanso fora máis elevada, pero non tiveron acerto. O segundo tempo seguiu un guión semellante, pero o Cazás soubo aproveitar a súa oportunidade e Juan empatou tamén en colaboración do gardameta da Piringalla.
O Rioaveso goleou a un Friol B que segue sen puntuar (5-0). Encontro dominado desde o comezo polo conxunto chairego. Os de Asier Lozano saíron vitoriosos de practicamente todos os duelos e disputas individuais e souberon adaptarse mellor a un terreo de xogo non apto para florituras. Gabeiras e Aleso puxeron en clara vantaxe ao Rioaveso no primeiro tempo, mentras que Simo, Mario e Chao completaron a goleada na segunda.
O Catro Roldas volve a gañar diante dun Matela que non coñece a vitoria (3-5). Partido marcado pola tempraneira expulsión do gardameta local. O Matela repúxose do mazazo e foi quen de adiantarse en inferioridade cun gol de Maikel. Nun erro defensivo, o Catro Roldas logrou o empate por medio de Luis. Na segunda metade os de Martín Real contaron con varias ocasións para marcar, pero foron os visitantes quenes lle deron a volta ao marcador cun tanto de Santi Cazás. Maikel logrou a igualada novamente e o encontro entrou nun ida e volta do que saiu vitorioso o Catro Roldas. O Matela desaproveitou as ocasións de gol e os visitantes foron quen de anotar os goles da vitoria nos compases finais.


grupo sur
O Rubián imponse ao Sober e mantén o liderado (2-0). Os de Senén López seguen amosando a súa solidez con tan só un gol encaixado no que vai de liga. Iván adiantou ao Rubián e Martín contou coa mellor ocasión para o Sober cun lanzamento de penalti que detivo providencial Casillas. No segundo tempo, Iván fixo o segundo na súa conta particular e o Rubián viuse cómodo coa vantaxe no marcador o Sober apenas inquedou a portería rival.
O Páramo goleou ao Bóveda nun encontro que deixo visto pra sentencia na primeira metade (5-0). O conxunto local foi claro dominador do encontro e nos últimos dez minutos do primeiro tempo logrou tres goles que deixaron o partido sentenciado. Juan, Antón e Hugo, este de penalti, anotaron os tantos. Na acción da pena máxima resultou lesionado Antón, que tivo que ser trasladado ao hospital. Na segunda metade Juan e Hugo, cun tanto de bela factura, completaron a goleada.
O Santa Comba xa é terceiro tras gañar ao Chantada Atlético B (3-0). Boa primeira metade do cadro local que contou con boas ocasións para marcar, pero a boa actuación do gardameta Carlos impediu que o tanto chegase ata moi preto do intermedio, obra de Borja.. Tras o paso por vestiarios, o Chantada Atlético B gozou dos seus mellores minutos e contou bon opcións de facer o empate e mesmo poñerse por diante. No tramo final, o Santa Comba volveu facerse co control do partido e foi quen de sentenciar con dous tantos máis. Jaime e Andrés asinaron os goles.
O Río Sil rachou a súa mala xeira e curtou a positiva do Corgo (3-1). A forte choiva fixo que a Carqueixa estivera case que impracticable. O Río Sil adaptouse mellor ao estado do terreo de xogo e foi quen de xerar boas ocasións de gol no primeiro tempo. O Corgo tamén contou coas súas opcións, pero o marcador non se moveu. Na segunda parte, o cadro local saiu moi concentrado e foi superior a un Corgo que non estivo vivo nas disputas. Chomi abriu o marcador e Smaily fixo o segundo pouco despois. Os de Abel Rochela lograron recurtar diferencias nun erro defensivo local, pero Anas fixo o terceiro para asegurar os tres puntos para o Río Sil.

O Taboada B vence no derbi fronte ao Relámpago Taboada (3-0). A pesar do resultado o encontro resultou igualado que se decantou para o filial do Taboada gracias á súa boa labor defensiva. O Relámpago estrelouse contra o pao e coa boa actuación do gardameta Ledo. Os de Dani Ríos adiantáronse á media hora de xogo cun gol de Xabi. No segundo tempo, cando mellor estaba o conxunto visitante o Taboada B foi quen de sentenciar o encontro.

O choque de filais remata cun set para o Monterroso B (3-6). Tarde choiva e sobre todo moitos goles. A Sarriana B encaixou no primeiro minuto un tanto, obra de Yoni que lograría un hat-trick, e afectoulle animicamente. Ao descanso o filial monterrosino xa tiña o encontro visto pra sentencia con tres tantos. A segunda metade comezou como a primeira e Yoni completou unha tarde espectacular. A Sarriana B foi quen de recurtar diferencias no tramo final, pero xa sen tempo para sacar un resultado positivo.