A xornada intersemanal do 1 de novembro deixou un episodio bochornoso para un dos nosos representantes. O Antas desprazouse á Coruña para xogar ás 16:00 horas fronte ao Silva na Segunda Galicia. Pois ben, unha vez alí ás 15:12 horas, comunicóuselle que o Concello da Coruña non ía abrir as instalacións municipais por mor do temporal. Unha viaxe infrutuosa, totalmente evitable; e un partido que queda no aire á espera de nova data.
A única boa noticia desta última data foi para as de case sempre. O San Roque logrou a quinta vitoria consecutiva para ascender ao terceiro posto da táboa. As de Quiroga impuxéronse pola mínima ao Orzán B, nun encontro moi parello e no que as verdibrancas apenas concederon ocasións ao seu rival. As de Montirón perdoaron ata tres man a man porén o solitario gol de Mery deixou o triunfo na casa.
Mentres tanto, a sorte segue esquivando ao Chantada e á Milagrosa. O equipo de Jorge González asinou un encontro moi serio ante o Porriño Industrial. Un duelo de poder a poder no que o balón foi das pontevedresas e as ocasións máis claras, da SD. O fútbol non puido ser máis cruel coas chantadinas, xa que o Porriño se levou os tres puntos na última xogada do partido. Unha mala interceptación que acabou en traxedia. Pola súa banda, a Milagrosa non tivo opción algunha ante o líder. O Atlético San Pedro amosou un nivel moi superior ás branquivermellas.
Pleno de puntos lucense na Terceira Galicia
Todos os equipos lucenses gañaron o pasado 1 de novembro na Terceira Galicia. Monte Forte e Comercial conseguírono na casa. CD Lugo B e Carballedo fixeron o propio a domicilio.


O Monte Forte realizou un encontro completo tanto en ataque como en defensa ante o Cruces. Os goles que non quixeron entrar na primeira parte, si o que fixeron despois do paso polos vestiarios. A segunda metade deixou unha gran versión do equipo de Cristian Penas.
A Comercial tamén se mostrou dominadora nas Gándaras. O balón e as oportunidades foron vermellas durante a meirande do partido, agás uns minutos de relaxación das capitalinas tralo tempo de lecer. Nos cales chegou, curiosamente, o único gol do Vista Alegre. Aroa marcou un ‘dobrete’ para o cadro de Vicky.

Pola súa parte, o Carballedo sobrepúxose ao diluvio universal na súa visita ao O Pino. As de Sementa impediron que as santiaguesas xerasen perigo algún e Jenny fixo o resto dentro dun gran exercicio colectivo. Un charco na liña de gol evitou ata dous tantos da dianteira do Catro Ventos no primeiro acto. Jenny resarciuse na segunda metade e asinou os dous goles dun Carballedo moi superior.

O CD Lugo B tampouco se librou da auga e o aire. De feito, o colexiado estivo a piques de suspender o encontro ante o EF Silleda. Custoulle entrar no partido ás de Diego Rey, que xa perdían 1-0 aos tres minutos por un penalti por man. A partir do ecuador da primeira metade, o filial albivermello acordouse do seu xogo habitual e remontou antes do tempo de lecer. O CD Lugo B non deu opción na reanudación e goleou a un EF Silleda que non tirou á porta defendida por Iyore e Lara. O San Lázaro descansou nesta data.
Resultados da xornada
San Roque 1-0 Orzán B

Silva – Antas (suspendido)
Atlético San Pedro 7-0 Milagrosa
Chantada 0-1 Porriño Industrial

Monte Forte 2-0 Cruces
EF Silleda 1-5 CD Lugo B
Comercial 4-1 Vista Alegre
O Pino 0-2 Carballedo
Descansa: San Lázaro

