#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal #Terceira Futgal

O Catro Roldas, a sorpresa das semifinais da Copa

A Copa Deputación da 2ª e da 3ª vai avanzando e xa ten definidas as súas semifinais; unha final anticipada por zonas: norte e sur. O Catro Roldas é o único equipo da 3ª Rexional que se mantén no torneo.

Na zona norte, precisamente o Catro Roldas e o Iberia buscarán un posto na final. O cadro de Román reviviu un duelo da temporada regular para pasar de rolda. Xogou na casa ante o Castro B. Logo do empate a un gol ao final do tempo regulamentario, o encontro decidiuse nos penaltis.

A quenda final de penas máximas estalle sorrindo aos pupilos preparados por David Lorenzo. Logo de non ter esa sorte na liga, levan superadas dúas fases a través dos penaltis.

O equipo de Román estivo ata a última xornada pelexando por ascender á Segunda e agora quere resarcirse na Copa. É a terceira vez que o conxunto amarelo se planta nunhas semifinais do torneo organizado pola Deputación en consonancia coa Federación. Na edición do 2013 foran eliminados polo Santaballés e na do 2014 polo Guitiriz.



Pola súa banda, o Iberia venceu con claridade no marcador ao filial do Friol na Reigosa. Semella que o equipo de San Miguel de Reinante foi o único da súa categoría que non quixo anticipar as vacacións.

Ve nesta competición unha gran oportunidade de demostrar a boa temporada realizada, a pesar de non conseguir clasificarse para a fase de ascenso. Situación da que quedaron moi preto.

A segunda fase intratable e os partidos de Copa están dándolle a razón a un Iberia que facía gala do seu bo grupo ao inicio de curso. É a segunda vez que o Iberia está nunhas semifinais logo de ser finalista no 1990.



Na zona sur, xogaranse o pase a final dous equipos que viviron un intenso duelo por subir á Primeira, aínda que fora xogado indirectamente. O Antas, que finalmente subiu, e o Becerreá buscarán unha praza na final.

O cadro da Montaña segue coa súa espectacular temporada regular. Venceu pola mínima na casa do Paradela adiantándose xa no primeiro tempo. Os locais tentárono, sobre todo, nunha segunda metade con polémica pero non conseguiron igualar o marcador. Segundo os escritos, por segunda vez o Becerreá estará nunhas semifinais de Copa.

Pola súa banda, o Antas conseguiu meterse nas semifinais grazas aos penaltis. Igualou sen goles no seu partido ante o Sporting Lucense. Nun encontro sen grandes ocasións, o cadro da Ulloa controlou o partido defensivamente. Será a terceira participación nas semifinais.

O Antas e o Becerreá non se enfrontaron entre si na segunda fase. Pero ambos equipos estiveron moi pendentes un do outro para facerse coa praza de ascenso. Tralo erro do Becerreá na penúltima xornada, o Antas fíxose co primeiro posto e xa non o soltou.



O Catro Roldas, a sorpresa das semifinais da Copa

Diario dun mercado. Episodio 272

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *