Diario dun mercado. Episodio 544
-
Iván Calaza | 27/08/2026
- 0
- 3min de lectura
Quedan nove días para que as competicións do noso fútbol se poñan en marcha. Logo de que o Guntín e o Racing Villalbés non avanzaran nas dúas primeiras competicións oficiais da tempada 2026/2027 (fase galega da Copa Federación e Supercopa de Galicia), a primeira fin de semana de setembro comezarán a Terceira RFEF, a Preferente e a Primeira Futgal.
O Viveiro realizou cambios na súa defensa nos últimos días. Non continúa no club Aketza, defensor que chegara esta pretemporada procedente do xuvenil do Racing de Ferrol.
Pola contra, ficha a Hugo López, Chucas. O central coruñés retorna ao cadro celeste dous anos despois. Neste tempo pasou polo Arteixo e o Unionistas B. Esta tempada ía xogar no Montañeros, pero finalmente o seu equipo será o Viveiro. Deste xeito, Marcos Pereiro conta con 22 efectivos a súa disposición. Non obstante, a temporada vaina comeza sen unha das súas incoporacións máis destacadas, Antón Núñez, baixa por lesión.
Iban Pires non segue no Brollón. Nas últimas tempadas exerceu de axudante de Chura no corpo técnico e tamén volveu calzar as botas en numerosas ocasións para botarlle unha man aos seus compañeiros. Nesta campaña na que o club volvía á Primeira, pero tivo que xogar no grupo de Ourense, Pires participou en 12 partidos e marcou dous goles.

O Brollón, adestrado agora por Diego Rey, volve este curso ao grupo lucense e estrearase nos Medos ante o Monterroso.
Na Segunda Futgal, o Cabreiros fixo públicas seis incorporacións. Nos últimos días, Antón Carreira (Esteo FS), Eloy Pita e Ismael Freire, Kempes, foron anunciados como novos xogadores do club. Únense aos xa comentados Hugo Bermúdez, Miguel Dopico e Xoel Laya.
Na Terceira Futgal, o grupo sur comezará a xogar a fin de semana do 20. O Sober continúa anunciando o seu cadro de xogadores, que recibirá en Centeás na primeira xornada ao Casás. Luis Llano regresa ao cadro soberés, que ficha tamén a Diego Arias procedente do outro equipo do concello, o Río Sil.
Ademais, o club comunicou a continuidade de dous xogadores importantes: Ángel Panizo e Javier Lamus. O cadro adestrado por Ramón Armental e Eduardo Silva anunciou a trece xogadores ata o momento.
Na zona norte, a liga comezará nun mes. O Roupar volve pelexar por saír a competir, a pesar de que tivo que comezar a pretemporada moi cedo por mor de xogar a Copa Concello de Xermade. Ademais da renovación de David Lorenzo, adestrador que colleu ao equipo nas últimas semanas de competición do curso anterior, fixeron pública a continuidade de seis futbolistas: Xosé, Maseda, Kike, Aarón, Pablo e Anxo Rey. O equipo xermadés comezará a liga na casa do Pol B.
Os veciños de Cazás e vixentes campións da Copa Concello de Xermade publicaron nas súas redes sociais que se manteñen no equipo Rober, Pereira, José e Diego Penedo.
Foto de portada: Mariluz Fagín