Á Segunda Rexional tan só lle queda por saber que equipos formarán parte dela a temporada que vén. Varios conxuntos da categoría están pendentes dos posibles arrastres que poden provocar o seu descenso. A competición como tal xa rematou co desenlace na zona sur. O Antas cumpriu o seu cometido e ascende de división.
Foi unha segunda parte da temporada inmellorable para o cadro da Ulloa. Xogou oito partidos e gañou os oito. O ascenso púxoselle de cara na penúltima xornada e no derradeiro encontro desta liga non fallou ante o Oural. Aínda que o resultado final (4-3) foi axustado o conxunto do Castro Seoane semellou ter controlado o partido a maior parte do tempo. O traballo grupal foi clave cun Melendo que aportou na preparación e tamén na portería, sendo o gardamallas menos batido da 2ª fase no grupo.
O Becerreá quedou a dous puntos do primeiro clasificado. Tentouno ata o final e gañou o seu encontro ante o filial da SD Chantada. Cun bo ambiente no Municipal, o cadro da Montaña despediu unha gran temporada. Os pupilos adestrados por Antón Méndez foron moi regulares durante todo o ano, sendo líderes destacados da 1ª fase e rozando o ascenso nesta.

Terceiro nesta clasificación foi a Milagrosa que perdera había dúas xornadas as súas opcións de subir. No último encontro derrotou a un Ferreira que baixou as súas prestacións na 2ª fase e finalizou 5º na clasificación.


Na cuarta posición rematou o Paradela que igualou a un gol ante un Río Sil que sumou o terceiro empate deste segundo tramo de competición no que cadrou coa saída de Juan Diéguez. Notouse a falta de tensión de dous conxuntos que non tiñan nada relevante en xogo para pechar a liga. O peor de todo foi a lesión do capitán de Paradela, Javi. Nunha acción individual rompeu tres dedos dun pé, polo que terá que pasar polo quirófano. Moito ánimo dende aquí.

Pola súa banda, no grupo de descenso que faltaba por rematar ambos encontros da xornada remataron en empate. O Quiroga confirmou o seu descenso directo logo de empatar sen goles ante un Páramo xa sen o seu adestrador Santi.
Tamén empatou o Santa Comba ante un Brollón que é o único que pode estar tranquilo. Ao finalizar na primeira posición non ten que estar pendente dos arrastres. Sporting Lucense, Páramo e Santa Comba deben seguir pendentes.
