O partido da xornada . . . San Roque – San Lázaro: tres puntos e unha carambola para salvar a categoría

Penúltima xornada na pelexa pola permanencia en Primeira. O descenso desde Segunda RFEF do Arousa, provocou unha cascada de arrastres nas demáis categorías que complica moito a situación de moitos conxuntos na nosa provincia. É o caso de dous conxuntos da capital. San Roque e San Lázaro enfróntanse este domingo ás 16:30 horas no Polvorín na procura de tres puntos que os manteñan con vida ata a derradeira xornada. Arbitrará Saúl López Parga.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

Unha derrota ou un empate condearía ao descenso a calquera dos dous equipos. O San Roque comezou a segunda fase de forma esperanzadora, cun triunfo no campo do Monterroso ao que lle seguiron cinco empates consecutivos, pero caeu nos dous últimos encontros, claves para os de Manolo García. As derrotas diante do Folgueiro e Pastoricense fixeron que o San Roque sexa último clasificado e cunhas contas que pasan por sacar seis puntos e agardar os pinchazos dos conxuntos que o preceden na clasificación.

O San Lázaro non atopou o seu fútbol nesta segunda fase e tivo que agardar á última xornada para sumar o seu único triunfo. Tres derrotas consecutivas nas tres primeiras xornadas situaron aos de Diego Rey na zona baixa. Logo catro empates consecutivos, algún deles con merecemento dun premio maior, deixaron ao San Lázaro sen marxe de erro. Ao igual que o San Roque, aínda que conte cun punto máis, precisa seis puntos nas dúas últimas xornadas e que os resultados dos rivais os favorezan.

Deportes Élide

que opinan os protagonistas?

MANOLO GARCÍA (SAN ROQUE)

  • Na procura do milagre. «Na nosa situación tería que darse unha auténtica carambola para salvarnos. Pero imos saír a gañar os dous partidos que nos quedan e agardar. As nosas finais foron os dous últimos partidos diante de Folgueiro e Pastoricense. Comezamos gañando nos dous e perdémolos en dous detalles. Agora non dependemos de nós, e coa cantidade de arrastres que haberá é moi difícil».
  • Demasiados empates. «Penalizáronnos moito os cinco empates consecutivos ao comezo desta fase. Partidos que non soubemos pechar e que nos empataron nos últimos minutos. Para min foi a clave de vernos agora nesta situación, ademáis das numerosas baixas que tivemos durante toda a temporada, que sempre condicionaron o once titular».
  • O San Lázaro. «Somos veciños e coñecémonos moi ben. Empatamos no encontro de liga e será un encontro a vida ou morte, Non dependemos de nós, pero buscaremos facernos fortes na nosa casa con tres puntos que nos den vida. Estamos competindo moi ben e viuse na Copa diante dun Pol que tivo que sacar toda a súa artillería para vencernos».

DIEGO REY (SAN LÁZARO)

  • Falta de gol. «Chegamos a este encontro nun bo momento e despois de boas actuacións nos últimos partidos. Faltounos gol para poder sacar algún punto máis que nos poría nunha situación mellor, pero son as dinámicas do fútbol».
  • O encontro. «Será moi reñido. É un conxunto moi forte na súa casa, que defende moi ben e atópanse moi cómodos no Polvorín. En ataque teñen bos xogadores que che poden facer dano en moitas situacións. Nós iremos co peito aberto e a por todas. Temos que gañar este encontro e o seguinte».
  • Os arrastres. «Temos que agardar ao que ocorre na Preferente, onde hai moitos equipos lucenses implicados na permanencia. Nós temos que pensar unicamente en sacar seis puntos nestas dúas xornadas e agardar».

a axenda

PRIMEIRA GALEGA FEMININA – FASE DE PERMANENCIA 1

  • Peluquería Mixta Friol B – Xuventú Aguiño (Domingo ás 18 horas na Reigosa): encontro propicio para que o filial friolista abandone os postos de descenso. Recibe na súa casa ao pechacancelas ao que xa logrou derrotar na súa casa por sete goles de diferencia.

PRIMEIRA GALEGA FEMININA – FASE DE PERMANENCIA 2

  • Chispa – Antas (Domingo ás 17 horas en Monte Redondo): as rapazas da Ulloa afrontan un duro compromiso en Vilanova de Arousa. Precisan dun triunfo para abandonar o último posto e empatar a puntos co seu rival.

PREFERENTE AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO

  • Arteixo – Sarriana (Domingo ás 12 horas na Ponte dos Brozos): encontro decisivo para os de Edu Rodríguez na súa pelexa polo ascenso a Terceira. Un triunfo outorgaríalles o ascenso aos Sarriaos, mentres que unha derrota complicaría moito as súas opcións. Cun empate dependerían de si mesmos para a última xornada diante do Paiosaco, o outro dos implicados na pelexa

PREFERENTE AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA D1

  • O Pino – Residencia (Domingo ás 16:15 horas en Reboredo): no mellor momento da temporada afrontan os lucenses as dúas últimas xornadas. Logo de tres triunfos consecutivos, os de Dani Galán visitan a un conxunto xa salvado co obxectivo de lograr tres puntos que lles permitan ser segundos.
  • Puebla – Ribadeo (Domingo ás 18 horas na Alta): a única derrota do Ribadeo en 2022, unida aos arrastres desde Terceira, complicou sobre maneira a situación dos mariñáns. Para evitar a terceira praza que pode levar ao seu inquilino a Primeira, os de Dani Moirón precisan dun triunfo no sempre difícil campo do Puebla. O cadro local afronta unha final. Unha derrota suporíall, con case total seguridade, o descenso.

PREFERENTE AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA D2

  • Boimorto – Foz (Domingo ás 17 horas no Carballal): unha final para os de Gayol. Un triunfo permitiríalle superar ao Boimorto e chegar con vida ao último encontro no Martínez Otero. Unha derrota suporía o adeus focense á Preferente.

PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA D2

  • Guntín – Friol (Domingo á 18:45 horas en Ladairo): logo dos dous últimos triunfos do cadro local aférrase á permanencia. Para seguir con vida ata a derradeira xornada deben vencer a un Friol xa condenado e agardar o resultado do Xove Lago.

COPA DEPUTACIÓN – SEGUNDA E TERCEIRA AUTONÓMICA

  • Rioaveso – Nuevo Nausti (Domingo ás 18 horas en Paraños): derbi vilalbés no que o Rioaveso conta co fáctor campo, pero os visitantes chegan exultantes logo de dar a sorpresa diante do Meira.
  • Candelaria – Cabreiros (Domingo ás 18 horas na Granda): dous dos favoritos fronte a fronte. Os de Jaime Matouse buscarán avanzar na competición logo de quedar ás portas do ascenso na liga, mentres que os visitantes tentarán rematar ben a temporada logo de non poder pelexar ata o final polo salto de categoría.
  • Ferreira – Río Sil (Domingo ás 18 horas no Baliño): logo de quedar descolgados da pelexa polo ascenso, os de Pantón tentarán facer un bo papel na Copa. Visitan o Baliño os veciños do Río Sil, que buscarán dar a sorpresa e avanzar no torneo do K.O.

Imagen por defecto
Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Artículos: 499

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.