O surrealismo do mundo da Reigosa estendeuse por completo ao seu filial nunha nova fin de semana para olvidar no club perruqueiro. Chegou a primeira derrota do equipo de Geluco Villar, sen o mandamáis no banco nin Covi no campo. Só coa presenza de Rodolfo José Díaz Méndez como cabeza visible dun doloroso esperpento.
O Arzúa fíxolle un set en branco a un equipo lucense molesto. Molesto pola simple razón de que o cadro da terra do queixo non lle puxo o partido o venres como quería. Para así contar con varias das futbolistas en dinámica do equipo ‘A’ e non ter que sacar ao verde do Viso un conxunto de circunstancias. O papelón foi asumido por xogadoras do cadro cadete (cinco titulares e dúas suplentes) e a meta viguesa Mahine, desaparecida en combate desde o adeus de Santi Vieitez. Mahine foi a mellor nunha tarde de sufrimento para unhas cadetes cunha idea distorsionada do concepto filialidade.
Entramos xa no capítulo de derbis. Ese no que os tres disputados esta xornada tiveron o mesmo final: vitoria visitante. O Carballedo asaltou O Sangoñedo nun derbi trabado, que non se decidiu ata a segunda metade. As mellores oportunidades da reanudación foron visitantes e o gol chegou nunha cesión do Chantada. As de Sementa e Adrián sacaron rápido para que Ana Lamas fixese o único gol do encontro. O conxunto de Gorry lanzouse a polo empate sen sorte. As do Catro Ventos defenderon a súa vantaxe con uñas e dentes.
No duelo de rivalidade capitalina, o San Roque prolongou o seu gran momento de forma e resultados na Frigsa. As de Quiroga chegaban á que foi a casa de moitas delas con gañas de dar un golpe sobre a mesa e asentarse definitivamente en zona de play off de ascenso. A Milagrosa contivo ás verdibrancas durante a primeira metade porén as de Montirón impuxeron o seu fútbol na reanudación. Podendo conquerir un resultado aínda máis cómodo do logrado.


No derradeiro dos derbis, o Monte Forte non deu opción ao seu rival tanto nos primeiros vinte minutos coma nos vinte finais. Moji adiantou ás de Perry, que se deixaron ir ante unha combativa e mellorada Comercial. As de Vivian Dors igualaron no 82. Pouco lles durou a alegría. En menos de sete minutos, Henar e Sara Mougán disiparon calquera opción de remonta.

Por último, o San Lázaro deixou os deberes para a segunda metade ante un Silleda que meteu o medo no corpo ás capitalinas antes do descanso. As da Ponte buscaron picos de área e golpeos exteriores tralo paso polos vestiarios. E a fórmula non puido saír mellor. Catro goles con ‘dobrete’ de Jenny, entre eles.
O Lugo golea e colócase a un punto do líder
O Lugo realizou un encontro completo ante o Noia. Dispuxo do control e das ocasións aínda que nalgunha fase da primeira metade lle custou manter a posesión, deixando o partido nun ida e volta. O solitario gol de Iria ao cuarto de hora, mandou ao descanso. No segundo acto, melloraron as prestacións da de Joaquín Blanco. Impúxose claramente a cor albivermella e o equipo amurallado goleou con dous tantos de Ana Seguín e un de María.

Este triunfo unido ao empate do Sárdoma B no campo do Amistade de Meirás, deixa ao Lugo a un só punto do primeiro posto. O cal ocupa precisamente o Sárdoma B.

Pola súa parte, o Antas realizou un mal partido no Castro Seoane. Non tivo a intensidade nin a contundencia suficiente. De feito, en dúas ocasións sen aparente perigo concedeu un 0-2 ao descanso. Melloraron algo na reanudación as de Dani Abelairas. E Paula recurtou diferenzas tras un bo pase de Elisa.
As da Ulloa coqueteaban co empate pero a falta de acerto non movía o marcador. Nesas, o Sporting Cambre aproveitou unha concesión defensiva lucense para matar o encontro. É de salientar o bo papel de Iria na portería, con boas intervencións e incluso atallando unha pena máxima.
Un xaneiro para olvidar no primeiro equipo do PM Friol
12 goles en contra e 0 a favor. E o peor de todo é que ese resulta o menor dos problemas para o PM Friol neste xaneiro.
Do futbolístico, pouco que contar esta semana. Superioridade previsible e manifesta dun Real Madrid B, que goleou tralo descanso. Do extradeportivo, por desgraza, sobra información. Quedémonos con que a ver se as fichaxes de Lynda e Mar Couceiro fan olvidar as múltiples despedidas do conxunto perruqueiro.

Non queríamos pechar esta crónica sen antes mandar moitos ánimos a Sofía Schell, que anunciou a súa retirada do fútbol por problemas psicolóxicos.
Resultados da xornada

Real Madrid B 6-0 PM Friol
Antas 1-4 Sporting Cambre
CD Lugo 4-0 Noia
Comercial 1-3 Monte Forte
Milagrosa 1-2 San Roque
Chantada 0-1 Carballedo
EF Silleda 0-4 San Lázaro
Arzúa 6-0 PM Friol B

paula, porteira do monte forte, xogadora torre de núñez do mes de xaneiro
Neste mes de xaneiro tivemos que recorrer ao desempate. Foi o máis difícil de todos ata o momento. As dúas Nerea, Rodríguez e Lombardero, destacaron tres veces (inclúese a de todos desta xornada no PM Friol A). Aínda así, ningunha gaña o premio de Xogadora do Mes Torre de Núñez, xa que tiveron o dobre de oportunidades que as súas compañeiras, ao xogar cada xornada dous encontros (co PM Friol e o seu filial). O coeficiente é menor do 0,5 que rexistran as participantes que detallamos a continuación.
Falamos de aquelas que sobresaíron ata en dúas ocasións neste mes entre as catro datas celebradas. As elixidas foron: Inés (San Lázaro), Paula (Monte Forte) e Eva (Chantada). A primeira quedou descartada ao ser a única das tres cun cartón amarelo.

A pugna quedou entre Paula e Eva. Ao ocupar Paula a posición de gardamallas, non tivemos en conta os goles anotados como seguinte criterio. Sería totalmente inxusto. Así que contamos os puntos que fixo o seu equipo no mes de xaneiro. Ao igual que os que sumou o Chantada de Eva. As do Sangoñedo lograron 6 puntos por 7 das monfortinas, co cal a gañadora do premio é Paula. Noraboa!
Aínda así, queremos salientar o gran traballo de Inés durante este mes como o de Eva, autora de dous goles da vitoria en diferentes encontros. A bo seguro que pelexarán polo lote de produtos Torre de Núñez do mes de febreiro!