A primeira xornada da segunda volta na Terceira RFEF déixanos dous empates para os representantes lucenses. O Racing Vilalbés igualou na Madalena diante do Arzúa e o Viveiro no Couto fronte a UD Ourense. Na Preferente rematou a primeira volta co triunfo da Sarriana diante do Mugardos para afianzarse no segundo posto. No derbi provincial entre o Lemos e o Ribadeo, triunfo deste último nun final apoteósico. A Residencia perdeu no difícil campo do Pino e o Portomarín fixo o propio na súa visita ao As Pontes.
O Racing Vilalbés empata na Madalena fronte ao Arzúa e queda a catro puntos do segundo posto (1-1)
Cuarta xornada na que o cadro chairego non acada a vitoria e queda terceiro clasificado a catro puntos do Arousa, que é segundo, e a seis do Fabril, líder. Comezou dominando o encontro o Racing e contou cunha boa ocasión de Álex Pérez que obrigou a intervir ao gardameta Chema. Á saída dun córner Joel fixo o tanto para o cadro local, pero a alegría durou pouco. Nunha xogada aillada un defensor cometeu penalti e Lucas empatou para o Arzúa. No último tramo do primeiro tempo os de Simón Lamas tiveron os seus mellores minutos e Javi Rey, Santi Gegunde ou Álex Pérez contaron con grandes ocasións.
No segundo tempo o Arzúa estivo moi ordeado en defensa e deixaron moi poucos espazos ao ataque racinguista. O conxunto local tivo o balón continuamente aínda que sen xerar excesivo perigo cara a portería contraria. Foi discutida a actuación do colexiado Espasandín Cores, que puido deixar ao Arzúa con dez, pero non lle amosou o segundo cartón a Aarón Rama. Moi preto do final non sinalou un posible penalti a Álex Pérez.


O Viveiro suma un valioso punto no Couto ante a UD Ourense (1-1)
Quinto empate consecutivo e sétima xornada sen perder para o Viveiro, que se mantén na zona morna da táboa clasificatoria. O conxunto local tivo a posesión na primeira metade e o Viveiro buscaba xerar perigo en rápidas transicións, sobre todo no último cuarto de hora da primeira parte. Así chegou o tanto de Sergio Otero que poñía por diante aos celestes. Moi preto do descanso Barroso tivo nas súas botas o segundo.
Na segunda metade, a UD Ourense meteu atrás pouco a pouco ao Viveiro que non era capaz de saír á contra e perdía moi rápido o balón en campo propio. Froito dese dominio Jony fixo a igualada e nos dez últimos minutos Casillas evitou o tanto ourensán con dúas boas intervencións.

Triunfo da Sarriana diante do Mugardos que lle fai abrir brecha co terceiro posto (3-1)
O encontro non comezou ben para a Sarriana, que entrou ao campo moi imprecisa diante dun Mugardos que se amosou moi intenso nos primeiros compases. No minuto 10 un centro de Borja Pita rematouno a gol o vilalbés David López. A partir do gol o Mugardos deu un paso atrás e iso aproveituno a Sarriana para comezar a facer o seu fútbol. Herrero contou con dúas ocasións claras, pero non estivo atinado. Preto do intermedio Javi Liz interviu con éxito para botar a córner un centro chut de Borja Pita.
Brais Prados trocou de sistema no tempo de lecer e na segunda parte a Sarriana xerou numerosas ocasións de gol. Non tardou en chegar o empate, obra de Brais cun bo lanzamento desde fóra da área. Aos vinte minutos un bo centro de Diego Rey rematouno de cabeza Marino culminando a remontada. Preto do final Adri Díaz sentenciou o choque ao culminar un bo pase de Marino e definir moi ben non man a man diante de David Gómez.
A Sarriana queda segunda na clasificación a un punto do Noia e xa avantaxe en cinco puntos ao Boiro, terceiro, que perdeu no campo do Montañeros.
O balón parado, decisivo no triunfo do Ribadeo no derbi co Lemos (3-4)

Cuarta vitoria consecutiva para un Ribadeo que se confirma como o equipo máis en forma da Preferente. O derbi da Pinguela tivo un final apoteósico con cinco goles nos últimos vinte minutos. Na primeira metade víronse dous tantos de penalti. Adiantouse o Lemos logo dunha mellor posta en escea dos mariñáns, gracias a un penalti transformado por Diego Torres por man dun defensor. Do mesmo xeito empatou Xaime.
Na segunda metade o marcador non se moveu ata o minuto 70 cando Prosi enganchou un bo disparo lonxano que sorprendeu a Losada. O Lemos reaccionou ben e Mauro empatou ao aproveitar un rexeite e o propio dianteiro, tan só dous minutos despois deulle a volta ao marcador nun remate a un saque desde o curruncho. Os monfortinos non souberon ler os últimos intres de partido con vantaxe no marcador e o Ribadeo amosouse intratable no balón parado. Roi, no minuto 82, rematou de cabeza establecendo a igualada e preto do 90 Criss, tamén coa testa, puxo o marcador definitivo favorable aos de Dani Moirón.
A Residencia cae con claridade no campo do Pino nun mal encontro dos lucenses (3-0)
Non se adaptou o conxunto adestrado por Dani Galán ao campo do Pino, un dos máis difíciles da Preferente. O constante xogo directo do cadro local deulle os seus froitos e na primeira metade colleitou unha importante vantaxe cos goles de Julito e Artur. A zaga lucense tivo que empregarse a fondo para achicar o gran número de balóns colgados á área. Veloso e Poratti gozaron das únicas ocasións para a Residencia.
Na segunda metade o encontro seguiu o mesmo guión e o Pino ampliou diferencias no marcador cun gol do ex arzúan Ivalotelli.
Un mal Portomarín caeu pola mínima na súa visita ao campo do As Pontes (3-2)
Comezou de cara o encontro para o Portomarín. No segundo minuto de partido unha falta lateral sacada por Josito rematouna libre de marca Troulo ante a media saída do gardameta. Reaccionou ben o cadro pontés e aos dez minutos Tijan igualou a contenda. Os de Fer non estiveron coa intensidade requerida no seguinte tramo do partido e víronse superados polo rival, pero nunha xogada desafortunada para os locales Martín Traba anotou en propia porta nunha mala cesión ao porteiro.
Á volta de vestiarios o As Pontes amosouse moi superior con constantes chegadas á área de Chumi. Antes do primeiro cuarto de hora, nun córner Rogerio fixo o empate e pouco despois un bo lanzamento de Alberto Leira deulle a volta ao marcador. Nos minutos restantes o cadro local controlou perfectamente o marcador e non pasou apuros, nun dos peores encontros do Portomarín no que vai de temporada.
