#Entrevistas #Con F de Futbolista #Feminino

María Valcárcel, CD Lugo: «Estou volvendo a ser a María que era»

É a súa cuarta temporada no CD Lugo. É unha das futbolistas de referencia no cadro de Joaquín Blanco desde o berce do proxecto. Agora, a de Melide xogará coas cores albivermellas na que será a estrea da sección feminina no Anxo Carro. Será este sábado, ás 17.00, diante do filial do Sporting de Xixón.

A historia de María Valcárcel (Melide, 2003) é máis especial, se cabe, despois da doenza que a mantivo afastada dos terreos de xogo durante boa parte da pasada campaña. Agora, a mediocampista confía en voltar ao seu mellor nivel acompañada por un grupo que nunca a deixou de lado.

Futbolinlugo: Como chegas, a nivel individual, ao duelo de hoxe?

María Valcárcel: Con moitas ganas, estou non bo momento, volvendo a ser a María que era pouco a pouco. Que mellor xeito de demostralo que no Anxo Carro.



FIL: Estás a recuperar a túa mellor versión?

MV: Polo menos é como me vexo eu, igual desde fóra non é tanto. Pero si que é certo que para o crítica que son comigo mesma, noto que vou pouco a pouco, collendo máis ritmo e xogando mellor.

FIL: Unha versión á que sería máis difícil chegar sen a unión do grupo.



MV: Si, por suposto. Se estou así a día de hoxe é porque tiven a sorte de ter as compañeiras tanto do ano pasado como as deste. Todas entenden perfectamente a miña situación e cada vez que me ven coa cabeza máis baixa son as primeiras en vir e darme dúas palmadas para animarme.

FIL: E como chega o CD Lugo ao duelo contra as asturianas?

MV: Estamos emocionadas e moi contentas. As que levamos anos no club agardabamos isto desde hai tempo, porque penso que nós tamén podemos demostrar que somos o Lugo e que temos dereito a xogar neste tipo de campos.

FIL: Tratase dun choque de bastantes urxencias.

MV: Como ben dixo Joaquín días atrás, levamos un par de semanas traballando moito e moi ben, somos conscientes do que supón xogar no Anxo Carro. Temos todas as ganas do mundo de demostrarlle á xente quen somos.



FIL: Desbloquease un soño e unha posibilidade máis para as cativas lucenses.

MV: Si, é un día importante non unicamente por ser a estrea, senón porque agardamos que sexa algo que se repita ao longo do tempo. Para iso, temos que estar centradiñas, traballar arreo, e que a xente vexa que para nós é todo un privilexio e unha recompensa ao traballo feito ao longo destes anos.

«O CD LUgo feminino tamén ten dereito a xogar neste tipo de campos «

FIL: Agardades boa resposta por parte dos seareiros?

MV: Si, falabamos entre nós que estaría moi ben que a xente respondese, porque estamos moi ilusionadas ante esta primeira vez. Estamos moi ilusionadas. Chegar ao campo o sábado e ver que a afección se achegou ao campo sería moi bonito, porque mostraría que en Lugo non hai só fútbol masculino. Sería un chute de enerxía para ser conscientes do que estamos facendo e seguir traballando, que o noso fútbol tamén importa.

FIL: Sintes que medrou a entidade desde a túa incorporación?

MV: Todos os equipos teñen isto na cabeza. Agora estamos a subir un escalón grande e así seguiremos con confianza e con fame de medrar.

FIL: Por onde pasa a permanencia do CD Lugo?

MV: O ano pasado costounos, pero conseguímolo polo grupo que tiñamos. Este ano estou segura de que tamén será así. Este ano medramos moito a nivel defensivo, e penso que no medio do campo e na punta da ataque temos xente moi capaz de xogar ben ao fútbol e de facer ben as cousas.

FIL: Como lle venderías a entrada do partido do sábado a un amigo?Sintes que medrou a entidade desde a túa incorporación?

MV: Vai ver a un grupo de rapazas que ten moitas ganas de demostrar que o fútbol feminino tamén existe: é divertido de ver e agradable. A nós encantaríanos contar con eles para ter ese plus de cara a victoria.

Lugo
María, posando para unha das Guías Futbolinlugo.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *