Intratable se está a amosar o Goiriz neste comezo ligueiro no grupo norte da Terceira Futgal. O quinto Tres en Raia En Boas Mans achéganos outras tantas vitorias do conxunto chairego, que se desfixo con facilidade do Catro Roldas. O Abadín, con tres encontros disputados, é o outro conxunto que se mantén invicto. Nesta xornada goleou ao Friol B. Segundo na táboa é Cazás tras vencer no difícil campo do Rioaveso. O Matela venceu con claridade ao Celeiro, que nas últimas horas destituiu ao seu adestrador Jesús Rial. Ocupará o seu lugar Carlos Yen, un dos indispensables do club nas últimas temporadas.
No grupo sur, o Sober segue co pleno de vitorias e lidera a táboa con doce puntos nos catro encontros disputados. A goleada infrinxida ao Relámpago Taboada amosa a capacidade ofensiva dos de Iban Lagoa. O Monterroso B, que venceu pola mínima ao Río Sil e un Sporting Lucense que descansou nesta xornada, colideran a táboa.
grupo norte
Cinco de cinco para o Goiriz tras superar con claridade ao Catro Roldas (5-1). Adiantouse nada máis comezar o conxunto visitante cun tanto de Samu Orosa. O tanto espoleou ao Goiriz que se fixo dono e señor do encontro. Xa no primeiro tempo deulle a volta ao marcador con goles de Xoel e Canario. Os de Manu Veiga impuxeron o seu ritmo de xogo tamén no segundo tempo e completaron a goleada con goles de Fidel, Álex Pardo e Jose Teijeiro.
O Cazás aproveito ao máximo as súas ocasións para vencer en Paraños (1-2). Encontro parello no que predominaron os duelos, debido ao estado do campo. Adiantouse o cadro local cun gol de Losada, que superou a Fernando de tiro cruzado. Igualou o Cazás nun disparo de falta que petou nun defensor e despistou ao gardameta Antón. No segundo tempo, Bruno puxo por diante ao cadro visitante ao transformar un penalti moi discutido polo Rioaveso. Os de Asier Lozano buscaron a igualada ata o final sen acerto.


O Matela golea nun cómodo encontro diante do Celeiro (5-0). O cadro local non tardou en adiantarse no marcador cun gol de Simao. O Celeiro reaccionou e o gardameta local salvou o empate. A reacción dos mariñáns non deu os seus froitos e Hugo fixo o segundo. Este gol deu ao traste coas esperanzas dos de Jesús Rial, que deixou de ser oficialmente adestrador do Celeiro. O segundo tempo resultou moi cómodo para o Matela e Simao con dous novos goles deixou o encontro sentenciado. Abraham fixo o tanto do Celeiro xusto antes de que Bruno establecera o marcador definitivo.
O Abadín sumouse a festa goleadora con outra manciña ao Friol B (5-0). Encontro de claro dominio local. Os de David Lorenzo amosáronse superiores ao seu rival e Cobas non tardou en plasmar o dominio no marcador cun disparo desde fóra da área. Só tres minutos máis tarde, o porteiro goleador do Abadín puxo terra de por medio cun gol de cabeza. Antes de que o encontro chegara ao intermedio Ferre decidiu deixalo visto pra sentenza. Primeiro asistiu a Ángel para o terceiro e él anotou o cuarto. No segundo tempo, o Abadín baixou unha velocidade e o Friol B chegou nalgunha ocasión á portería local. No último tramo, Cendán completou a goleada tras asistencia de Noé.
O Roupar suma os primeiros puntos no campo da Comercial (2-4). Segue sen puntuar o cadro local despois dun encontro no que o Roupar saiu mellor ao campo. Xoan Pablo puxo por diante aos de Ángel Pena cun bo disparo desde a frontal da área. Yosi e Adil marcaron o ritmo do encontro para un Roupar que fixo o segundo por medio de Karim. A Comercial recurtou diferencias cun gol de Palike tras aproveitar un rexeite, pero Adil volveu a ampliar diferencias para o Roupar antes do descanso. Tras o paso por vestiarios, os visitantes xeraron varias ocasións de perigo, pero foi a Comercial quen apretou o marcador cun novo tanto de Palike. Nos últimos intres, Adil transformou un penalti por man dun defensor local e certificou o triunfo dos xermadinos.


grupo sur
O Sober remata con goleada un encontro parello diante do Relámpago (2-6). Catro de catro para o Sober con dezaoito goles a favor. Tremendos os números dos de Iban Lagoa, que malia o abultado do marcador tiveron que sufrir para dobregar ao Relámpago Taboada. Martín non tardou en adiantar aos soberinos ao transformar un penalti e Alan fixo o segundo tras un erro defensivo. Os locais repuxéronse e recurtaron diferencias cun gol de Musta. O segundo tempo resultou moi disputado. Nico fixo o terceiro para o Sober ao que respostou Fran cun bo tanto. Co 3-2, o Relámpago estrelou un balón no longueiro. O erro condicionou mentalmente aos locais e os de Iban Lagoa, malia xogar con dez por expulsión de Sergio, remataron goleando. Martín, en dúas ocasións, e Nico foron os autores dos goles.
Un solitario gol de Isma dalle o triunfo ao Monterroso B na Carqueixa (0-1). O Río Sil non puido sumar no seu feudo diante dun sólido filial monterrosino. Os de Pampín adiantáronse aos sete minutos de xogo cun gol de Isma e contaron con ocasións de Toni e Balbino. Os locais puideron empatar cun lanzamento ao pao. No segundo tempo, viuse menos fútbol debido ao estado do terreo de xogo. O Monterroso B tivo máis dominio do balón e logrou os tres puntos para seguir na zona alta da clasificación.
Dous goles no desconto danlle o triunfo á Sarriana B fronte ao Taboada B (4-2). Primeiro tempo de escaso fútbol. O cadro local cometeu moitos erros en ataque e os visitantes tardaron en entrar en xogo. Fabio adiantou aos de Raúl e este tanto deulle ás aos visitantes, que lograron empatar por medio de Adán. Voltou adiantarse a Sarriana B cun gol de Brais á saída dun córner e antes do intermedio chegou o empate tras un roubo de balón que culminou Álex Pita. O segundo tempo comezou con dominio visitante. Os de Jacobo Vázquez non concretaron as ocasións e a Sarriana B medrou co paso dos minutos. Malia ter varias opcións claras de gol, o encontro non se decidiu ata o desconto. Javi e Brais marcaron para sumar os tres puntos.
O Corgo castigou a debilidade defensiva do Chantada Atlético B (6-2). Encontro no que o conxunto local logrou unha vantaxe case que insalvable.. Sebas, Kevin e Fer puxeron en clara vantaxe aos de Abel Rochela. Congui recurtou diferencias antes do intermedio, pero o Corgo non deu opción e na segunda metade os visitantes non presentaron oposición e o partido rematou en goleada.
O Carballedo recupera o sorriso diante do Bóveda (3-0). Segundo triunfo da temporada para o cadro local. Nun primeiro tempo igualado, Pupas puxo en vantaxe aos de Adrián Pateiro. No segundo tempo, o Bóveda saliu a polo empate, pero foi o Carballedo quen logrou o segundo por medio de Rober. Os do Catro Ventos contaron con varias ocasións que desaproveitaron para sentenciar ata que Moncho marcou o terceiro. Ámbolos dous equipos remataron o encontro con dez xogadores.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.