A zona alta comprímese logo dunha quinta xornada inconclusa

Os Máxicos do Muelle queren asentarse nunha zona cómoda da clasificación, que lles permita loitar polos seus obxectivos. O paso das xornadas está a abrir diferenzas nunha táboa na que Folgueiro e Cire Melide computan un partido menos logo da suspensión do duelo que os enfrontaba no Vicedo.

O Outeiro lidera unha zona alta que ten moitos pretendentes

O derbi chairego queda na Magdalena (1-0). O Santaballés tratou de protexerse do dominio posicional do Racing, que buscaba xerar ocasións por medio dun vistoso xogo, pero o exercicio defensivo visitante foi moi sólido nos primeiros 45′. As poucas veces que o filial vilalbés superou aos defensores, atopouse cun gran Duarte baixo paus. Na segunda metade, porén, o dominio acrecentouse e Gegun fixo xustiza co 1-0. Co marcador adverso, o Santaballés abriu as súas liñas e tivo opcións para o empate, mentres que o Racing puido sentenciar con transicións nas que, de novo, estivo atinado Duarte.

Os erros condenan ao filial do Lemos ante o Maceda (0-3). A igualdade inicial desfíxose nunha pena máxima que anotou o Maceda no 11′. O Lemos ‘B’ puido empatar con varias accións a balón parado que non foi quen de materializar. Xusto antes do tempo de lecer, nun novo erro lemista os ourensáns fixeron o 0-2. Porén, o paso por vestiarios sentou ben de novo aos da Pinguela, que buscaron o gol con insistencia, pero viron como o Maceda tiraba de efectividade para sentenciar co 0-3 mediado o segundo tempo.

O Chantada Atlético consigue a primeira victoria a costa dun mermado Lourenzá (3-0). Na primeira metade os visitantes aguantaron os ataques locais, especialmente por medio do xuvenil Rubén, moi acertado en dúas oportunidades do Chantada. Tras o paso por vestiarios, porén, o cansancio fixo mella nos de Rubén Acebedo, que chegaban con tan só sete xogadores ‘sénior’ e os xuvenís disputaran o sábado o seu partido de Preferente Futgal. O Chantada Atlético interpretou ben esta circunstancia, ademais de recuperar a xente importante, e fixo dano con ataques rápidos. O 1-0 obrigou ao Lourenzá a subir as súas liñas, pero os do Sangoñedo mantiveron a seriedade e —incluso con 10 homes tras sufrir unha expulsión— sentenciou con dúas transicións para deixar os puntos na casa.

O Oural remonta diante da Milagrosa (2-1). Un gran ataque da Milagrosa rematou cun centro de Chris e un remate de Javi para poñer o 0-1 antes do tempo de lecer. Porén, os sarriáns reaccionaron tras o paso por vestiarios e igualaron cun golazo de Cayuela. A recta final estivo máis trabada e os locais remataron por impoñerse cunha pena máxima que foi protestada polos branquivermellos, pero que Juan Carlos enviou ao fondo das mallas para darlle os puntos ao cadro cementeiro e deixar tocada a unha Milagrosa á que lle está custando o arranque ligueiro.

O Outeiro segue líder fronte a unha gran versión do Taboada (0-2). A gran revelación do inicio do curso voltou sumar de tres, incluso logo dunha primeira metade na que o cadro local foi mellor. O Taboada roubaba balóns con perigo e, de feito, tan só Lucho foi quen de evitar que os da Medela se adiantasen. Na segunda metade, os chairegos viron como a sorte lles sorría cun mal despexe de Adri que topou coas costas de Debasa para traducirse no 0-1. Desde o gol o Taboada perdeu a paciencia e o Outeiro amosouse sobrio achicando balóns. No medio dun fútbol máis directo, os visitantes lograron o 0-2 nun disparo lonxano de Gabri que se envelenou ata entrar na portería do Taboada, 0-2 para manter aos de Rubén Candal no alto da táboa.

A Residencia imponse na igualdade do Ladairo (1-2). Os dous equipos propuxeron un fútbol vistoso e intenso, pero tamén souberon dificultar os ataques dos seus rivais. Foi un ex da Resi, Andrés, quen puxo o 1-0 na primeira media hora, pero os da Cheda reaccionaron e conseguiron o empate pouco despois. A igualdade foi in crescendo desde ese intre e apenas houbo ocasións para ningún conxunto, ata que o xuvenil Manu Diéguez —un dos Máxicos da xornada— viu porta cando restaban 15 minutos para o asubío final e levou os tres puntos cara a capital.

O Monterroso dá a volta ao resultado en Becerreá (1-3). O gran inicio local, con moitas chegadas a área e un gol de penalti, viuse eclipsado por unha gran reacción visitante. Os de Cerdeiriños comezaron a impoñerse en segundas accións e dentro das áreas co paso dos minutos, especialmente por medio de Lorenzo e de Quintá. Lorenzo fixo dous tantos na primeira media hora e, xusto despois do paso por vestiarios, anotou o terceiro na súa propia conta para poñer terra de por medio. O Monterroso xogou 25 minutos cun home menos pola expulsión de Davor, pero non deu opcións aos da Montaña e mantivo a renda ata o asubío final, 1-3 no Municipal.

O Melide gañaba por 0-2 no Vicedo cando o choque foi suspendido. Os coruñeses terán que voltar ata o concello mariñán para asegurar os puntos logo dun domingo no que a néboa imposibilitou a conclusión do choque. Ata ese intre, o Cire fixera dous tantos ante un Folgueiro que aínda non conseguira desfacer o cerroxo visitante.

O Ribadeo leva o derbi diante do Foz (2-0). Diego non atinou nun remate franco logo dun gran centro e o Ribadeo aproveitou ese erro para materializar o 1-0 nun rexeite logo dun tiro desde fóra no que se protestou man. Porén, o Foz non baixou os brazos e Bruno estrelou un remate no longueiro. Aínda así, o 1-0 chegou o tempo de lecer. Na segunda metade, de novo o Foz errou unha clara oportunidade que os celestes sacaron baixo paus e, na continuación desa xogada, Bruno viu o segundo cartón amarelo. O Ribadeo serviuse da situación para gañar o peso do xogo e sentenciar por medio de Sergio na recta final, 2-0 no Pepe Barrera.

O Escairón imponse noutro gran partido ante o Brollón (3-2). Comezou o choque cunha boa parada de Turi, pero Rubén Díaz aproveitou un rebumbio na área tras unha boa combinación para facer o 1-0. Os visitantes, porén, puideron igualar antes do descanso con opcións de Moaad e Damián nas que estivo moi ben o porteiro local, Dani.

Tras o paso por vestiarios, o fútbol foi máis directo e o Escairón duplicou a vantaxe cun centro de Asier aproveitado por Álex. Miguel Casanova fixo o 2-1 desde o punto de penalti tras unha man na área local e, desde ese intre, o Brollón tivo os seus mellores momentos, pero non atinou na definición. A calidade de Asier foi diferencial para poñer o 3-1 e, xa no engadido, os de Diego Rey voltaron recurtar diferenzas co 3-2 definitivo.

zona