#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O Lemos busca dar un paso de xigante cara ao play off

Quedan tres xornadas na Preferente e o Lemos ten por diante o seu gran obxectivo: entrar no play off polo ascenso á Terceira RFEF. Para iso, os monfortinos deben comezar por vencer o domingo ás 18 horas na Pinguela ao Cented Academy. Arbitrará o colexiado ferrolán Antón Pena.

O Lemos é quinto na clasificación con 54 puntos e ocupa o último dos postos que dan acceso á promoción de ascenso. Os de Marquitos contan con dous puntos de vantaxe sobre o Atlético Arnoia, o seu inmediato perseguidor, e tres sobre o Porriño Industrial. Un triunfo do club monfortino deixaría de cara a súa clasificación para o ansiado play off, tendo en conta que poden enfrontarse nas dúas últimas xornadas a conxuntos que xa non poñan nada en xogo: o Tyde podería chegar descendido e o Pontevedra B, líder, que podería certificar nesta xornada o ascenso á Terceira RFEF.

O conxunto de Monforte, se ben é certo que cedeu sete empates, non coñece a derrota como local no que vai de temporada. É o conxunto que menos perde da categoría e o segundo que menos encaixa. Son datos que convidan ao optimismo e que axudan a que o Lemos aspire a colarse nun play off que é o gran obxectivo do curso para os da Pinguela.

O Cented Academy ocupa o décimocuarto posto e precisa o triunfo para non caer aos postos de descenso directo, e, así memso, para fuxir dos sempre temidos arrastres. O cadro ourensán só gañou un encontro fóra da casa, o disputado no feudo do Umia, pechacancelas da categoría, e é o segundo peor conxunto como visitante. Malia todo, é un equipo que conta con futbolistas diferencias como Ángel Bastos, con gran experiencia no fútbol profesional nas filas da Cultural Leonesa, Reus, Extremadura, Pontevedra e Bergantiños, o goleador Edu Otero ou o lateral sarriao Álex Vázquez.

QUE OPINA O PROTAGONISTA?

Fito (Club Lemos)

O Cented. «Afrontamos o partido como unha final. Estamos moi concentrados e somos conscientes que cunha vitoria temos medio pé no play off. Debemos facer un partido moi completo en todas as posicións, estar xuntos e sacrificarnos polo compañeiro para sumar os tres puntos. Creo que será un bonito encontro«.

Depender dun mesmo. «Non firmábamos esta posición ao comezo de liga. Creo que cos xogadores que temos deberiamos estar máis arriba e poder estar máis tranquilos a estas alturas. Estamos nun posto no que pelexamos con tres ou catro equipos e iso é o que máis dificulta cada partido ata o final. Pero estamos tranquilos porque confiamos no noso potencial e en sacar adiante os tres partidos para xogar a promoción«.

Bo ano no Lemos. «A nivel persoal fago unha valoración moi positiva da temporada no equipo. Puiden marcar goles e iso é o máis importante para un dianteiro. Monforte é un gran sitio para xogar, moi esixente en canto a resultados, pero desde a miña chegada puiden aportar a miña capacidade de facer gol, que era unha faceta que ao equipo lle costaba moito nos últimos anos«.

A AXENDA

Primeira Galega Feminina (quedan 4 xornadas)

O Antas está ante a súa gran oportunidade de dar o salto a unha categoría estatal

Antas – Victoria de Santiago B (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): É outro dos grandes partidos da xornada. O Antas, segundo, recibe ao quinto. O cadro santiagués, por puntuación, podería pelexar polas prazas de promoción, pero non pode xogala porque o primeiro equipo está na categoría inmediatamente superior.

É o penúltimo partido da tempada no Castro Seoane. Quedan catro xornadas e o Antas está ante unha temporada histórica para ascender a cuarta categoría do fútbol feminino español. Está a 9 puntos do líder, un Victoria da Coruña B, que depende do resultado do primeiro equipo na súa fase de ascenso para saber se pode subir tamén.

No caso de que o cadro coruñés non suba, o Antas e o Rosalía serían os seguintes candidatos a optar a esa praza. Se non se dá ese caso, podería producirse o ascenso vía promoción, que a xogarían o 2º e o 3º clasificado. O Antas e o Rosalía están empatados a 59 puntos, con catro de vantaxe sobre o Atlético San Pedro e cun enfrontamento directo en Ourense na última xornada.

Segunda Galega Feminina (quedan cinco xornadas)

Milagrosa – San Lázaro (Domingo ás 11 horas no Luis Gorgoso): derbi na capital lucense, outro dos partidazos da xornada a falta de cinco xornadas para o final. As locais buscarán sumar tres puntos que as afiancen na zona de play off, mentres que as visitantes, sen nada en xogo máis que aspirar a acabar na 7ª posición, queren gañar en regularidade no tramo final de liga.

O Victoria da Coruña vólvese coar na situación dos clubs lucenses, porque o seu terceiro equipo é o inmediato perseguidor da Mila. Do que fagan o primeiro equipo na fase de ascenso, dependerá que poidan entrar elas nesta fase. Nestes momentos, a Milagrosa defende a praza de play off con catro puntos de marxe sobre o Victoria C e cinco con respecto ao Corme, o seu vindeiro rival nun campo mítico da Costa da Morte, O Cairo.

Terceira Galega Feminina (queda este partido + unha xornada)

O Chantada podería regresar unha temporada despois á Segunda Galega

SD Chantada – SD Bandeira (Domingo ás 12:00 horas no Sangoñedo): O terreo de xogo do Sangoñedo está preparado para vivir o seu segundo ascenso consecutivo. O Chantada se empata ou gaña ascende e volvería, tan só un ano despois, á Segunda. O partido correspóndese coa penúltima xornada de liga, que xa se xogou na anterior fin de semana. No caso de non logralo, quedaríalle un último partido en Vila de Cruces, precisamente ante o seu rival directo polo ascenso.

Segunda RFEF (última xornada)

Sarriana – Rayo Cantabria (Domingo ás 12 horas na Ribela): a gran final das finais para os de Dani Giménez. Derradeira xornada na que os sarriaos teñen que gañar ao filial do Racing de Santader e agardar a derrota de Valladolid Promesas e Langreo. Se un dos dous puntúa, a Sarriana será equipo de Terceira RFEF, aínda que consiga sacar adiante o seu encontro. No mellor dos casos xogará o play out.

O descenso do club de Sarria provocaría o arrastre do 15º clasificado na Terceira RFEF, que a súa vez provocaría o descenso en cascada do peor 14ª dos dous grupos da Preferente e do peor 15º dos seis grupos da Primeira Futgal. Todo isto non se produciría, se o equipo galego que xogue a final polo ascenso na promoción, sube de categoría.

No caso do fútbol lucense, trata de sortear ese arrastre o Viveiro. Na situación actual precisaría unha vitoria nos dous partidos que quedan para estar fóra de perigo. Na Preferente, aféctalle ao Burela, xa que propiamente se atopa inmerso na loita por evitar o descenso directo. Na Primeira Futgal, non lle repercutiría en principio a ningún lucense, xa que o peor 15º sitúase no grupo 5.

Terceira RFEF (quedan dúas xornadas)

CD Lugo B – Barbadás (Domingo ás 12 horas no Anxo Carro): os de Dani Galán queren esgotar as súas opcións de xogar o play off. Para iso deben gañar a un conxunto xa descendido a Preferente. Están a catro da zona de promoción. O obxectivo é chegar con opcións a última xornada na que haberá derbi na Madalena co Racing Villalbés.

Preferente Futgal (quedan tres xornadas)

Burela – Sofán (Domingo ás 17 horas na Marosa): logo do gran triunfo acadado no feudo do Lalín, os de Julio Castro queren seguir sumando para saír dos postos de descenso. Enfronte estará un Sofán que gasta a súa última bala para poder xogar a promoción de ascenso. Quedan tres xornadas e estarían nestes momentos a dous da salvación.

Primeira Futgal (quedan tres xornadas)

Oural – Iberia (Domingo ás 17 horas no Luis Pallín): dúas parroquias na procura da permanencia na Primeira Futgal. Os locais teñen un punto de marxe co descenso directo, mentres que o Iberia é último clasificado e cunha vitoria situaríase a dous puntos do seu rival. Última oportunidade para os pupilos preparados por Moro, que veñen de aproveitar a súa bóla de salvación ante o Lourenzá.

Ribadeo – Foz (Domingo ás 18 horas no Pepe Barrera): os de Dani Moirón, coa moral polas nubes logo da remontada fronte ao Escairón, buscarán outra vitoria coa que seguir dependendo de si mesmos para xogar o play off. Reciben a un Foz virtualmente salvado de calquera posto de perigo.

Outeiro de Rei – Residencia (Domingo ás 19:30 horas no Municipal): os locais, logo de tres partidos sen gañar, precisan sumar os tres puntos para fuxir dos postos de perigo. Os visitantes non gañaron no último mes e ven comprometida a súa praza no play off.

Copa Deputación 2ª + 3ª (semifinais)

Ferreira – San Roque (Domingo ás 17:00 horas no Baliño): O Ferreira quere facer valer o factor campo e clasificarse para a final para gañar a segunda Copa da súa historia. Vén de xogar este venres en Cerdeiriños un partido aprazado co Monterroso B (2-1). O San Roque busca a súa segunda final consecutiva para gañala desta vez.

Ambos os dous non teñen grandes preocupacións clasificatorias na recta final da liga, así que este é o seu principal obxectivo.

Xermade – Sporting Pontenova (Domingo ás 18:00 horas no Municipal): O Xermade tamén aspira a facer valer o factor campo. A ilusión é máxima nos dous equipos. Os locais tratarán de chegar a unha nova final para alzarse por primeira vez na súa historia coa Copa Deputación. Pola súa parte, o cadro pontenovés quere pescar (xa que é a fin de semana da Festa da Truita) outra final e tratar de conseguir a súa terceira Copa. Hai oito anos que gañaron a última no Anxo Carro.

O Xermade xa non ten grandes preocupacións clasificatorias na liga, polo que a Copa é tamén o seu reto para este final de tempada. O Sporting Pontenova busca na Copa esquecerse dunha irregular tempada na Segunda. Terá que agardar aos efectos dos arrastres para saber se continúa na categoría ou non.

O Lemos busca dar un paso de xigante cara ao play off

A Segunda e a Terceira Futgal non

O Lemos busca dar un paso de xigante cara ao play off

O Lemos busca dar un paso de