- A temporada que vén haberá un descenso máis en Segunda e un ascenso menos en Terceira
- Na campaña 27/28 a Segunda Futgal estará composta por 14 equipos
- A SD Becerreá foi o único club que propuxo nunha alternativa e chegou con ela presentada a reunión
- A AD Río Ouro sacará equipo sénior o próximo curso. Non se falou en ningún momento da xuntanza dos posibles clubs que poidan desaparecer.
A Segunda e a Terceira Futgal non se unificarán na temporada 2026/2027. Así o decidiron por votación 31 representantes dos 52 clubs actuais destas categorías presentes nunha xuntanza na sede da delegación federativa en Lugo. O encontro entre clubs e a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) tivo lugar este mércores dende as 20:10 horas ata preto das 22:00 horas.
A fórmula escollida para tratar de «aumentar os partidos de competición da Terceira» foi unha redución dos equipos da Segunda Futgal para a temporada 2027/2028. A categoría pasará a ter 14 conxuntos por grupo, a diferenza dos 16 que ten agora. Isto significa que a campaña que vén haberá tres descensos directos por grupo. Á parte estarían os arrastres.
Desta maneira, e no suposto caso de que os equipos existentes na actualidade se manteñan en competición, os grupos de Terceira Futgal pasarían a ter como mínimo 12 equipos. Nesta división, a temporada que vén só habería dous ascensos por grupo, en substitución dos tres actuais.
O método para facer os play offs quedou aberto. A Federación animou aos clubs a que presentasen propostas que se tratarán na reunión habitual do verán, previa a Asemblea Xeral da RFGF. Valorouse a posibilidade de volver ampliar as prazas de promoción de ascenso na Segunda Futgal.

De todos os xeitos, trataríase sempre dunha fase interna, xa que o número de prazas de ascenso á Primeira Futgal non vai cambiar. Van seguir subindo dous clubs da provincia de xeito directo e outros dous optarán a facelo a través dunha promoción contra equipos da provincia da Coruña.
A idea de promocións internas cobraría forza na tempada 27/28, xa que, ao reducir os grupos a 14 equipos, quedarían fins de semana libres para xogalas. Máis díficil semella poñelo en marcha xa o curso que vén, pero iso queda pendente desa xuntanza no mes de xullo.
Unha vez esta reestruturación estea feita, poderíase volver aos dous descensos actuais por grupo nunha Segunda xa de 14 equipos e tamén aos tres ascensos por grupo dende a Terceira.

A pequena reestruturación que se levará a cabo non afecta os descensos e ascensos desta temporada. O Mondoñedo, Catro Roldas, Corgo e Rubián xogarán o curso que vén en Segunda, co condicionante de que aumentará nunha praza o descenso directo. Aspiran a conseguir o ascenso os conxuntos que actualmente xogan a final do play off: Muimenta – Abadín (1-2) e O Incio – Piringalla (0-0).
Non á unificación
A esta reunión chegouse porque no verán a RFGF deixara a porta aberta a unha posible unificación da Segunda e da Terceira Futgal. Na circular de competición da Segunda e da Terceira desta campaña quedara reflectida a posibilidade de que, para a temporada que vén, puideran integrarse todos os conxuntos nunha única división de Segunda Futgal.
Aclaraba a nota que, nese caso, non se aplicarían as consecuencias competicionais derivadas dos descensos da Segunda Futgal á Terceira, sempre e cando no pleno de clubes da delegación de Lugo se acordara dita unificación. Ademais, dito acordo debería ser ratificado posteriormente pola Asemblea Xeral.
Non obstante, xa non se chegou a ese punto. Nesta reunión previa gañou o non por maioría. Vinte votaron que non e once que si.
A alternativa: Unha única Segunda
As dúas propostas anteriores foron as que se someteron a validación final. Previamente, no apartado de exposicións había outra alternativa: promover a creación dun só grupo de Segunda de 16 equipos (modelo da Primeira Futgal actual, aínda que aquí son 18) e o resto de conxuntos dividilos en tres grupos de Terceira de doce equipos.
Esta idea foi presentada con anterioridade a reunión pola SD Becerreá, o único club que se molestou en preparala co ánimo de aportar novos formatos. Non obstante, aínda que si gustou a competitividade que provocaría, ninguén optou por apoiala, xa que implicaría o descenso de varios equipos e tamén aumentarían as distancias dos desprazamentos para os que quedasen na categoría.
Este modelo similar lévase a cabo noutras zonas con gran extensión territorial coma en Ourense. Alí hai un só grupo de Segunda e dous de Terceira.
AD Río Ouro, novo equipo sénior
Está confirmado que a temporada que vén haberá un novo equipo en competición no norte da provincia. O AD Río Ouro, co apoio dos concellos de Alfoz e do Valadouro, sacará un conxunto sénior. A súa aparición é un rara avis no fútbol afeccionado, xa que vén medrando nos últimos anos dende a base.
Conta cunha estrutura forte, con equipos en varias categorías. Agora, aqueles primeiros nenos que comezaron o proxecto foron medrando e alcanzan a idade sénior. Por iso, o club sairá a competir en Terceira Futgal.
Na reunión do pasado mércores mencionouse que para a temporada que vén serían 53 equipos entre a Segunda e a Terceira. Non obstante, en ningún momento se barallou a posibilidade de que desaparecesen equipos. Sabemos que varios deles están nese punto, debido principalmente á falta de xogadores. Aínda que, coma en todo, o problema nunca é un só e sempre se debe a varios factores.
Deste xeito, a reestruturación da Segunda e da Terceira para o final da tempada que vén, podería non ter os efectos desexados no caso de que algún dos clubs que está sobre o papel non saia a competir. Agardamos que ese non sexa o final.

