Os Máxicos protagonizan derbis que deixan todo aberto

Con tan só 3 xornadas por diante, os Máxicos seguen a protagonizar unha das temporadas máis igualadas que se lembran na provincia. Logo de varios derbis locais, Taboada, Lourenzá e Iberia chegan en postos de descenso, mentres que Residencia e Ribadeo amósanse decididos a arrebatarlle a promoción de ascenso ao Monterroso.

A Milagrosa e o Xove empatan coa calor por protagonista (0-0). O alto ritmo que impuxo a Milagrosa e a calor do sábado tarde no Gorgoso marcaron un choque no que os Máxicos mariñáns priorizaron a defensa e os locais tiveron opcións, especialmente na segunda metade, de levar o partido. Porén, o oficio da zaga do Xove —sobre todo en balóns parados— e dúas boas paradas de Álvaro permitiu que os puntos se repartisen.

O Foz achégase moito á permanencia tras superar ao Taboada (3-0). A personalidade mariñá quedou manifesta nunha conducción e posterior pase de Álvaro para que Jorge puxera o 1-0. Pouco despois, Diego sacou un gran disparo e Álvaro aproveitou o rexeite para facer o 2-0. O Taboada mellorou na segunda metade, cun cambio de sistema que renovou ao equipo de Andrés, pero os de Pelayo estiveron moi sólidos ata que sentenciaron nun contragolpe entre Aitor e Jorge. Antes, os visitantes enviaran un balón ao traveseiro.

O Castro gaña o derbi e escapa do descenso (2-0). Tras quince minutos moi bos do Castro e un gol de Alonso, o Outeiro de Rei tomou o control do partido e tivo ocasións dabondo para empatar antes do descanso, pero voltou pecar de falta de gol. O descanso sentoulles ben aos Máxicos de Dumi, que puxeron o 2-0 por medio de Muíña e controlaron os ataques dos visitantes para deixar tres puntos moi necesarios no Arturo Pereiro.

Os Máxicos disputaron 4 derbis de proximidade na última xornada do mes de abril

O Iberia soña e complica moito ao Lourenzá (1-0). A maior intensidade e maior fame dos locais non se reflectiu no marcador ata a reanudación. No 47′, Dani Prieto aproveitou un balón frontal para poñer o 1-0. Xa co marcador adverso, o Lourenzá subiu as súas liñas, pero non inquedou a portería dos Máxicos de Moro, agás en accións a balón parado. Ao final, os puntos quedaron nunhas Valgas que se aferran á permanencia na categoría, mentres que os da Santa Cruz salen moi mal parados do derbi.

O Santaballés supera ao Racing Villalbés ‘B’ no derbi (4-1). Os da Liga amosáronse máis intensos dentro do fútbol directo que propuxeron ambos conxuntos e, froito diso, o resultado ao tempo de lecer era de 3-0. Os dous primeiros, logo de balóns directos; o terceiro, tras unha boa presión de Dani Sam. Na reanudación, o filial chairego aproveitou un erro local para provocar e anotar un penalti (3-1), pero os Máxicos do Santaballés sentenciaron co 4-1 nun contragolpe culminado por Vérez logo dun centro lateral.

O Chantada Atlético pasa por riba do Monterroso (5-1). O fútbol combinativo e moi intenso dos chantadinos deu resultado cedo, con dous goles que inclinaron o choque ao seu prol. O Monterroso reaccionou e recurtou diferenzas logo dun barullo na área, pero os do Sangoñedo tiveron un día moi efectivo e ampliaron a renda antes do descanso. Xa no segundo tempo, os locais xestionaron mellor o resultado e sentenciaron con dous goles máis para afastar os postos de descenso.

O Ribadeo remonta en dez minutos no Saviñao (2-3). Logo de media hora de claro dominio local e na que chegaron dous goles en dous minutos—o primeiro desde os once metros—, o Ribadeo renovouse tras o paso por vestiarios e inquedou con insistencia a meta do Escairón. Meitín fixo o primeiro e, dous minutos despois, Sergio empatou. Aos 5′ (no 74′ de xogo’), Castrín fixo o 2-3 para avivar a loita pola promoción de ascenso.

O Guntín e o Oural suman e seguen (1-1). A primeira metade foi para o Guntín, que xerou situacións de perigo pero que non concretou. No segundo tempo, porén, os Máxicos sarriáns melloraron a imaxe e neutralizaron aos locais. Co tempo case cumprido, o Oural dispuxo dun man a man para levar os tres puntos do Ladairo, pero Iker saíu vencedor e o choque rematou sen goles.

O campión rescata un punto da Cheda (1-1). Unha SD Chantada chegou con numerosas baixas ao feudo dunha Residencia que tivo ocasións desde o primeiro intre e completou un dos partidos máis vistosos do ano, pero no que errou na definición. Os Máxicos visitantes —especialmente os xuvenís que se botaron o equipo ás costas— aguantaron os ataques rivais ata o 70′, cando Rois acertou cun disparo potente que abría a lata, 1-0. A «Resi» puido sentenciar, pero non o fixo e o pagou caro: Kadete enviou ao fondo das mallas un centro lateral para igualar o resultado cando xa se cumpría o tempo regulamentario. Ao final, reparto de puntos en Lugo.

O Brollón cae con orgullo ante o líder Verín (0-2). Un gol en cada parte foi o saldo para un Brollón que traballou moito e ben diante do máximo candidato ao ascenso de categoría. Porén, un vello coñecido dos campos lucenses —Miguel Vilachá— no primeiro tempo e Junior no segundo puxeron fin ás esperanzas de puntuar dos Máxicos lucenses, que seguirán loitando por eludir o descenso nas derradeiras xornadas.

máxicos

Os Máxicos protagonizan derbis que deixan todo aberto

O Lugo B súmase ao barco da