Juan Peón, CD Castro: ‘Somos un equipo que quere defender o mínimo tempo posible’

23 puntos de 27 posibles. 7 triunfos e tan só dous empates. Tan só dous goles encaixados en nove xornadas. O CD Castro rematou a primeira volta como líder do Grupo Norte da Primeira Autonómica, seguido de preto pola SD Pol. Os do Arturo Pereiro completaron unha primeira fase do campionato moi completa, que lles permite soñar co ascenso.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

Porén, o salto de categoría este curso estará moi caro. E os chairegos sábeno ben, terán que traballar moito para acadalo. O primeiro que é consciente deste feito é Juan Peón, contrastado técnico lucense que chegou a Castro de Ribeiras de Lea co obxectivo de levar de volta á Preferente ao CD Castro.

Hoxe, o preparador atendeunos para facer balance da primeira volta e comentar connosco aspectos a mellorar de cara á segunda volta e á fase final.

Deportes Élide

Futbolinlugo: Tra-la conclusión da primeira volta, o CD Castro semella ser o rival a bater polo resto de conxuntos da categoría.

Juan Peón: Somos un dos conxuntos que se atopa en condicións de pelexar polo ascenso, pero sabemos que isto acaba de comezar, queda un mundo e calquer rival pode loitar ata o final, sobre todo nunha liga como esta, na que tan só ascende un equipo. É unha auténtica tolemia. Temos que chegar moi fortes ao final, ser capaces de seguir na pelexa e non quedar descolgados.

Juan Peón posa para a III Guía do Fútbol Lucense.

Futbolinlugo: Impresionan os números defensivos do equipo. É a defensa a base fundamental sobre a que se erixe o resto do xogo do Castro?

Juan Peón: É curioso, porque somos un equipo ao que lle gusta defender o mínimo tempo posible. Queremos ter o balón a maior parte do tempo, atacar en espazos pequenos e, por tanto, defender en espazos grandes, e para tal fin traballamos. Cando perdemos o control do balón adoita ser lonxe da nosa portería, así que temos que estar preparados para defender nesas circunstancias, facer boas vixilancias, e ser serios á hora de enfrontarnos a xogadores rápidos que ás veces poden facernos moito dano. É a nosa aposta: defender pouco tempo, apretar arriba desde o comezo… e polo momento está a funcionar.

Futbolinlugo: Logo de nove xornadas, non coñecedes a derrota. Ademais, os dous empates que concedestes foron lonxe do Arturo Pereiro -na Marosa e no Manuel Luna-. É a vosa casa un feudo inexpugnable?

Juan Peón: Si, pero ningún partido é sinxelo. Do mesmo modo que poderiamos ter encaixado algún gol máis dos que levamos, tamén poderiamos ter asinado algún tanto máis. Empatamos a primeira xornada en Burela e fai pouco en Pol, 1-1 en ambos choques, foron os únicos goles que concedimos. Está claro que temos que rentabilizar a efectividade defensiva e aproveitar as ocasións na faceta ofensiva.

Futbolinlugo: A outra cara da moeda é que tan só ganastes dous partidos por máis de un gol de diferenza. Cóstavos pechar os encontros?

Juan Peón: Pois si, aínda que houbo veces que, como digo, puidemos facer algún gol máis. Non temos que preocuparnos en exceso por eso, a idea é ser fiables con balón, perder o coiro en zonas nas que non nos fagan dano… e despois os goles son cuestión de xeiras. Na Pontenova fixemos tres… e puido ser o día que máis afortunados estivemos, pero hai días que non entran. Entendemos o xogo desde o equipo. Todo o equipo ataca, todo o equipo defende, e todos os goles os marca o equipo, ás veces non son todos os que queremos, pero non temos que preocuparnos, porque aínda marcando pouco somos quen de levarnos os partidos.

Futbolistas do Castro celebrando un gol.

Futbolinlugo: Toda a provincia fala de que os máximos candidatos ao ascenso son o Castro e o Pol. O primeiro duelo entre ambos, no Manuel Luna, saldouse cun empate 1-1… como foi ese partido?

Juan Peón: O Pol leva anos pelexando por subir, ten unhas instalacións espectaculares e un cadro de xogadores moi completo. O partido contra eles foi moi intenso, cun ritmo propio doutra categoría, axudado polo estado extraordinario do céspede, o ambiente e as gañas que tiñamos todos. O Pol adiantouse e nós igualamos o resultado, nun partido moi disputado ata o minuto 94′. Pola clasificación actual, agora mesmo parecemos os dous equipos favoritos, pero no noso grupo hai 2-3 equipos máis que son moi competitivos e teñen opcións.

‘Estou convencido de que a SD Chantada vai ir a máis.’

Futbolinlugo: No Grupo Sur semella que a igualdade é a tónica dominante, aínda que a SD Chantada rematou o ano no máis alto da táboa. Que sabes dos rivais que vos podedes atopar na segunda fase?

Juan Peón: Coñezo xogadores e adestradores, aínda que non vin partidos. Si xogamos amigables contra a SD Chantada, que estou convencido que vai ir a máis porque entrenan e traballan ben. Ademais, por nomes, hai equipos como Portomarín, Chantada Atlético, Taboada, Monterroso, o Guntín aínda que agora baixase algo o rendemento… A segunda fase vai ser practicamente como empezar de novo, porque se perdes un partido vólvese igualar todo.

Futbolinlugo: Que aspectos terá que mellorar ou perfeccionar o CD Castro se quere acadar o ascenso?

Juan Peón: Temos unha idea de xogo na que traballamos desde o día 1, e agora comezamos a entendela. Temos que consolidala e seguir traballando nela. Temos un grupo moi competitivo, adestramos cun gran número de xogadores… e o club ten que medrar tanto a nivel deportivo como a nivel de xogo.

Futbolinlugo: Consideras que o novo formato ligueiro vos favorece ou vos perxudica?

Juan Peón: A min non me gusta nada este formato. Todo o que fagas na primeira fase non serve para case nada. Podes facer unha primeira fase extraordinaria e ao final atópaste a dous puntos do segundo, terceiro e cuarto están aí ao lado… as ligas están feitas para que o máis regular sexa o que acada o obxectivo… e neste caso non é así. De empregar este formato, os clubes deberían conservar os puntos que fixeron contra os equipos que pasan tamén á segunda fase e contra os que non van xogar. Pareceríame máis xusto, porque así a primeira fase é tan só posicionarse e ata a segunda non pelexas realmente polo obxectivo.

Futbolinlugo: Se falamos de individualidades, Marco (na imaxe, á dereita) leva asinados case a metade dos goles do equipo…

Juan Peón: Si, tanto Marco, como Navia e Noel teñen ficha do filial. Son tres xogadores que levan moitos minutos co ‘A’, así como outros que xogan algo menos pero son habituais nas convocatorias. Marco ten un gran potencial, é rápido, forte, xoga na mediapunta ou de falso ‘9’… ten un gran disparo, o que fai que cada balón que lle cae na frontal sexa moi peligroso. Chega moi ben tamén desde segunda liña… por enriba é de Castro, está contento, cos seus amigos…e iso se traduce en rendemento.

‘O club quere sacar rapaces desde a base e, para min, está no correcto.’

Futbolinlugo: Aposta Juan Peón polos rapaces do filial e do xuvenil do Castro?

Juan Peón: Non é unha cousa do adestrador, senón tamén do club, que cre niso e eu penso que acerta. Ao ter tantos xogadores na base, estes teñen que ter unha saída. Ao primeiro equipo pode pasar algún, pero hai moitos rapaces. Hai que darlles varios anos para que adestren e consigan o seu sitio no ‘A’. Antes de entrar hai que deixar saír, por tanto é importante dar tempo aos xogadores. Na práctica, adestramos todos xuntos, á mesma hora. Somos como un equipo de 38 futbolistas, a partir do cal salen as convocatorias. Tratamos de facer o mellor para os dous equipos, subindo a distintos xogadores sen perxudicar demasiado ao ‘B’.

Imagen por defecto
Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Artículos: 537

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.