#Entrevistas #Primeira Futgal

Jorge ‘Negrete’, SD Oural: «Na 2ª gañabamos partidos con detalles de calidade»

A SD Oural é un dos conxuntos recén ascendidos á Primeira Futgal. Porén, e pese a súa condición de equipo debutante na categoría, os sarriáns están a completar un arranque de temporada moi digno.

Máis alá da puntuación, 5 puntos de 12 posibles, as sensacións que está a deixar o Oural sobre o céspede son moi positivas. Tan só unha derrota en catro xornadas, máis goles anotados que encaixados e, sobre todo, un xogo moi atrevido e sen complexos diante de rivais de moita entidade.

Un dos artífices do «éxito» é Jorge Fernández ‘Negrete’ (Oural, 1983), adestrador do equipo e todoterreo no administrativo. O técnico leva 12 anos á fronte dun cadro que está a facer historia na contorna.

Futbolinlugo: O Oural está de moda.



Jorge ‘Negrete’: (ri) Non sei se de moda. Si que tratamos de facer as cousas ben, pero queremos que os xogadores se divirtan e desfruten.

Fil: Cal é o obxectivo realista do Oural?

JN: Si, agora temos que xogar contra equipos de arriba. É certo que xa xogamos con Foz, Outeiro… pero cando cheguen os Chantada, Burela, Castro… veremos. O obxectivo é manterse, acadar a permanencia o antes posible e a partires de aí loitar o máximo posible, non nos imos quedar pensando só en salvarnos.



Fil: Por onde pasa a permanencia?

JN: Os xogadores están moi comprometidos. Levamos adestrando desde xullo con máis de 16 futbolistas sempre. O diferencial serán as lesións: esta liga é longa e nós non imos ter acceso ao mercado porque as nosas condicións son as que son. Será importante que non perdamos a xente importante coas lesións, que manteñamos o nivel físico. Temos que seguir adestrando tres días como estamos facendo e facer do noso campo un fortín, facendo os máximos puntos posibles.

Negrete foi xogador, adestrador e directivo no oural

Fil: Como se sobrevive nunha parroquia tan pequena?

JN: A nivel económico as directivas levan moitos anos traballando moitísimo. Agora, unha categoría máis arriba, hai un gasto moito maior. Temos patrocinadores moi bos, que se portaron moi ben con nós. Hoxe por hoxe a Sarriana está en Terceira e hai moita xente de Sarria que xoga con nós. Cada vez vén máis xente aos partidos… e tamén é certo que este ano nos axudou moito o Concello: notámolo a nivel de material, por exemplo, axudaron todo o que puideron… e polo resto imos buscando por debaixo das pedras. Os rapaces están moi implicados e iso tamén é de agradecer.

oural
Imaxe do cadro que acadou o ascenso.

Fil: Notas moita diferencia entre a Segunda e a Primeira Futgal?



JN: Si que hai diferencia. Na Segunda sacabas algún partido simplemente por calidade. Agora sabes que todos os rivais son bos, que teñen un bon nivel físico e que o ritmo é alto. Xa o vimos estas semanas contra rivais coma nós, recén ascendidos, cando os partidos se deciden por pequenos detalles.

Fil: Cales son os vosos rivais directos?

JN: Os recén ascendidos, por suposto. Pero o paso das xornadas determinará onde podemos estar. A medida que xoguemos contra máis rivais, veremos como se resolven as incógnitas que irán saíndo.

Fil: Fará carreira Negrete lonxe do Luis Pallín?

JN: Sempre o pensas. Sempre hai que valorar as chamadas, se as hai. Pero tamén tes que pensar o que eres capaz de facer fóra de aquí. Claro que o valoras pero agora mesmo tan só penso en estar aquí, cun proxecto que me gusta e con xente que me valora moito. Despois xa o pensarei, e tamén está aberta a posibilidade de marchar para casa cos deberes feitos.

Jorge ‘Negrete’, SD Oural: «Na 2ª gañabamos partidos con detalles de calidade»

Tres de Maza para o 3/3 do

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *