Maza volveu ser un dos xogadores destacados da pasada xornada na 2ª. Maza anotou tres goles na vitoria do Brollón ante o Ferreira. Maza é o máximo goleador da competición nas tres primeiras xornadas de liga. Tres equipos lograron nove puntos: O San Ciprián e o Iberia na zona norte e o Brollón no sur.
3ª xornada en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Líderes por diferenza de goles: Sanci e Brollón
- Equipos que gañaron todo: Sanci, Iberia e Brollón
- Equipo máis goleador: Brollón (11)
- Equipos que menos encaixaron (1 gol): Alfoz e Paradela
- Todos os equipos marcaron algún gol. Menos goleadores (1): Mondoñedo, Cospeito e Chantada B.
- Porteiro menos batido (1 gol): Jacobo (Alfoz) e Eros (Paradela)
- Máximo goleador (5 goles): Maza
O Sanci e o Iberia seguen ao seu
O San Ciprián superou ao Xermade (3-1) e lidera por terceira semana consecutiva a clasificación da Segunda norte. Con todo, o Xermade foi quen comezou mellor na Veiga. Dominaron na primeira parte e adiantáronse no marcador por medio de Chungui.
Antes do descanso, os locais empataron por medio de Deonildo. No segundo tempo, igualáronse máis as forzas. Todo apuntaba ao empate, pero nos últimos intres Racha volveu marcar para o Sanci tras un bo pase de Gio. No último contragolpe marcou Bruno o terceiro.


O Iberia venceu ao Sporting Pontenova (3-0). Nun encontro marcado polo vento, puxéronse por diante os locais cun disparo de Borja. Pisco fixo o segundo nunha boa xogada colectiva e Borja anotou o seu dobrete particular tras outra boa acción dos seus.
Intentárono os visitantes no segundo tempo, axudados desta vez polo vento. Con todo o Iberia mantívose fiable atrás e contivo o resultado.
O Casás e o Cabreiros non perden e o Folgueiro gaña dous seguidos
O Casás impúxose ao Riotorto (3-5) e é 3º. O cadro capitalino ten sete puntos e non perdeu no que vai de liga. Realmente foi un encontro de ida e volta no que comezou marcando o Riotorto. Empataron os visitantes cun gol olímpico de Maira. Para novamente marchar 2-2 ao descanso.

No segundo acto, o Casás amosou as súas credencias cun gran Facundo e os goles de Juan (dobrete) e Cristian.
Segunda vitoria seguida do Folgueiro ante a Candelaria (0-3). O conxunto visitante controlou o partido a maior parte do tempo. Adiantouse cedo, aumentou a vantaxe mediado o segundo tempo e sentenciou ao final.
O Cabreiros segue sen perder tras empatar en Muimenta (2-2). O cadro visitante colocouse 0-2 no partido. Primeiro Alberte cun gran gol e logo Joan. Os locais lograron empatar cun dobrete de Jairo Gegunde, o primeiro de penalti.
As primeiras vitorias do Celta Barreiros, do Guitiriz e do Mondoñedo
O Celta Barreiros superou ao Cospeito (3-0). Saíron ben os locais pero non se adiantaron ata a media hora de xogo. Un centro de Casanova transformouse nun gol en propia porta. Xusto antes do descanso, os visitantes puideron igualar cun balón que petou no longueiro.
No segundo tempo, volveu aparecer a efectividade goleadora de Rocky para facelo segundo. Na recta final, os locais sentenciaron cun penalti que convertiu en gol Nico.

O Guitiriz impúxose á Piringalla (0-1). Antón adiantou ao cadro guitiricense ao pouco de comezar o xogo. Os de Míchel controlaron o xogo e tan só sufriron algo na recta final ante o arreón local. Nese tempo, tamén puideron ampliar a renda á contra.
Dani Carral asumiu a responsabilidade na portería ante as ausencias de Breixo, Jesús e David Vázquez.
O Mondoñedo levou o derbi do Mariscal co Alfoz (0-1). Partido igualado, con alternativas pero que gañou o máis acertado. Javi Álvarez marcou o primeiro gol da temporada para o seu equipo. Apertou máis o Alfoz no segundo tempo pero non estivo atinado.

O Brollón, líder en solitario
O Brollón logrou a terceira vitoria seguida ante o Ferreira (3-0). Encontro intenso e igualado. Desequilibrouno Isma antes do cuarto de hora cun gol a pase de Maza que a súa vez recibira un bo balón de Castañer. Á media hora, Maza fixo o seu seu e para os seus. A polémica estivo servida antes do descanso coa expulsión de Castañer.
Os locais termaron no segundo tempo. Non se descompuxeron e sentenciaron á contra. Novamente Maza completou o seu gran partido cun hat-trick que o deixan á cabeza na táboa de goleadores.
O Páramo, 2º
O Páramo mantense invicto ao gañarlle ao Quiroga (2-1). Os locais controlaron o xogo no primeiro tempo. Adiantáronse grazas a un gol en propia. Con todo, o Quiroga logrou empatar antes do tempo de lecer por medio de Manuas.
Xa no segundo tempo, novamente Antón marcaría o gol do triundo. Terceiro gol en tres partidos, ademais dunha asistencia. Tentouno o Quiroga pero non estivo acertado. No cadro visitante quedaron satisfeitos por ver no campo a un pai e a un fillo vestindo a camisola. Nunha xornada con baixas, xogou o xuvenil Xoel e cadrou no campo co seu pai Fran. Tamén debutou o xuvenil Pablito de tan só 15 anos.
Segunda seguida do Antas
O Antas venceu a domicilio ao Incio (1-2). Encontro igualado no que os goles chegaron no tramo final. Adiantáronse os locais botando man do balón parado. Urdi sacou dende o recanto e Díaz rematou. Os visitantes remontaron con goles de Besteiro e de Ramos tras un centro de Marcos.
Paradela, Palas, Becerreá e Rubián seguen invictos
O Paradela superou ao Chantada B (2-0). Os locais estiveron mellor no partido. Sen ter grandes ocasións, dominaron o balón e aproveitaron as súas oportunidades.
O Palas derrotou ao Santa Comba (3-4). Os visitantes marcharon ao descanso cun 0-2 no marcador. A pesar de que os locais recurtaron distancias de penalti, os da Ulloa non deixaron lugar para as dúbidas e marcaron dous goles máis. Míguez por medio dunha falta dende lonxe e Javi Ouro nunha gran xogada persoal.
Na recta final, o Santa Comba si lles meteu o susto no corpo ao marcar dous goles e quedar o Palas cun xogador menos.
O Rubián igualou co Becerreá (1-1). Entrou mellor o Becerreá no encontro. Refixéronse os locais que marcaron e marcharon ao descanso gañando pola mínima. Iso si, quedaron cun xogador meno pola expulsión de Gerardo ao incio do segundo tempo. Kevin empatou para os visitantes que trataron de levarse o partido pero atopáronse cun gran Casillas baixo paus.
Primeiros triunfos do Friol e do San Roque
O Friol venceu ao Lemos B (1-2). O cadro friolés levou o peso do encontro pero o filial adiantouse por medio de David Díaz. O Friol consumou a remontada no tempo extra, logo de ter antes varias oportunidades das que foi salvador o gardamallas Anxo.
O San Roque derrotou ao Portomarín (1-2). O Portomarín tivo varias chegadas no primeiro tempo sen estar acertados. Non houbo goles ata a recta final. A balón parado, o San Roque púxose por diante. Á contra marcaron o segundo. Na recta final, o Portomarín deulle para marcar un gol a balón parado por medio de Carlos.
