#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Celeiro e Chantada Atlético B debutan con goleada

A segunda xornada do Tres en Raia En Boas Mans na Terceira Futgal déixanos un triple empate no liderado do grupo norte. Matela, Goiriz e Cazás contan os seus encontros por vitorias, mentras que o Celeiro estreouse con goleada tras o adiamento do seu encontro na primeira xornada.

No grupo sur, Monterroso B e Sporting Lucense suman seis puntos tras unha xornada na que o Chantada Atlético e o Corgo golearon a domicilio.

grupo norte

O Matela remonta en dúas ocasións para vencer ao Roupar (2-3). Comezou mellor o conxunto adestrado por Ángel Pena, que logrou adiantarse no marcador cun tanto de Yosi. Aos vinte minutos, o Matela empatou tras unha contra ben levada por Maikel e Simao que rematou este último. Yosi adiantou de novo ao Roupar case sen ángulo logo de gañar a liña de fondo e xusto antes do intermedio Maikel, cun gran lanzamento de falta empatou o choque. Tras o paso por vestiarios, o Roupar seguiu xerando ocasións de gol, pero un erro na saída de balón aproveitouno Maikel para poñer por diante aos de Cuchi, que cos trocos melloraron as súas prestacións.

O Goiriz segue de pleno tras dobregar ao Castroverde na Veiga do Olmo (1-2). Primeira metade parella e escasa de ocasións de gol. O cadro local adiantouse no minuto 44 cun tanto de penalti, obra de Borja. Na segunda metade o dominio territorial foi do Goiriz, aína que o Castroverde non pasaba apuros en defensa. Aos vinte minutos, Nico empatou o encontro nunha xogada moi protestada polo cadro local. O tanto fíxolle dano aos de Iago Núñez e o Goiriz aproveitouno. Muñiz fixo o segundo e os chairegos souberon defender a vitoria sen pasar excesivos apuros.



Un solitario tanto de Bruno diante do Friol B mantén ao Cazás en cabeza (1-0). O cadro local amosou nestas dúas xornadas a súa solidez defensiva tras non encaixar un só gol polo momento. Nun encontro con boa afluencia de público, a primeira metade resultou disputada, aínda que con máis ocasións para o Cazás. Na reanudación o Friol B xogou no seu campo e defendeu con certo éxito os ataques do cadro local. Pero Bruno, con só cinco minutos no campo, cazou un rexeite tras un saque de curruncho e anotou o único tanto do encontro. Os de Bruno Castro non se rendiron e no desconto rozaron o empate cun lanzamento ao longueiro.

Equipo titular do Celeiro diante do Catro Roldas

O Celeiro golea ao Catro Roldas nun econtro cómodo en Trasvías (4-0). Con tan só un minuto de xogo, o cadro local adiantouse no marcador cun tanto de Mora, que volvía aos terreos de xogo tras o seu paso polo banquiño. O Catro Roldas, con aínda varias pezas que acoplar, amosouse batallador e contou cunha boa ocasión de gol. Antes do intermedio, Mora fixo o segundo para deixar o encontro encarrilado para os de Jesús Rial. No segundo tempo o encontro non tivo moita historia. Silva e Bruno aproveitaron a súa oportunidade e completaron a goleada. Tras adiarse o partido da primeira xornada fronte ao Abadín, o Celeiro suma tres puntos e reforza a súa portería coa chegada de Óscar Sánchez procedente do Xove Lago.

O Rioaveso vence no difícil campo da Comercial (1-2). Encontro moi disputado na súa primeira metade con ocasións para os dous conxuntos. Pedro adiantou ao Rioaveso preto do descanso e Ra igualou antes de que o colexiado mandara os xogadores a vestiarios. A Comercial estrelou varios balóns nos paos e incluso Iker errou unha pena máxima. A falta de cinco minutos, Álex Anido anotou o tanto do triunfo chairego.



grupo sur

O Monterroso B suma a segunda vitoria fronte ao Taboada B (2-1). Encontro no que o conxunto local levou a iniciativa do xogo fronte a un Taboada B que buscou contragolpear con perigo. Os de Pampín non estiveron precisos e costoulle saír con balón xogado ata que Yoni, tras unha boa xogada, definiu á perfección. Sobrepasada a media hora de xogo, os visitantes igualan tras unha xogada na que colleron despistados aos locais. O encontro seguiu coa mesma tónica ata que Raulito anotara un golazo de falta que lle deu o triunfo ao filial monterrosino.

O Sporting Lucense faise co triunfo na segunda metade diante do Río Sil (2-0). O cadro local moveu o balón con criterio no primeiro tempo diante dun rival que presentou un bloque baixo. O Río Sil, moi ben ordeado na súa parcela defensiva impediu ocasións claras dun Sporting Lucense con boa movilidade de balón. O segundo tempo comezou cun tanto de Jesús que despexou o camiño para o cadro local. O Río Sil estirouse na procura do gol e nun erro defensivo Erik sentenciou para os de Kevin.

O Chantada Atlético B agarda ao segundo tempo para golear ao Bóveda (1-6). Aínda que o marcador reflexe unha gran diferencia entre ámbolos conxuntos, a primeira metade resultou bastante parella. Pucho adiantou ao Bóveda cando aínda non se chegara ao segundo minuto de xogo. Os visitantes non tardaron en reaccionar e Miguel deulle a volta ao resultado en só cinco minutos con dous tantos. Elcoso modificou o sistema para que o Bóveda estivera máis preto do empate e aproveitouno o filial chantadino, que aproveitou os espazos para sentenciar o choque. Miguel completou un póker de goles. Marcos e Congui compleataron a goleada.

O Corgo castiga ao Relámpago Taboada cunha ampla goleada (1-7). Ao igual que o sucedido no Hermanos Somoza, a primeira metade foi máis igualada do que se pode presaxiar ollando o marcador. Un tanto de Fer decantou o resultado para os de Abel Rochela ao descanso fronte a un Relámpago que buscou o gol sen éxito. Tras o descanso todo mudou e dous novos goles de Fer e outro de Xoia en só dez minutos deixaron o encontro sentenciado. Fran fixo o tanto da honra pra os locais. Outro gol de Xoia, Rodríguez e o All Star Sebas anotaron para o Corgo.

O balón parado dalle tres puntos ao Sober fronte á Sarriana B (2-1). O filial sarriao comezou mellor e contou con varias chegadas de certo perigo á portería rival. Pero en dúas xogadas a balón parado Luaces e Nico puxeron en clara vantaxe aos de Iban Lagoa. A Sarriana B optou por un fútbol máis directo e na segunda metade non tardou en recurtar diferencias no marcador cun gol de Brais ao rematar unha falta lateral. No último tramo de partido, os de Raul Fernández buscaron chegar por ámbalas dúas bandas para lograr o empate aínda que o Sober, á contra, gozou de varias ocasións para sentenciar.



Celeiro e Chantada Atlético B debutan con goleada

O PM Friol resárcese coa vitoria ante

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *