Iván Recalde salienta o complicado que é gañar en Pastoriza

O dianteiro laurentino marcou os dous goles do triunfo do Lourenzá na primeira xornada

O regreso da Primeira Rexional trouxo, de novo, emoción espallada por toda a provincia. Lourenzá, Pol e Riotorto foron os gañadores do grupo norte pola mínima. Portomarín, Taboada e Guntín poden presumir de vitoria polo sur.

Este martes, no Ser Deportivos Lugo, a presentadora do programa, Sara Meijide, e o redactor de Futbolinlugo, Iván Calaza conversaron co dianteiro do Lourenzá Iván Recalde. O xogador laurentino marcou o dobrete do triunfo do seu equipo ante o Pastoricense.

Pódese escoitar o audio da entrevista no SER Deportivos Lugo no seguinte enlace: Entrevista Iván Recalde (19/10/2021).

Fiso Ronda

O atacante amosouse moi contento pola volta da competición. «Se estamos xogando agora mesmo con certa normalidade é que o pesadelo que nos perseguiu durante case dous anos estase acabando. É un bo sinal«, indicou Recalde.

O Lourenzá ocupaba os postos de descenso cando a liga se detivo por mor da pandemia. Agora inicia novo proxecto con Roberto Ramallal á fronte pero tentando seguir coa mesma esencia de apostar pola xente da casa. Na primeira xornada sumou os tres primeiros puntos do curso.

«Foi un partido moi complicado. Falamos ao rematar no vestiario que sempre é moi difícil gañar en Pastoriza. Levo moitos anos xogando alí e lembro poucas veces de levar os tres puntos. Apertan moito, é un campo moi grande, habitualmente teñen moita envergadura e van moi ben a balón parado«, explica o dianteiro.

Os goles do partido non chegaron ata a segunda metade: «A primeira parte foi bastante clara para nós. Na segunda apareceu a xogada do penalti cando parecía que baixabamos fisicamente e que non nos depregabamos tan rápido. Pasaron poucos minutos e conseguimos o segundo«, conta o xogador laurentino.

Non obstante, o Lourenzá tivo que pelexar para manter os tres puntos. «Logo marcaron eles a balón parado e acabamos o partido sufrindo«, remarcou Recalde.

Iván Recalde cumpre a súa 14ª temporada no Lourenzá. Aos seus 38 anos continúa marcando goles. Recoñece que a retirada está preto pero conta con que sexa sobre o verde. «En deixalo sen estar no campo non quería. Pero si, vai tocando o final porque son moitos anos e hai que deixar paso aos máis novos que veñen pisando forte», concluíu.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 485

Deja un comentario