Iván Recalde: «Penso que o mellor do fútbol aínda non pasou»
Iván Calaza / 2 años
10/05/2023
0
11min de lectura
Cando un goleador nato decide retirarse, semella que a pelota vai quedar dando voltas na área; no vértice ou paseando pola liña, pero sen que ninguén a acaricie para convertila en gol. A percepción cambia cando Iván Recalde Docampo (Lourenzá, 24 – 07 – 1983)decide deixar o fútbol afeccionado, pero afirma, cunha positividade convencida, que o mellor para o balompé está por vir.
É que Recalde leva todo o século XXI marcando goles pola provincia. No Iberia, no Xove Lago, no Foz e, por riba de todo, no seu Atleti. Logo de asegurar a permanencia na Primeira (axudados cun gol seu), o Lourenzá comunicou unha decisión meditada.
Este domingo (Lourenzá – Castro ás 18:00h) Santa Cruz homenaxea a unha desas persoas pola que nos dicionarios aparece a palabra «referente». Quince anos ao servizo dos seus. Un capitán que fala dentro do vestiario e tamén fóra del.
Futbolinlugo: Por que esta foi a última tempada?
Iván Recalde: Era unha decisión que xa tiña moi meditada. Todo ten un principio e un final. A campaña pasada estiven bastante tempo lesionado e non quixen retirarme con ese sabor de boca de participar pouco. A principios da tempada case tiña a decisión tomada. Foi pasando o ano e funme dando conta de que tiña que ser o último. Quérome retirar sendo importante para o equipo. Non me vexo noutro rol. Prefiro retirarme eu antes de que me retire o fútbol.
Fil: O equipo vai chegar a última xornada salvado, encontro en Santa Cruz,… podemos dicir que é a retirada perfecta?
IR: Todos os últimos partidos de calquera son especiais. No meu caso son moitos anos no Atleti, sendo capitán,…; son moitas cousas. Véñenseme mil a cabeza.
Creo que por equipo e por sensacións podiamos estar máis arrriba na clasificación. Pero tamén houbo lesións que nos lastraron moito. Sen dúbida, o obxectivo principal era salvarse. A cadea de arrastres fai que esteas máis na corda frouxa. Necesitar 40 puntos para permanecer nunha liga de 18 clubs é unha barbaridade. Isto está así e as normas xa as sabiamos ao principio.
Non me quería retirar de ningunha maneira descendendo. Non quixen contestar nunca a pregunta de se seguiría se baixaramos. Tiña clarísimo que nos iamos salvar.
“A afección do Atleti é a envexa da maioría de vilas do fútbol rexional”
Santa Cruz despedirá a carreira como xogador de Iván Recalde
Fil: Nesas cousas que se che veñen a cabeza, que lugar ocupa a afección?
IR: O máis importante. O valor máis grande que ten o club é a afección. Os seareiros demostraron sempre o seu apoio. Eu diría que é a envexa da maioría de vilas do fútbol rexional. O Atleti move moita xente. Un dos centrais do Antas aínda me dixo o outro día que alucinaba coa xente que había dos nosos no Castro Seoane.
Fil: Cal cres que é a clave de que se mantivera viva a afección do ‘Atleti’?
IR: O que eu penso queda moi bonito dicilo e logo hai que plasmalo. A todo o mundo lle gusta estar arriba nas clasificacións e ninguén quere perder, por iso é difícil o de xogar con futbolistas da casa. Ademais é un tema que leva anos porque as xeracións non son todas iguais. Seguindo esta filosofía haberá momentos nos que o equipo estea máis arriba e outros máis abaixo.
Con todo, creo que esa é a principal razón para manter a unha afección enganchada. Nun concello como o noso duns 2.000 habitantes, o 85% do cadro de xogadores debe estar composto por xente de Lourenzá. Aquí ninguén cobra por xogar. Se un veciño xoga aquí, sempre arrastra aos amigos e a familia; uns polos outros e vaise xuntando a xente.
“Sei que en Lourenzá queda moito futuro”
Os nacidos no 2000 xa son maioría no primeiro equipo do Lourenzá. Recalde (cuarto arriba á esquerda) posa cos seus compañeiros para a Guía ‘Fútbol en Lugo’ 2022.
Fil: A día de hoxe ves viable que se manteña esa filosofía a medio prazo no club?
IR: Teñóo clarísimo. Dígolles sempre aos rapaces que, se traballan e son honrados no campo, teñen equipo para moito tempo. Hai xogadores que teñen moita calidade con 20 ou 21 anos. Nese aspecto estou tranquilo porque sei que en Lourenzá queda moito futuro.
Fil: E ves que teñen ese sentimento de pertenza, ese gusto polo fútbol afeccionado?
IR: Non son dos que pensa que o mellor do fútbol xa pasou. Creo que o equipo que vai quedar, dentro duns anos, vai estar máis arriba ca cando estabamos nós en plenitude. Penso que teñen mellor futuro que tiñamos nós a súa idade.
“Considerei que onde máis desfrutaba era no Atleti”
Iván Recalde ten feito fazañas como a de marcar seis goles nun partido de Copa en Paraños fronte ao Rioaveso
Fil: Entenderías que estes xogadores decidiran marcharse a un equipo doutra categoría ou incluso da mesma por cartos?
IR: Si que o entendería. Cada un xoga onde quere. Que o comparta? Eu puiden facer iso varias veces e non o fixen. Considerei que onde máis desfrutaba era no Atleti. Sinto algo especial xogando en Lourenzá. Pero se alguén decide marchar porque lle dán algo, está no seu dereito e entendóo.
Fil: Mareáronte moitas veces para cambiar de equipo?
IR: Agora xa fai anos que non me marean (risas).
Fil: Pero ofertas houbo seguro…
IR: Si, ao principio, claro. Viña de estar destacando en Preferente e fichei no Lourenzá en Segunda Rexional. Nunca me custou dicir que non. De feito, insistíronme uns tres ou catro anos seguidos, pero despois debeuse correr a voz e xa facía moitísimos anos que non me chamaban porque sabían que non me movía.
Fil: En fútbol sénior xogaches no Iberia, no Xove e no Foz, pero sei que ao Foz tamén lle tes un cariño especial. É porque ten cores similares ao Atleti?
IR: As cores tamén axudan, pero non é por iso (risas).
Fil: Que é o que te vincula máis ao club focego?
IR: Estudei no Martínez Otero moitos anos, teño moitos amigos e sempre o tiven como a segunda casa. Tanto no fútbol como a nivel persoal teño unha conexión moi boa.
Tamén teño que dicir que nos outros clubs estiven xenial. En Iberia tratáronme moi ben e en Xove igual, que foi o equipo no que debutei en Terceira División. Tiña 19 anos e foi inesquecible.
“Que ascenda o Mondoñedo”
Fil: Da túa traxectoria no Lourenzá, con que te quedarías?
Por suposto, quédome cos derbis contra o Mondoñedo. Vai ser difícil de esquecer a imaxe de ver a unhas 800 persoas en Santa Cruz.
Fil: Mágoa que non se repetiran en competición oficial logo da pandemia…
IR: Seguro que logo volven. Esperemos que se repitan en 1ª Rexional. Que ascenda o Mondoñedo. Canto máis arriba sexan os derbis, vai ser mellor para os dous.
Fil: E supoño que aínda hai algo máis…
IR: Quédome cos amigos. Todo é moi bonito, pero co que te quedas é coa xente que coñeces. Fixen moitos amigos grazas ao fútbol, pero ademais tiven a sorte de xogar cos que eran os meus amigos de toda a vida.
Fil: Ese case sería o resumo perfecto para entender o que é o fútbol afeccionado…
IR: É unha parte fundamental para enganchar a afección. Se te ven tomando algo e estás con xente do equipo, xa che veñen falar preguntando polo club. Esa unión e amizade resume perfectamente o que ten que ser o fútbol rexional. Todo o que se escape de aí, está desvirtuado.
“Non cría que me chegara a afectar tanto non ter a Montxo ao lado”
Montxo deixou o Lourenzá a temporada pasada e xogou o II All Star Futbolinlugo. Foto: Mariluz Fagín
Fil: Botaches de menos moito este ano a Montxo?
IR: A verdade é que si (risas). Moitísimo. Moito… eh… fua. Non cría que me chegara a afectar tanto non telo ao lado. E véxoo moito eh. Pero son moitos anos. E iso que teño no equipo a Garrafín, a meu irmao e a moitos máis. Pero si, Montxo era un piar moi importante.
Fil: Agora vaste dedicar tamén as carreiras?
IR: No, no, no (risas). Iso déixollo a el. Algo farei que se non… pero de momento correr non. Xa nunca me gustou moito no campo tampouco (risas).
Fil: O que si, vas seguir ligado ao Lourenzá. Xa te anunciaron como directivo…
IR: Xa o puxeron sen dicirme nada a min (risas). É certo que un grupo de xogadores xa estabamos moi vinculados coa directiva. É moi fácil estar unido a esta xente. Sen estas persoas e outras tantas que hai por detrás sería imposible. Non hai adestramento no que non haxa tres ou catro membros da directiva, o churrasco dos venres,… é doutro mundo.
“Roberto Ramallal é o adestrador que máis solucións che dá no descanso dun partido”
Fil: Nesta traxectoria, que adestrador te marcou especialmente?
IR: Marcáronme todos. Por exemplo, Alberto López fichoume de Primeira Rexional para xogar en Terceira División con 19 anos. Quedoume ese bo sabor de boca con el.
Diego Rego, do que xa era amigo, soubo sacarme moito rendemento nuns anos complicados. Segundo López, Edu de Viveiro, José Manuel que xa fora o meu compañeiro antes, con todos moi ben. Agora vanme quedar máis pero de todos sacas algo.
O legado de Recalde continúa en seu irmán, Noé Recalde Docampo segue no Lourenzá
Fil: Como é esa especie de ritual que Recalde fai antes dos partidos?
IR: Antes de berrar todos xuntos “Atleti”, desde hai moitos anos, dou unhas palabras no vestiario para motivarnos. O domingo vai ser difícil dalas.
Fill: Es de pensalas antes ou improvisas?
IR: Non son moito de pensalas antes. Son sensacións dese momento de saír ao partido.
Fil: O capitán nace ou faise?
IR: Faise. Evidentemente haberá xogadores que por personalidade estean máis cómodos sen levar o brazal. Pero despois por algo o xogador máis veterán adoita ser o capitán. Os anos vanche dando experiencia.
Fil: Por exemplo, cos árbitros…
IR: Nunca fun de protestar moito. Penso que me expulsaron unha ou dúas veces na miña traxectoria. Cos anos case nin levo cartóns amarelos. Vaste volvendo máis paciente. Eu levo dicindo moito tempo que os árbitros non se queren equivocar e protestando non arranxas nada.
A miña maneira de pensar é que un capitán ten que manter a calma en momentos que hai que tela. Logo se hai que botar un berro en certas fases, tamén se bota. Pero para iso adoita haber outros compañeiros que poden facelo. Para falar co árbitro é ben que o capitán teña calma e que sexa máis de apazugar ca de alborotar.
“Deume máis o fútbol do que lle din eu”
Fil: Que lle dirías a afección do Atleti que te homenaxeará este domingo? E ao fútbol provincial?
IR: Foron moitos anos e con palabras é dificil expresar o que me fixeron sentir como xogador. Houbo momentos que era incrible estar na Santa Cruz. Momentos de pensalos ao chegar a casa e poñerseme a pel de pita aínda hoxe en día.
Se puiden aportar algo para contribuír a que isto fose un pouco mellor ou que o fútbol rexional puidera desfrutar comigo e co Atleti, eu encantado. A min deume máis o fútbol do que lle din eu. Fixen algo que me gustou durante moitos anos sen ningunha lesión grave.
Para ofrecer las mejores experiencias, utilizamos tecnologías como las cookies para almacenar y/o acceder a la información del dispositivo. El consentimiento de estas tecnologías nos permitirá procesar datos como el comportamiento de navegación o las identificaciones únicas en este sitio. No consentir o retirar el consentimiento, puede afectar negativamente a ciertas características y funciones.
Funcional
Siempre activo
El almacenamiento o acceso técnico es estrictamente necesario para el propósito legítimo de permitir el uso de un servicio específico explícitamente solicitado por el abonado o usuario, o con el único propósito de llevar a cabo la transmisión de una comunicación a través de una red de comunicaciones electrónicas.
Preferencias
El almacenamiento o acceso técnico es necesario para la finalidad legítima de almacenar preferencias no solicitadas por el abonado o usuario.
Estadísticas
El almacenamiento o acceso técnico que es utilizado exclusivamente con fines estadísticos.El almacenamiento o acceso técnico que se utiliza exclusivamente con fines estadísticos anónimos. Sin un requerimiento, el cumplimiento voluntario por parte de tu proveedor de servicios de Internet, o los registros adicionales de un tercero, la información almacenada o recuperada sólo para este propósito no se puede utilizar para identificarte.
Marketing
El almacenamiento o acceso técnico es necesario para crear perfiles de usuario para enviar publicidad, o para rastrear al usuario en una web o en varias web con fines de marketing similares.