A penúltima xornada da primeira fase na Terceira Galicia deixóunos dous ascensos, un en cada grupo. No norte, o Mondoñedo festexou o ascenso ao vencer ao Rioaveso, rival directo. O cadro chairego xogará unha promoción de ascenso para a que tamén está clasificado o Abadín. O Celeiro, que descansa na derradeira xornada, Nuevo Nausti, Friol B e Catro Roldas disputan as últimas dúas prazas.
No grupo sur o Palas logrou o ascenso directo ao vencer no campo do Monterroso B, mentres que o Incio pinchou na súa visita ao Sober e é o Quiroga, que goleou ao Taboada B, o que chega á última xornada dependendo de si mesmo para lograr o billete cara a Segunda. Rubián e Páramo están clasificados de xeito matemático para a promoción e o Sober defenderá na última xornada a a súa praza de play off no campo do Relámpago Taboada. Agardando un pinchazo está o Santa Comba que visita as Rapadas para medirse ao Páramo.
grupo norte
O Mondoñedo é novo equipo de Segundo logo de gañar en Paraños (0-1). Encontro vibrante no feudo do Rioaveso, onde os dous conxuntos se xogaban o ascenso directo. O cadro local saiu mellor e meteu ao Mondoñedo no seu campo, sobre todo no primeiro cuarto de hora de partido, aínda que sen chegar a xerar ocasións moi claras de gol. Co paso dos minutos, os mindonienses estiraron liñas e chegaron a estrelar dous balóns no longueiro, ata que á beira do descanso Jacobo fixo un gol que vale por un ascenso. Na segunda metade, os de Isra souberon defender o marcador e apenas pasaron apuros. Os máis de cen seareiros que arrouparon ao Mondoñedo puideron celebrar o ascenso só un ano despois de perder a categoría. O Rioaveso disputará o play off.
O Abadín garante a súa presenza no play off ao empatar no campo do Racing Vilalbés B (2-2). Encontro moi entretido o disputado no Roca. O Abadín precisaba puntuar para non chegar á última xornada coa clasificación para a promoción no aire, e logrouno. O primeiro tanto para os visitantes chegou aos tre minutos, cun testarazo de Seco a un saque de esquina lanzado por Vicente. Os visitantes puideron ampliar as diferencias na primeira parte, na que chegaron con moito perigo á portería rival, chegando a estrelar tres balóns na madeira. Moi preto do descanso, o filial chairego empatou cun tanto de Antonio. A segunda metade foi máis igualada, con ocasións para os dous conxuntos. Pedro, logo dunha boa xogada de Noé, volveu a poñer por diante ao Abadín, pero preto do final Freire, cun bo lanzamento de falta estableceu o definitivo empate.


O empate entre Celeiro e Catro Roldas non deixa contento a ningún (1-1). Punto insuficiente para ámbolos conxuntos. O Celeiro non puido deixar pechada a súa clasificación para a promoción na que foi a súa última xornada da fase regular, mentres que o Catro Roldas precisa dun triunfo no choque directo co Nuevo Nausti. Pouco fútbol se viu na primeira metade entres dous conxuntos con medo a perder. Os chairegos, moi precavidos en defensa, apenas inquedaron a portería rival, aínda que pediron penalti nunha caída de Samu dentro da área, e o Celeiro apenas foi quen de xerar perigo. A segunda metade foi diametralmente oposta. O tanto de Moha para o Catro Roldas na máis saír de vestiarios fixo que o encontro se abrira e se viran ocasións para os dous conxuntos. A falta de dez minutos para o final Tátiko estableceu o empate.
O Matela da a sorpresa fronte a un Nuevo Nausti que deixa os deberes para o final (1-3). Os vilalbeses desaproveitaron a oportunidade para deixar selada a súa presenza no play off. O Matela tivo un encontro cómodo diante dun Nausti que non soubo finalizar as súas chegadas á área. Malia todo foi quen de adiantarse cun tanto de Juan, pero a reacción visitante non tardou en chegar. A boa presión do Matela deu os seus froitos e Veiga logrou darlle a volta ao marcador nun roubo en campo contrario. O Nausti contou con ocasións para lograr o empate, pero nunha contra Santi sentenciou o choque.
O Friol B mantén as súas opcións de meterse na promoción logo de golear á Comercial B (2-6). As opcións do filial do Friol de chegar con opcións de xogar a promoción de ascenso pasaban por lograr os tres puntos na súa visita á Comercial B. Malia o abultado do marcador, o encontro resultou moi parello ata ben entrada a segunda metade. O cadro local deu primeiro cun gol de Torito, pero antes do intermedio dous goles de Rober déronlle a volta ao marcador. Na segunda metade, de novo Torito puxo as tablas e ao Friol B costoulle poñerse de novo por diante. Unha vez o logrou os locais baixaron e Rober sentenciou con outros dous tantos. Maikel pechou a conta xa co tempo cumprido.


grupo sur
O Palas logrou o ascenso ao gañar no campo dun Monterroso B xa sen opcións (2-3). Encontro de rivalidade no que o filial monterrosino vendeu cara a súa pel. Precisaba un triunfo para seguir vivo na pelexa pola promoción, pero non foi posible diante dun Palas que saiu moi ben ao partido e non tardou en adiantarse cun gol de Monti. Antes dos vinte minutos, Julian rematou de cabeza un saque desde o curruncho e poñía en clara vantaxe aos de Brais Vázquez. Na segunda metade o Monterroso B saiu moito mellor ao campo, pero o Palas, que vía o ascenso moi preto, sentenciou cun golazo de Marcos desde mediocampo. Os de Javichu non se rendiron e nun erro do gardameta, Manel recurtou diferencias. Con case dez minutos por diante chegou o segundo gol, obra de Charlie. Os monterrosinos pelexaron ata o final, pero non chegou un empate que tampouco lles serviría co triunfo do Sober diante do Incio. O Palas puido festexar o ascenso a Segunda.

O Quiroga golea ao Taboada B e depende de si mesmo para acadar o ascenso directo (1-6). Xornada redonda para o Quiroga. Tres puntos vitais e derrota do Incio, o que os coloca a un só paso da Segunda. O Taboada B comezou o partido inquedando ao xuvenil Ethan, que tivo que intervir en dous achegamentos con perigo do cadro local. Pero Jose non tardou en abrir o marcador e a partir de aí o camiño xa foi máis doado para o Quiroga. Gachán ampliou diferencias antes do descanso e Coba e Sergio Pollo contaron con ocasións para que a renda fora máis ampla. Na segunda metade Jose e Sergio Pollo sentenciaron o choque. O Quiroga deulle minutos a tódolos seus xogadores e o Taboada aproveitouno para marcar o tanto da honra, obra de Pampín. Campos, de penalti e Pincha pecharon a conta para o Quiroga.
O Sober pon pé e medio no play off e deixa ao Incio na terceira praza (2-1). Non foron quen os de Julio Corral de lograr os tres puntos e manter a segunda posición e terán gañar e agardar un pinchazo do Quiroga para ascender de xeito directo. A primeira metade foi de superioridade visitante. O Incio contou con varias ocasións claras que o gardameta Sierra e o longueiro se encargaron de desabaratar. O encontro endureceuse e igualouse na segunda metade, pero foi o Incio quen logrou adiantarse cun gol de Edu á saída dun córner. O Sober, co paso dos minutos, chegaba á portería rival con máis perigo, fronte a un Incio que acusou o cansanzo. A velocidade á contra de Martín, autor dos dous tantos do Sober foi decisiva. O visitante Casanova estrelou un balón no longueiro nos minutos finais. Con estes tres puntos, o Sober depende de si mesmo para disputar a promoción de ascenso.
O Páramo vence no Poste e afasta as ilusións de ascenso directo do Rubián (0-2). Mal encontro do cadro local, que non afrontou o partido coa intensidade requerida. Aínda que comezou igualado, o partido de seguido colleu clara cor visitante. Dúas oportunidades claras precederon o gol de Jose, logo dunha acción combinativa entre Joni e Dieguito. Na segunda metade o Rubián mellorou e inquedou a área rival, sobre todo con balóns aéreos. O Páramo soubo resistir e Raúl sentenciou á contra.
O Santa Comba golea ao Bóveda pero non depende de si mesmo para xogar o play off (5-0). Os de Ángel Merino chegan con opcións de disputar a promoción ata a derradeira xornada, aínque terán que agardar o resultado do Sober. O Bóveda, que se presentou só con dez xogadores, comezou replegado sen conceder demasiadas ocasións, e incluso contou con opcións para facer gol. Pero foi Asier quen inagurou o marcador no ecuador do primeiro acto para o Santa Comba. Preto do descanso, Jaime fixo o segundo desde o punto de penalti. Na segunda metade o Bóveda comezou mellor, pero co paso dos minutos acusou o cansanzo físico e o Santa Comba sentenciou.

Richard marcou o ritmo do Castroverde na goleada ao Relámpago Taboada (5-1). O encontro veu marcado pola lesión de Migueliño, gardameta do Relámpago, que tivo que abandoar o terreo de xogo en ambulancia. Ao non ter recambios no banquiño. Richard foi o mellor xogador do encontro e anotou os dous primeiros tantos para o Castroverde. Ao descanso o marcador reflexaba un 3-1 favorable aos de Fran Veiga, que na segunda sentenciaron o encontro e mesmo puideron ampliar diferencias.