#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Iberia líder, xusto antes de xogar co Racing B

Cadro de xogadores do Iberia CF, equipo de San Miguel de Reinante (Barreiros) para a temporada 2023/2024. Foto usada na V Guía de Futbolinlugo

O Iberia é o novo líder do grupo norte da Segunda. Está empatado a puntos co Pastoricense. Desfíxose o trío de líderes que levaba tres semanas na cabeza da clasificación. O Racing B empatou en Xermade. Precisamente este sábado, o Iberia xoga co Racing B (ás 15:30h no campo da Fonte, en Cospeito).

Os datos das once primeiras xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’

  • Equipos que menos perderon: Racing Villalbés B, Iberia, Pastoricense, Xermade e Oural (un partido)
  • Equipos que non gañaron: Chantada B 
  • Equipos que máis puntuaron: Oural (28 pts)
  • Equipo que máis goles marcou: Oural (32 goles)
  • Equipo que menos goles encaixou: Iberia (5 goles)
  • Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (15 goles)
  • Porteiro que menos encaixa: Javi – Palas (3 goles en 764 minutos)
  • Tendo en conta as últimas tres xornadas…
  • Equipos na mellor xeira: Iberia, Pastoricense e Oural (cinco vitorias consecutivas no caso do Iberia e do Pastoricense; O Oural leva 6 seguidas)
  • Futbolista na mellor xeira: Walter – Alfoz e Pedro Coria – Xermade; Mario Puerta – Oural e Sergio ‘Pacho’ – Quiroga (3 goles)

Agora manda un dúo: Iberia e Pastoricense

O Iberia e o Pastoricense encabezan a táboa clasificatoria da zona norte. Ambos equipos suman cinco vitorias seguidas. Levan oito en total. Alcanzan os 26 puntos en 11 xornadas. Faltan catro para chegar ao final da primeira volta

O Iberia é primeiro polo diferencial de goles. De feito, agora mesmo é o equipo que menos encaixa na Segunda Rexional lucense. É a sétima vez que deixa a portería a cero. Superou pola mínima ao Abadín

Foi un encontro moi desputado nas Valgas. Os locais trocaron de sistema con dous dianteiros. Intentaron xerar ocasións con Ángel e Jorge polas bandas. O porteiro do Abadín, Cristian realizou intervencións de mérito. 



Jonny e Carlos entraron nos locais no segundo tempo. Activaron máis o xogo por dentro e tentaron buscar o gol. Nunha acción a balón parado chegou o único tanto do encontro. 

O Abadín queda na zona media baixa da táboa con once puntos. Ten dous de marxe sobre o descenso directo e tres equipos polo medio. Este domingo vivirá un duelo de proximidade ante un rival directo. Xoga ás 16h no Municipal precisamente co club que marca a zona de descenso, o Muimenta

O Pastoricense venceu ao Folgueiro nun dos partidos da xornada. O cadro da Pastoriza amplía diferenzas cun rival directo. Nove puntos de diferenza entre o 2º (26) e o 5º (17). A pesar da derrota, o Folgueiro mantense en zona de promoción (igualado a puntos co Sporting Pontenova que é 6º). 



O encontro xogouse en campo artificial, no anexo do Municipal de Xove. Non se adaptou no primeiro tempo o cadro que exercía como visitante. O Folgueiro non creou perigo excesivo, pero si tiña máis controlado o partido. 

Con todo, un disparo dende fóra da área de Borja permitiulle ao Pastoricense poñerse por diante. Ao pouco, o Folgueiro logrou empatar. Logo do descanso, Kanuto marcou o segundo noutro tiro dende fóra da área. Despois houbo ocasións para ambos, pero o marcador non se moveu.

O ‘rei do empate’ perxudica ao Racing Villalbés B

O duelo chairego entre o Xermade e o Racing B era outro dos encontros da xornada. Rematou en empate. O sétimo do Xermade que queda a un punto da zona de promoción. Queda a sete do filial racinguista que agora é 3º. O Racing B era o líder dende a primeira xornada. Agora está a dous puntos. 

No primeiro acto tivo máis control de balón o filial. O Xermade puido marcar nun tiro de Andy dentro da área. Pero foi o Racing B quen se puxo por diante. Un tiro dende fóra da área, petou en dous defensas e entrou na portería. 

Apertaron os locais na segunda parte. Andy igualou de falta. Tivo as súas oportunidades o Racing B para volver mandar no marcador pero Ángel Prieto estivo ben baixo paus.



Campionato Galego de Seleccións Comarcais de fútbol sala fase previa da zona norte que se xoga en Guitiriz, Begonte e Castro de Rei

O San Ciprián é 4º

O Sanci volveu ao camiño da vitoria no Pichón. Superou ao Muimenta e está na zona de privilexio. Un punto de vantaxe con respecto ao (Sporting Pontenova). E a 8 puntos da cabeza da clasificación. O Muimenta acumula seis derrotas seguidas. Entra en descenso directo, a un punto da salvación. 

Púxose o partido de cara para os visitantes. Adiantáronse no marcador ao cuarto de hora por medio dun penalti. Ao pouco de iniciar o segundo tempo, Antón marcou o segundo. O Muimenta quedouse con dez e semellaba que o partido estaba decantado. 

Con todo, o cadro celeste logrou apertar ao rival. Marcaron un gol e tiveron algún achegamento máis. O empuxe durou ata que Borja Mella marcou o terceiro e Xoel sentenciou co cuarto. 

O Sporting Pontenova volve estar preto do play off

A segunda vitoria seguida volve situar ao Sporting Pontenova preto da zona de promoción. De feito, ten os mesmos puntos (16) que o 5º (o Folgueiro). Derrotou a un rival directo por eses postos, o Cospeito. Logo do triunfo do derbi na fin de semana anterior, os pupilos preparados por Luis Romay quedan a dous puntos da zona de fase de ascenso. 

Os erros en área propia custáronlle caro ao Cospeito. O Sporting Pontenova comezou gañando por medio dun penalti. Os visitantes lograron empatar. Pero en cinco minutos, dous erros en defensa posibilitaron dous goles rivais

Seguiuno intentando o Cospeito que recurtou diferenzas nun partido máis aberto. Os locais botaron man da contra e noutro erro visitante, chegaría o cuarto. 

O Alfoz escapa da zona baixa

O Alfoz suma o terceiro triunfo nos últimos catro partidos. Superou a un rival directo como o Cabreiros. Queda na zona media da táboa, a dous puntos da zona de privilexio. O Cabreiros continúa 13º, un punto por riba do descenso directo. 

Foi un encontro con varias interrupcións no xogo. Dos golpes saíu mellor parado o Alfoz. Púxose por diante no primeiro tempo. No segundo acto, o Cabreiros quedou cun futbolista menos por segunda semana consecutiva. Expulsaron a Pani (foi sancionado con tres encontros) e os locais anotaron o segundo. 

Tentou o Cabreiros a igualada, pero non deu chegado. Cazás foi o único que estivo atinado coa portería rival. 

O Mondoñedo sorrí un mes despois

O Mondoñedo saíu da zona de descenso directo. Volveu gañar logo de catro xornadas sen facelo. Logrou os tres puntos ante a Comercial. O cadro mindoniense queda dous puntos por riba da zona de perigo directo. A Comercial é 10ª e marca a zona media. Está a catro puntos do play off e a catro da zona de descenso. 

A Comercial sobrepúxose a comezar perdendo, pero continúa coa dinámica de perder puntos nos últimos minutos dun partido. Aos locais saíulles o corazón de xogar no Viñas da Veiga e remontaron un encontro. Tres puntos moi importantes. 

A boa nova para a Comercial estivo no regreso de Botana. O central levaba varias semanas de ausencia por lesión. 

O Roupar gaña por primeira vez no curso

Despois de dez xornadas, o Roupar logrou desafogarse ao sumar de tres por primeira vez. Fíxoo ademais ante a Candelaria, un rival directo nestes momentos. 

O cadro preparado por Diego Dopico foi capaz de deixar a portería a cero. Colócase a seis puntos da salvación, que precisamente marca a Candelaria. 

Non foi un encontro moi vistoso. Pero ao Roupar tamén lle acompañou a sorte que lle fallara xornadas atrás. Lograron marcar dous goles e manter a seguridade defensiva. 

O Cabreiros é 13º con dez puntos. A Candelaria ocupa a antepenúltima posición con dez puntos. En descenso directo están o Muimenta (9 pts.) e o Roupar (4 pts.).

Sexta vitoria seguida do Oural

O Oural continúa a un ritmo extraordinario. Sumou o noveno triunfo do curso e acumula 28 puntos. Segue tendo seis de marxe sobre o Friol (2º) e e once sobre o Brollón (6º – un partido menos). 

Unha vez máis a pegada do cadro do Luis Pallín foi decisiva. O Oural superou ao San Lázaro con tres goles no segundo tempo. E iso que quedou cun xogador menos pola expulsión de Abreu. Volveu marcar Mario. Anotou un dobrete e alcanza xa os 15 goles. Tamén marcou o ‘9’ local, Diego Díaz. 

O Friol volve á segunda posición

O cadro friolés volveu ao camiño da vitoria. Derrotou na Reigosa ao Carballedo. Na casa só o Becerreá lle quitou os puntos en xogo. Queda a seis puntos do líder. Cinco por riba da sexta posición. O Carballedo segue na parte media-baixa da táboa con tres puntos de marxe sobre o descenso directo. 

Ao Friol custoulle poñerse por diante. Tivo que ser de penalti. A partir de aí anotou dous goles máis. Con todo, o Carballedo tamén tivo algunha ocasión para meterse no partido. 

O Ferreira, gran vitorioso da xornada na promoción

A terceira posición está ocupada polo Becerreá. Suma vinte puntos (e un partido menos). Vinte tamén ten o Antas (4º) e dezanove o Ferreira (5º e único que gañou dos tres). 

O Becerreá empatou ante a SD Chantada B. É o sexto empate da tempada do filial que non logrou sumar de tres. Os locais puideron poñerse por diante nada máis comezar. Non estiveron atinados. Logo o partido foi máis trabado. O filial aguantou ben as ocasións rivais. 

No partido xa non estivo presente Perry. O técnico deixou de dirixir ao filial chantadés. 

Nun dos partidos da xornada, o Ferreira superou ao Antas. Foi un encontro igualado. O Antas púxose por diante. O Ferreira avisara a balón parado. No segundo tempo dominuou o Ferreira e remontou o partido. Golazo de falta de Fagín nos últimos minutos. 

O Brollón queda a dous puntos da fase

O equipo dos Medos empatou ante o Lemos B. Un partido moi igualado e cunha gran cantidade de espectadores. Non falla a afección local. Se houbera un premio a maior asistencia na categoría, probablemente o levase sen rival. 

Os locais comezaron gañando cedo cun gol de Isma. Aos poucos minutos, Yeray empatou. Non tivo sorte na xogada e o propio goleador lesionouse. A igualdade imperou. Pero xusto antes do descanso, Isma volveu marcar

No segundo acto, ninguén tivo o control. Partido de ida e volta. Xa no último tramo, igualou o filial a balón parado. 

O Quiroga suma un punto máis na zona media

O Quiroga mantense na metade da táboa con trece puntos. Está a seis da zona de promoción e a seis do descenso directo. Empatou ante un Sporting Lucense que queda a tres da salvación. Terceiro empate dos capitalinos nos últimos catro partidos. 

Saíu mellor o Lucense na primeira parte. Antes do descanso marcaron o primeiro gol. Bo centro de Yaguito e remate de Kevin.  No segundo tempo o Lucense marcou o segundo nunha acción a balón parado por medio de Sergio. Pero ao pouco, Sergio ‘Pacho’ igualou o resultado con dous goles. 

O Lucense sufriu a lesión de Sergio que se tivo que retirar do partido. Estará como mínimo, unhas tres semas de baixa. Súmase a lesión de cruzado de David Fernández. Ademais de Camiño que, tras a súa lesión no curso anterior, continúa sen recuperarse. No club deuselle a carta de liberdade a Mejuto que fichou no Corgo

Importantes triunfos do Incio e do Paradela

O Incio e o Paradela lograron gañar na zona baixa e acumulan dez puntos. Tres de diferenza con respecto ao descenso directo. O cadro amarelo volveu gañar tras catro derrotas seguidas. O equipo do Cascabeiro superou a un San Roque que está na mala xeira con tres partidos perdidos de xeito consecutivo. 

Un Incio máis serio levou os tres puntos. Marcou o central Manu Campo tras un córner. Cepeda sentenciou cun gol a contra a pase de Weimar. 

O Paradela enlazou o segundo triunfo seguido. Foi o primeiro equipo en marcarlle dous goles ao Palas no que vai de temporada. Non puido contar o equipo con Romy, que comezou a súa recuperación tras romper a tibia.

Na primeira parte foi moi superior o Paradela. Púxose cedo 2-0 e co control. Na segunda metade, o Palas pasou a xogar con 3-5-2 e xerou tres ocasións moi claras. O Paradela acabou pedindo a hora pero termou. 

O Carballedo é 13º con dez puntos. O Paradela ocupa a antepenúltima posición con dez puntos. En descenso directo están o Sporting Lucense (7 pts.) e o Chantada B (6 pts.).

O Iberia líder, xusto antes de xogar co Racing B

Dulce fin de semana para o PM

O Iberia líder, xusto antes de xogar co Racing B

Os primeiros clasificados abren oco

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *