O histórico Compostela non vai deixar de ter presenza lucense no seu cadro de xogadores. Despois da baixa de Diego Rey, o dianteiro Santi Gegunde continuará no cadro adestrado por Yago Iglesias unha temporada máis. Na Terceira tamén seguirá o ex adestrador do Racing Vilalbés, Óscar Gilsanz, que adestrará o Laracha, un cadro que mantén o seu convenio co Deportivo e polo que a temporada pasada pasou o vilalbés Víctor Eimil.

Na Preferente, o gardamallas Pelayo cambia de equipo; deixa o Viveiro para marchar o As Pontes. Na Primeira o Chantada refórzase coa chegada do lateral esquerdo, Anthony, procedente do Lemos. Seguindo na vila do Asma, o Chantada Atlético incorpora ao ex futbolista do Escairón, Iago Otero, que ademais exercerá como director deportivo. No Páramo, Cansi deixa de ser xogador por mor dunha lesión e pasa a ser o segundo adestrador do equipo dirixido por Carlos Fontal. No Pontenova despois de confirmar a Andrés Bouza como adestrador, tamén fixeron oficial as baixas de cara ao vindeiro curso. Rubén, Daviciín, Franchi, Adrián Pasarín, Héctor, Bruno Bouza e Salva non continuarán no cadro aurinegro, xunto con Jorge Moirón que tivo que deixalo equipo antes do remate desta campaña.

Na Segunda, salientamos unha nova renovación no Mondoñedo FC, a de Ros Sixto. Na Terceira, Perry será o adestrador do Rubián despois do seu paso polo Sober. Tamén ten cambio nos bancos o Relámpago Taboada. Diego Moure, ex xogador e segundo adestrador do Chantada Atlético, faise cargo do cadro taboadés logo da marcha de Diego Mejuto.

No fútbol feminino colle forza o novo proxecto do Carballedo FC que xa anunciou as dúas primeiras incorporacións para a súa estrea no mundo do balompé. Paula Bugueiro e Vanesa Gómez son as dúas futbolistas confirmadas xa oficialmente, aínda que o club afirma que seguirá anunciando novas fichaxes nestes días.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario