A Terceira Rexional volverá ter dous grupos

 

Na reunión mantida entre a Delegación da Federación en Lugo e os equipos presentes da Terceira decidiuse por votación volver ao modelo de competición de hai dúas temporadas. A Terceira Rexional estará dividida en dous grupos no que ascenderán os dous primeiros clasificados de cada un; mentres que do terceiro ao sexto xogaranse outra praza de ascenso en cadanseu grupo.

As propostas eran dúas: por un lado, seguir o sistema de tres grupos como a campaña pasada nunha primeira fase e xogarse o ascenso nunha segunda. Esta opción incluía a novidade de que os clubs poderían inscribir futbolistas ata a máis avanzada a segunda fase (este ano só puideron incorporar xogadores ata o remate do primeiro tramo de competición). Por outra banda, estaba a posibilidade de volver ao sistema utilizado anteriormente, dividindo os equipos en dous grupos. Con doce votos a favor e tres en contra, finalmente vólvese ao sistema anterior, de tal xeito que os grupos quedarían configurados así (aínda non está confirmado que todos os equipos presentes saían en competición; segundo esta listaxe tres novos equipos aparecerían na Terceira: SD Viveiro, Lemos B e Taboada B):

Grupo Norte: Matela, Alfoz, Catro Roldas, Muimenta, Celta Barreiros, Celeiro, SD Viveiro, Fonsagrada, Friol B, Rioaveso, Cazás e Rábade

Grupo Sur: Antas, Castroverde, Rubián, Lemos B, Milagrosa, Quiroga, Laxosa, Rio Sil, Sober, Taboada B, Relámpago Taboada, FC Becerreá e Paradela

A competición tería 22 xornadas e comezaría a fin de semana do 16 de setembro para acabar a mediados de marzo. A estudo está que os conxuntos que non xoguen play-off, para evitar a inactividade durante semanas, disputen unha especie de previa con dúas eliminatorias a dobre partido para a Copa. Como aspecto negativo chegarían menos equipos de Terceira Rexional á fase na que se enfrontarían aos de Segunda.

O caso do Matela que afecta a máis equipos lucenses:

O Matela descendeu por arrastres despois do seu ascenso na tempada anterior, pero aínda ten unha opción de permanecer na Segunda

O conxunto de Outeiro de Rei aínda non sabe en que categoría competirá a vindeira temporada. Está pendente da decisión do Estudiantil equipo da Preferente que dende a tempada 16/17 presentou un recurso nun partido de liga ante o Arzúa reclamando os tres puntos dese encontro. Coa clasificación final desa campaña, eses tres puntos colocarían o Estudiantil en postos de ascenso directo á Terceira División. Dadas as circunstancias, se se resolve ese contencioso o Estudiantil podería competir o vindeiro ano en Terceira. En cambio, se o recurso segue sen saír adiante, o club estradense da parroquia de Loimil di que sairía en Terceira Rexional. Esta decisión afecta directamente ao fútbol lucense, xa que a Residencia permanecería en Preferente, o Valadouro na Primeira Autonómica e o Matela na Segunda. O futuro coñecerase o 30 de xullo, na Asemblea da Real Federación Galega de Fútbol en Santiago. No caso de que o Matela xogue na Segunda, a Milagrosa pasaría a formar parte do grupo norte para compensar os equipos de cada grupo no caso de que non se produza ninguna modificación máis.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario