Diario dun mercado. Episodio 518

Estamos na primeira fin de semana de xullo, pero xa cheira a pretemporada. Estamos nesas semanas a cabalo entre os equipos que remataron tarde o curso 25/26 e os que xa desexan que chegue o 26/27. Neste mes os equipos lucenses da Terceira RFEF e da Preferente comezarán as sesións de adestramento e chegarán os primeiros amigables. Non obstante, de momento as miradas están postas nos movementos do mercado, aos que lle dedicamos o noso episodio 518.

Na Terceira RFEF continúa moi activo o Racing Villalbés. O cadro vilalbés anunciou xa a súa novena fichaxe e conta con 19 xogadores para a próxima tempada. Trátase dun novo futbolista para a zona de ataque: Rodri Alonso. O dianteiro, natural de Ponferrada, chega procedente do Silva, club do que formou parte nas últimas tres tempadas.

Aos seus 34 anos, Rodri conta cunha ampla traxectoria no fútbol galego, a onde veu hai doce anos ao fichar no Barco. Bergantiños, Rápido de Bouzas, SD Compostela e Ourense CF son outros dos conxuntos que forman parte do currículum do atacante. No último curso, con só 16 partidos titular, asinou o seu mellor rexistro goleador dos últimos anos: 8 goles.

Rodri únese a Marcos Aller (Arteixo), Julio Lansade (Viveiro), Raúl Melo (Arteixo), Brais Prieto (Lalín), Javi Muíño (Noia), Adri Castro (Boiro), Chans (Mirandés B) e Martín López (Lalín) na listaxe de novidades para a seguinte campaña. A maiores está asegurada a continuidade dos porteiros Santomé e Yago Miguélez, os centrais Edu Reigosa e Cadra, os irmáns Varela, Gael, Sergio Otero, Borja Míguez e David Gegun.

O club racinguista tamén informou da continuidade do multifuncións Chelino e do delegado Paco González.

Dafonte, quinta renovación do Lemos neste mercado

Na Preferente, o Lemos continúa planificando o novo curso, a pesar de que hai menos de quince días que finalizou o anterior. Nas últimas horas fixo oficial a continuidade dun dos capitáns, Daniel Dafonte.

Dado o seu nome, poderíamos lanzar a brincadeira de facer unha análise DAFO, unha ferramenta para tomar decisións en base a debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades. No caso deste Dafo, seguramente a súa renovación estea basada en moitas fortalezas e oportunidades dentro do vestiario da Pinguela. O capitán cumprirá nove anos consecutivos nesta segunda etapa no club da súa vida.

A renovación de Dafonte, súmase as de Pablo Losada, Borja Castro, Sergio Seijas e Brais Pardo. Nos próximos días seguiranse desvelando máis novidades do proxecto que dirixirá o adestrador All Star Futbolinlugo Pastoriza 2026 Alberto López.

No norte, o Burela comunicou a renovación de Antón Carmiña. O centrocampista é a décima continuidade anunciada pola entidade da Marosa. Yeray, Yago Ramos, Dani Sante, Adri Deán, Diego Chao, Kiko Mariño, Iván, Jairo Campo, Jairo López e o propio Antón aseguran a estrutura do cadro verde.

Xairo Carballés constata a continuidade do proxecto do Ribadeo

Na Primeira Futgal, Xairo Carballés xogará por sétima tempada no Ribadeo, todas as que leva como sénior. Aos seus 25 anos, o xogador de Pastoriza, únese a outras doce renovacións do club: Santi, Pablo Castrín, Bruno Rico, Simón Hortal, Mario Lorido, Iñaki Ramos, Yago Cruña, Nico Álvarez, Roi, Adri Cube, Diego Ferreiro e Sergio García.

Polo momento, o cadro adestrado por Dani Moirón, confimou unha fichaxe, a do gardamallas Iker García.

Manu Rodríguez cumprirá a súa cuarta temporada no Ferreira

Na Segunda Futgal, o Ferreira continúa apostando por Manu Rodríguez coma adestrador. O director do grupo que alcanzou este curso a final da Copa, segue no Baliño, a onde chegou en 2023. Agárdase a continuidade dun grupo que amosou unha gran unión nas últimas tempadas. Xa se vai sumar a el Óscar ‘Maki’, anunciado como a primeira fichaxe. O centrocampista quirogués vivirá a súa segunda etapa no club. Procede do Escairón.

No norte da provincia, salientamos as renovacións de tres futbolistas importantes no Abadín. Seguen dous mozos chamados a coller aínda máis galóns: O defensa Pablo Díaz e o centrocampista Noé Iglesias. Ademais, renova o valego Antonio Gavín ‘Tontxu’, que os acompañará na capitanía.

Máis ao norte, comentamos cadansúa saída nos clubs de Barreiros. No Celta non continúa Julián Ortega ‘Congui’. O centrocampista de orixe colombiano volvera este curso ao Cascabeiro.

Pola súa parte, Dani Prieto deixa o Iberia. O futbolista ribadense, xogador All Star Futbolinlugo Carballedo 2022, deixa o conxunto de Reinante logo de cinco campañas vestindo a súa camisola.

Diario dun mercado. Episodio 518

Diario dun Mercado. Episodio 517

Diario dun mercado. Episodio 518

Diario dun mercado. Episodio 518