Os dous representantes lucenses en Terceira RFEF achégannos novidades. O Racing Vilalbés vén de asinar un gardameta de garantías. Álex Santomé, madrileño de nacemento pero de familia vilalbesa, defenderá a portería do conxunto chairego logo das saídas de Ángel Fraga e Javi Rumbo. O gardameta, procedente do Marbella, formouse nas categorías inferiores do Atlético de Madrid e pasou polas filas do Talavera, Illescas ou Real Murcia, onde chegou a disputar a Copa do Rei diante do Barcelona. Non é a única novidade no cadro dirixido por Simón Lamas. O dianteiro Santi Gegunde afrontará a segunda etapa no Racing, logo do seu paso polo Somozas.
O Viveiro segue apuntalando o seu cadro de xogadores. Os canteiráns Rolle e Arturo seguirán un ano máis vestindo de celeste e acompañarán á flamante fichaxe viveirense, Iker Hurtado, na zona de ataque.
O Ribadeo renovou a Antón Couto. O focense cumplirá así a segunda temporada no Pepe Barrera. Diego Amoedo incorpórase como preparador físico ao corpo técnico que capitaneará Dani Moirón. Outro ribadense, Miguel Fuente ‘Moro‘, ata o de agora nas filas do xuvenil da SD Ribadeo, co cal logrou ascender a liga galega, será o novo adestrador do Sporting Pontenova, onde xa militara como xogador. No xuvenil dos da Mina seguirá Peña, que fará tamén a labor de coordinador deportivo.
O Lourenzá renovou a un dos clásicos, o gardameta Adrián Cabaleiro ‘Bugui‘. E seguimos con porteiros. O Monterroso recupera a Paco, procedente do Portomarín. Un ex do cadro de Cerdeiriños, Xabi, defenderá a portería do Meira. Tamén xogará na Lomba o xuvenil Nico, con pasado na base de Sporting Pontenova e Residencia


Traste non continuará como coordinador da SD Chantada e tamén deixará o filial do conxunto chantadino.
Choco, e o capitán Polín, continuarán un ano máis nas filas do Quiroga.
