#Fútbol afeccionado #Feminino #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal

Contracrónica do II All Star Futbolinlugo

Pasou o día, pasou a romaría. Polo tanto, é o momento de facer autocrítica e ver todo aquelo que se pode mellorar, que seguro que é moito.

Aínda así, non vos imos enganar. A día de hoxe seguimos nunha desas burbullas do CERCUD de Baamonde. Encantandos e desfrutando do dulce soño de ver a toda a provincia reunida en torno a un balón. Só a lesión de Chusa no quecemento do partido feminino e o fino orballo que nos acompañou durante unha hora, empañaron unha xornada para o recordo.

Non imos enumerar aquí a toda a moita xente á que lle temos que dar as grazas por este día inolvidable. Os patrocinadores fixérono posible, o Carballedo CF merece cen mencións aparte… Que maneira de traballar e axudar. Pero son os nosos seguidores os que nos obrigan a ter xa en mente onde facer a terceira edición. Porque xa vos podemos dicir que a haberá. Non nos queda outra despois do que vimos no Catro Ventos.

Vaiamos ao gran. A mañá comezou con sol e o partido feminino. Moito máis disputado e equilibrado que o da primeira edición en Burela. A selección sur levaba o peso no xogo, liderada por unha Noe Pires que abría o marcador. E por unha MVP Yanire, que impedía calquera aproximación dunha Selección Norte á que lle custaba facer perigo. Ás de Pili Neira non lles chegaba coa súa solidez atrás en medio da chuvia. E pese a intentar a remonta na segunda metade, a chantadina Eva mataba o encontro a menos de cinco minutos para o remate.



Repartimos os trofeos, sacamos os ‘selfies’ de rigor e fomos comer ao Berrello. E hai que dicir que en Carballedo ademais de ter unhas instalacións espectaculares, ao tema culinario tamén lle dan como se debe! Xa co bandullo cheo podiamos comenzar cos concursos.

No Crossbar Challenge Marino A Barbería tivemos final feminina. Cheni impúxose a Henar no lanzamento ao longueiro. Acto seguido, conseguimos algo histórico. Xuntar a un da SD Chantada e a outro do Atlético. E por riba, campeonaron no Futgol GADIS. Seis golpeos para deixar o balón cravado en dous dos currunchos do Catro Ventos.

Nerea Lombardero, en acción

Quedaba a traca final dos concursos. O Fútbol Burbulla fixo as delicias de participantes e afeccionados. Tanto co bo facer dos gañadores do Santaballés (Chechu e Muñiz), como coas múltiples caídas ao chan por contactos. E sorte que a patada voadora de Valigol non pillou tibia algunha! Podedes comprobalo pinchando nesta ligazón.



Remataron os concursos e abriuse o turno das homenaxes. A filla de Alberto recolleu o agasallo para o capitán do Taboada, o clásico Diego González de Bóveda recibiu o agarimo do respectable meses despois da súa retirada. Ao igual que os xa exxogadores Villy (Sporting Pontenova) e o afeitador de pernas Antonio Gesto, ‘made in’ Abadín.

Homenaxe a Diego Arias. MARILUZ FAGÍN

O partido masculino iniciouse con cinco minutos de retraso. O colexiado Álvaro Valín non conseguía que Roberto terminase o quecemento do equipo de Primeira e Segunda Galicia. Pero a táctica estaba clara.

A primeira metade foi de claro dominio do conxunto do exporteiro do Lugo e o chantadino de adopción Óscar Méndez. Lorenzo, Hugo e Anxo impoñían a súa lei en tres cuartos de campo. Raúl exercía de ‘stopper’. Pena que o último dos tres só xogase media hora por mor da final de Copa que disputaba no día de onte!

Xairo e Gerardo, disputan un balón

Pois iso, Hugo abriu a lata ante un Canario acertado. E asistía ao rei dos festivais Jairo para materializar o segundo antes do descanso. Na reanudación, cambiou o conto. O dominio pasou para o combinado de Preferente e Terceira Galicia, ao que lle custara carburar no primeiro acto.

O MVP Gerardo botouse ao equipo ás costas a base de rabonas, asistencias e goles. E a escadra de Chinchón e Paco Corredoira asinou unha remonta antolóxica (5-3). Gerardo (2), Fagín, Víctor e David Ben mollaron nunha segunda metade na que Jairo Campo volvía ver porta desde o punto de penalti.



As equipacións do II All Star Futbolinlugo

O conto non acabou aquí. A parte máis bonita e emotiva quedou para o remate. Fixemos chorar a Diego Arias, a Montxiño, a Javi Castro e a un Peón que non contaba con semellante encerrona. Homenaxes merecidas para concluir unhas carreiras exemplares. Longa vida aos exfutbolistas que dignifican o noso deporte! E por suposto, ao All Star! Non hai dous sen tres, non?

Contracrónica do II All Star Futbolinlugo

O anecdotario: «Un ascenso calcado», por Isaac

Contracrónica do II All Star Futbolinlugo

Diario dun mercado. Episodio 281

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *