Xusto! Xusto seguirá un ano máis na Chaira. O central mariñán continuará sendo un dos máximos expoñentes da zaga do Racing Villalbés. Falando de talentos mariñáns, semella que un deles cambiará de aires. Manolito non renova con Valadouro e os mentideiros futbolísticos sitúano xa en Foz. Co cal o eterno Gayol tería o seu nove desexado. Nada oficial, por agora.
De Foz viaxamos a Viveiro, onde este ano se preparan para bailar samba. Ritmos brasileiros que chegan dende a outra punta da provincia. O cadro celeste vén de asinar a tres das grandes sorpresas do Lemos: o central Joao Pedro, o dianteiro Fernando Erikson e o fino centrocampista zurdo Mario. A nómina de cariocas podería incrementarse coa chegada de André Sousa, polivalente atacante que tamén actuou a pasada campaña en Monforte. Non moi lonxe de Monforte, coñecemos que o soberino Ramón Rodríguez será o novo gardamallas do Somozas.
Ademais, xa coñecemos varios compromisos estivais. O Incio enfrontarase ao Sober (30/07), Oural (05/08), Paradela (13/08), Sarria FV (20/08) e un triangular en Quiroga (27/08). Dende aquí aproveitamos para dicirvos que nos contedes cando ides empezar a vosa pretempada e os amigables programados. Sabemos que xa botades de menos o noso fútbol, así que imos matar a fame a base dos clásicos partidos estivais. Entre todos faremos o mellor mercado e o mellor calendario deste balompédico verán.

