Non é habitual que na provincia haxa moitos movementos de mercado no inverno. Pero este xaneiro pode considerarse excepción. Onde si entra dentro da normalidade que haxa cambios é no PM Friol. O cadro friolés comeza este domingo o ano na Reigosa ante o Oviedo Moderno (12:30h – xornada 9). Farao xa con novo adestrador, aínda que a súa incorporación farase oficial a vindeira semana.
José Manuel González ‘Ponfe’ vai selo novo preparador do conxunto amarelo. O técnico chega para substituír a Abraham García que foi cesado antes de rematar o ano. Ponfe collerá ao equipo na penúltima posición do grupo A da Reto Iberdrola. Atópase a seis puntos da zona na que non tería que pelexar na 2ª Fase por non descender.
Un dos #LucensesNaTerceiraGalega na primeira parte do campionato cambia de aires. O gardamallas Ramón Rodríguez deixa o Fisterra e ficha no Dubra da Preferente. O soberino chega ao equipo con sede na capitalidade municipal de Bembibre logo de non contar cos minutos que quixera no cadro do Ara Solis. Ramón foi titular en seis encontros este curso. Súmanse aos cinco de experiencia cos que xa contaba en Terceira.
Non obstante, a recuperación de Iván Bouzón logo dunha grave lesión condicionouno e quedou fóra da convocatoria de Jaime Sánchez nos últimos dous partidos. Ramón xa se estreou este sábado coa camisola do Dubra. Xogou a primeira metade dun encontro amigable fronte ao Sofán.
O inicio da competición da Preferente é, en principio, unha realidade. Non obstante, aínda hai varias incógnitas por despexar para que comecen os partidos oficiais. Á espera de como continúa a evolución da pandemia (que se prevé complicada nestes días) e de que se organice un calendario para a liga, os equipos continúan planificando a súa volta.
⚠️ ÚLTIMA HORA. Segundo puidemos saber de fontes da @rfgf, esta temporada non teremos Primeira, Segunda e Terceira Galicia
???? Ademais, a Preferente podería comezar máis tarde do previsto
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) January 4, 2021
Unha das novas máis salientables atopámola no sur da provincia. Julio Corral converteuse en novo adestrador do Escairón, tal e como adiantou La Voz de Lemos. O técnico monfortino chega despois de que Montoto non siga na dirección do equipo do Saviñao.
Corral tiña previsto ao inicio de campaña comezar un proxecto no Bóveda na Segunda Rexional. Logo das circunstancias do fútbol máis afeccionado, acepta este reto avalado pola súa experiencia. Os seus éxitos máis recentes quedaron a vista no Ferreira ou na Sarriana.
No norte tamén falamos de adestradores. Aínda que a función que lle requiren na actualidade a Pepete non sexa a da preparación dende o terreo de xogo. José Bermúdez Mosquera ‘Pepete’ vai selo responsable da secretaría técnica do Ribadeo FC. Nos últimos meses xa comunicara a súa decisión de non seguir no cargo que nun primeiro momento aceptara na SD Burela.
Logo do seu anuncio, xa foi presentada a primeira das fichaxes deste tempo. O central Iván Fernández Méndez chega o cadro celeste logo de contar con pasado nos xuvenís do Burela e do Viveiro na Liga Galega. O futbolista de San Cibrao fora anunciado no verán como fichaxe para a SD Burela. Agora vivirá a súa primeira experiencia sénior no Ribadeo CF.
Tamén volverán vestila celeste Lucki e Santi. Diego Fraga ‘Lucki’ fichara no verán na SD Pol procedente do Ribadeo. Ao non comezar a competición da Primeira, Lucki volveu ao que foi o seu equipo nas últimas cinco temporadas. Tamén volverá incorporarse ao club Santi Vázquez. O friolés destacado no seu Friol CF xa xogara no Pepe Barrera nalgunha que outra ocasión.
Ademais a Sarriana confirmou o regreso de Mauro Busi. O dianteiro tamén fora anunciado no pasado mes de xuño como novo xogador do Pol para o seu ambicioso proxecto en Primeira Rexional. Pero ante a imposibilidade de xogar, o atacante lucense volverá vestir as cores brancas. Algo que xa fixo nas últimas dúas campañas. Os pupilos adestrados por Charly xogarán este domingo un amigable na Liga ante o Santaballés.
No CD Foz tamén comezan a poñerse en marcha a espera do que virá. Este venres retomaron a actividade tras pasar os pertinentes tests e dar todos negativo. De cara a semana que vén, prevese que o club focense anuncie, como mínimo, un par de incorporacións.