Diario dun Mercado. Episodio 513
-
Eros López | 26/06/2026
- 0
- 2min de lectura
O Diario dun Mercado segue coa mesma forza para axudar a que todo o fútbol lucense poida abrir boca antes dun All-Star Futbolinlugo que reunirá as maiores estrelas do noso fútbol. Pero, pese a que o núcleo vai estar na Pastoriza, os movementos non paran en ningún momento, con equipos que seguen consolidando os seus proxectos de cara á vindeira campaña.
E o mercado arrinca coa Terceira RFEF, onde Javi Muiño firma co Racing Villalbés procedente do Noia para reforzar a súa parcela ofensiva. Houbo tamén movementos no seu filial, xa que fichan a Brais, procedente do Castro, e acadaron tamén a renovación de Quintela, que promociona desde o xuvenil chairego.
Pasamos á Preferente onde o Burela segue a consolidar a súa aposta polos xogadores da casa. Fano en forma de renovacións, onde se manteñen tanto o defensor Dani Sante como o dianteiro Adri Deán. Tamén firman a Anxo para o segundo curso seguido da entidade na categoría. Ademáis, en Chantada haberá un regreso á división despois de que o mediocentro taboadés cambiase o Castro polo Sangoñedo.
Na Primeira Futgal pasaron moitas novidades do mercado. O Taboada renova a Mosky, Potente, Isma e Jacobo, mentres que o Lourenzá ficha a Brais, central ribadense que procede do Celta Barreiros, onde militou tres temporadas. Dáse a casualidade de que se volverá a atopar con Rubén Acebedo, que foi o seu adestrador no Cascabeiro. En Ribadeo tamén hai cousas, xa que Pedrinho, Anxo, Luis Pernas e Nacho marchan do Pepe Barrera, onde seguirá sentado no banco Dani Moirón e liderando no campo o capitán Santi.

Na Segunda Futgal hai chegadas, marchas e renovación, o que vén sendo un pleno do mercado. Pasín, todo un clásico da zona sur, será o novo adestrador do Rubián. O Iberia pecha a súa portería despois de asinar a renovación de Javi Prieto e a fichaxe do xuvenil Álvaro, procedente do Ribadeo. No Goiriz, Manu Veiga continuará un ano máis, mentres que no Castro marcha Dani Montes despois de tres anos.