O Iberia líder por primeira vez na tempada
O Iberia goleou en Cospeito (0-9) e aproveitou a derrota do Sanci para colocarse no primeiro posto da clasificación. Mantense sen perder, tras un partido no que amosou a súa superioridade. Sobresaíu Carlos, anotou dous goles e deu tres asistencias.
Esta semana Adri Cubelas pasou polo quirófano para operar o seu xeonllo. Dende aquí todo o noso ánimo.
O Sanci corta a boa xeira
O San Ciprián perdeu na súa visita ao Guitiriz (2-1) tras enlazar cinco vitorias consecutivas. Saíron mellor os locais que se puxeron por diante no minuto 1. Nun córner botado por Javi marcou Brais. O seu primeiro gol co primeiro equipo.


Os visitantes non estiveron cómodos na maior parte do partido. Con todo, Uru logrou empatar nunha falta lateral ben pateada por Antón. Nada máis sacar do medio, o Guitiriz fixo o segundo, obra de Antón.
Os locais controlaron o encontro e souberon termar das acometidas rivais que no segundo tempo, con Deonildo e Hugo Fustes como carrileiros, tentou xerar perigo.
Medra o Sporting Pontenova
O cadro pontenovés superou á Candelaria (3-0), que viña tamén de dous triunfos seguidos. O cadro dirixido por Merino ocupa a terceira praza. Soto adiantou aos locais nun primeiro tempo no que puideron marcar algún gol máis.

Na segunda metade, o Sporting sentenciou o encontro con goles de Brayan e Costea.
O tren das 12: Folgueiro, Riotorto, Casás e Xermade
O Folgueiro superou ao Celta Barreiros (3-1) na estrea do céspede artificial en Boa Vista. Nun día de festa para o club local, os pupilos sénior non fallaron. Iso que comezaron perdendo, Rcoky foi o primeiro en marcar.
O balón parado tamén funciona no novo Boa Vista e, a través del, os locais deron remontado antes do descanso.
O Riotorto uniu o seu terceiro triunfo consecutivo en Xermade (0-1). Ambos equipos teñen agora os mesmos puntos na táboa con cadansúas dúas derrotas e catro vitorias.
O encontro estivo moi competido. O gol de Óscar foi decisivo e está tamén nunha boa xeira goleadora a nivel particular. Os locais reclamaron con asiduidade un par de accións que consideraban penalti co marcador 0-0.

Un Riotorto que dende a xornada 3 xa non conta con Gerardo Carrera. O atacante que levaba uns anos no fútbol galego e tamén na provincia, regresou a Asturias por motivos laborais.
O Casás mantense invicto, logo de sumar un novo empate ante o Mondoñedo nas San Lucas (1-1). Tres partidos gañados e tres igualadas, son a carta de presentación do club capitalino na súa primeira tempada na 2ª Futgal.
Juan adiantou ao Casás tras un rexeite. Puido ampliar vantaxe o cadro visitante ao inicio do segundo tempo, pero o Mondoñedo mellorou. Empatou, marcando gol a balón parado por primeira vez na temporada.
Segundo triunfo do curso para o Alfoz
O cadro alfocense venceu ao Cabreiros (2-3) e supera o seu rival na clasificación. Ambos conxuntos precisaban a vitoria para afastarse da zona baixa neste inicio de liga.
Os locais marcaron moi cedo por medio de Chema. O Alfoz logrou igualar xusto antes do decanso e conseguiu remontar no segundo tempo. Nesi foi expulsado e Wasi tivo que asumir funcións de gardamallas. Nos últimos intres o Cabreiros marcou de penalti.
A Piringalla volveu gañar e Héctor marcha do Muimenta
A Piringalla derrotou ao cadro celeste (3-0). Os locais dominaron a maior parte do encontro. Tivo claridade ante a portería rival e marcou por medio de Miguel, Cristóbal e Román. É o segundo triunfo do curso, logo de gañar na primeira xornada.
Despois do partido, o adestrador Héctor Expósito decidiu dar un paso ao lado logo da dinámica de resultados. O equipo sacou un punto nestas seis primeiras xornadas. Polo momento, o seu axudante, Saúl Méndez é quen se fixo cargo do equipo na sesión de adestramento desta semana.

O Ferreira mantense na cabeza
O equipo de Pantón superou ao Páramo (4-2) nun dos grandes encontros da xornada, tras o bo inicio na competición do club das Rapadas. O quinto triunfo do curso, permítelle ao Ferreira seguir no primeiro posto con tres puntos de diferenza con respecto aos seus perseguidores.
Oski puxo moi rápido por diante aos seus. No segundo tempo, ampliaron vantaxe por medio de Rafa de penalti. Non se rendeu O Páramo que en pouco máis de dous minutos logrou empatar.
Non obstante, repúxose o cadro local. Fagín e Héctor conseguiron anotar dous goles que lles deron o triunfo.
Terceiro empate seguido do Brollón
O Brollón e o Becerreá empataron (1-1) noutro dos duelos da parte alta da táboa. Ambos conxuntos mantéñense invictos no que vai de campaña e quedan con doce puntos.
Adiantouse o Becerreá. Os locais igualaron antes do descanso por medio Maza. No segundo tempo non houbo goles. Os visitantes tiveron dúas boas opcións claras. O Brollón puido marcar ao final por medio de Isma.
O Palas e o Paradela, vidas paralelas
O Palas sitúase 3º tamén con doce puntos ao superar ao Incio (2-0). O club dos Chacotes vive un gran momento tras regresar á Segunda a tempada pasada. Acumula quince partidos sen perder contando a competición do curso pasado, máis esta. Neste tempo logrou, dez vitorias e cinco empates.
Iso que o Incio foi quen se puido adiantar antes no último partido. Os pupilos adestrados por Brais Vázquez melloraron no segundo tempo, manexaron a posesión e xeraron oportunidades. Nando marcou de falta e Samuel anotou o segundo.
O Paradela venceu no derbi ao Portomarín (2-0) e acumula doce puntos con tres vitorias e tres empates. Desde que na primeira xornada igualou co Palas, ambos equipos colleitaron os mesmos resultados cada xornada: empate ou triunfo.
Partido trabado no que os goles chegaron no segundo tempo. Os locais botaron man do balón parado para resolver o partido.
Cuarta vitoria seguida do San Roque
Os pupilos adestrados por Piru venceron ao Quiroga (3-1). Son o mellor equipo da Segunda lucense en canto a resultados nas últimas catro xornadas. Ocupa a sexta posición con doce puntos, pero igualado en puntuación co 2º. En cambio, o Quiroga sitúase no último posto cun punto; iso si, igualado tamén coa posición de salvación.
Adiantáronse os de Lugo capital, pero o Quiroga non se aminorou, empatou e estivo moi metido no partido no primeiro tempo. No segundo acto, o San Roque dominou as segundas xogadas e por aí atopou o camiño da vitoria. Raúl anotou un dobrete a balón parado.
O Santa Comba escala postos
O conxunto da parroquia lucense do mesmo nome conseguiu un triunfo de prestixio ante o Friol na Reigosa (1-2). O encontro foi moi competido. Roy volveu estar a un bo nivel nos visitantes.
O Santa Comba foi quen se puxo por diante e logrou unha vantaxe de dous goles. O Friol non foi capaz de estar atinado na área rival e tan só marcou un tanto.
O Antas suma 10 puntos
O club do Castro Seoane superou ao Lemos B (2-1). Terceira vitoria do cruso para o Antas que lle permite situarse na zona media. Pola contra, o Lemos B queda cun punto, igualado coas posicións de descenso.
O Antas marcou o primeiro a balón parado por medio de Méndez. Con ese resultado se marcharon ao descanso. No segundo acto, Besteiro repetiu asistencia e Méndez repetiu gol. O filial lemista logrou marcar un gol que os meteu no partido, pero non lles deu para empatar.
O Rubián volve gañar tras a primeira xornada
Os do Poste gañáronlle ao Chantada B (1-0) e toman vantaxe coa zona baixa. O encontro estivo igualado no primeiro tempo. O Rubián saíu mellor no segundo tempo e lograron marcar. O tanto de Brian foi decisivo. Xa non houbo moitas máis opcións.
